18:41 Mércores, 18 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-05-2018

A contradición do laicismo témola, non por parte do Estado, senón parte dos sucesivos gobernos que non foron capaces de adaptarse aos tempos

A coartada da tradición

Valorar (2)

ADOLFO DE ABEL VILELA



A Semana Santa española naceu como manifestación da fe nunha crenza e como espectáculo, pero hoxe prima máis o segundo que o primeiro. E un ano máis algún dos desfiles procesionais volveron a suscitar opinións dispares porque, como é lóxico, as motivacións e os pareceres teñen unha orixe diversa. Neste caso conflúen, por unha banda, unha cuestión relixiosa, de devoción, e por outra, constitúe un patrimonio cultural e artístico máis ou menos importante cunha vertente económica, a do turismo. Non sei si este aspecto da Semana Santa a poderiamos resumir como unha gran función teatral con actores e espectadores, que participan por motivos diversos, con orixe no período do barroco. E nunha parte deses actores é dos que hoxe me quero ocupar.

A maior ilustración menor relixiosidade

Os desfiles procesionais da actual Semana Santa española ten dúas orixes. A máis antiga está nos efectos do Concilio de Trento en canto a fomento da devoción que se vai a desenvolver coa fundación de numerosas confrarías e santuarios, e a máis moderna  no nacionalcatolicismo da ditadura de Franco. Xa que logo hai unha orixe remota, que non vai máis aló do século XVII, e outra recente, dos anos 40 do século pasado. Estes dous puntos de partida sérvennos como pretexto para que falemos de tradición, a coartada que utilizan algúns para poder xustificar en beneficio propio determinados usos e costumes que, se non están fóra de época, si o están de lugar.
Como xa fixen noutras ocasións quero advertir que eu son de rezo diario. ¿Quero dicir con isto que son un mexapías e un católico modélico? De ningún xeito, porque me falta un dos principios fundamentais para a militancia nunha crenza relixiosa, a fe. E a fe conta cun inimigo poderoso que é a ilustración, por iso a Igrexa que tiña en exclusiva o procedemento para conseguir a salvación, como institución, preocupouse de controlar o ensino, a censura dos libros, a intromisión nas conciencias, o control das lecturas e a oposición ao avance da ciencia, porque sabían que a máis coñecemento menos relixiosidade. As relixións son florecentes naqueles lugares onde as sociedades teñen unha formación e unha educación máis deficiente.
Entón, preguntaranse, pensando así ¿por que reza todos os días? Pois fago por dúas razóns. Sérveme de pretexto para que unha vez ao día teña un momento para acordarme dos meus aos que quixen e xa non están, e por outro, por tradición. Criado e educado no período do nacionalcatolicismo, no que case todo era pecado, a ameaza de ir ao lume eterno do inferno, servía de contención para determinados comportamentos individuais e colectivos.

Pero pasou aquel tempo excepcional, enténdase no sentido que lle daba a xeración dos meus pais e a dos meus avós, que chamaban "tempos normais" aos anteriores á guerra civil do 36, e a medida que acumulaba anos, experiencia e coñecemento, dinme conta que fun víctima dunha estafa polo Estado e pola Igrexa, unidos na tradicional alianza do Trono e o Altar, coas eivas da educación que me deron.

A Igrexa tratou de adaptarse aos tempos e recoñeceu que o ceo, o inferno e aqueloutros lugares intermedios de sufrimento, como o purgatorio e o limbo dos xustos, non existen, aínda o acaba de recordar o papa Francisco, non son lugares físicos. Eliminou a salvación que durante séculos foi a base do seu sustento espiritual e económico e non pasou nada, porque a Igrexa como institución segue. Pero o caso do Estado aquí é diferente, dado que os gobernos do PSOE non o quixeron afrontar posiblemente por temor a molestar, e os do PP fan coa relixión e as institucións un uso partidario. O laicismo que pregoan non se corresponde coa actitude que mostran.

A coartada da tradición

A contradición do laicismo témola, non por parte do Estado, senón parte dos sucesivos gobernos que non foron capaces de adaptarse aos tempos de maneira que nalgúns casos seguimos metidos no nacionalcatolicismo. O Xoves Santo, 22 de marzo, dicía El País que "España es otro país", e ten razón, pero precisamente por iso, porque somos outro país, hai cuestións que están fóra de lugar e a conclusión do seu editorial é contradictorio.

Estou de acordo en que as procesións están vinculadas ao pasado pero que deixaron de ser "un ritual fuertemente vinculado a la fe católica y que son, antes que nada otra muestra de su importante riqueza cultural" xa que para uns a Semana Santa é un xeito de expresar o seu compromiso relixioso e para outros unha oportunidade máis de volver visitar as tradicións, pero termina cunha apreciación, ao meu xuízo correcta, que é o feito de que na España do século XXI a relixión forma parte da vida privada e as procesións unha escusa para gozar da vitalidade dunhas antiquísimas formas culturais, pero chega a unha conclusión falsa cando di que "el nacionalcatolicismo del franquismo ha quedado ya, afortunadamente demasiado lejos. Por mucho que algunos sigan defendiendo lo contrario".

Pero a realidade é ben outra, e ese mesmo día nos cuarteis a bandeira de España ondeaba a media asta en sinal de duelo pola morte de Cristo. Os mandos militares, sexan políticos ou profesionais, teñen que levar as súas crenzas ao .ámbito do privado, non do público. Os defensores e garantes da Constitución non deberían de interpretala de acordo coas súas ideas relixiosas ou políticas, senón literalmente. Si o Estado é aconfesional, os profesionais da política, do Exército e das forzas de seguridade do Estado, é dicir de todos, como os demais cidadáns, na súa vida partidaria e privada poden profesar a relixión e ideoloxía que lle guste, pero está fóra de lugar cando a levan ao terreo público, cando nos representan a todos ou visten un uniforme. O mesmo día do citado editorial, Francia dábanos o seu exemplo de estado aconfesional e laico, na homenaxe civil ao xendarme Arnaud Beltrame morto nun ataque terrorista en Trébes, presidido por Emmanuel Macron. Fixeron un acto solemne civil. Aquí fariamos un funeral de estado polo rito católico.

O día de Venres Santo a ministra de defensa acompañada dos de Interior, Xustiza e Educación e Cultura, ou sexa o PP, presidía en Málaga a procesión do Cristo de la Buena Muerte na que participaba a Lexión, ecantaban canda eles "Soy el novio de la muerte", como lle dixo Unamuno ao fundador Millán Astray, "ser novio de esa cosa tan fea". Os defensores deste espectáculo xustifícano coa tradición que ven de cando o Trono e o Altar estaban unidos, pero tamén era tradición queimar ás bruxas na praza pública, alancear o Touro de la Vega e tirar a cabra desde o campanario de Manganases de la Polvorosa, e xa non se fai. Este acto foi unha exaltación do nacionalismo español por parte dos que sistemáticamente atacan e critican ao nacionalismo chamado periférico.

Claro que a culpa non é dos que utilizan políticamente o seu paso polas institucións a favor das súas crenzas relixiosas, senón da xerarquía eclesiástica, que tendo potestade sobre as confrarías permiten a presenza de uniformados nas procesións, sexan do Exército ou dos corpos de seguridade do Estado. Por que non sei que ten que ver Xesucristo e a súa doutrina con eles e o seu cometido. Teño unha curmá, que ante a miña discrepancia, xustifica a súa presenza co argumento de que "adornan moito", e neste punto teño que darlle a razón, realzan o espectáculo, pero a Constitución non lle outorga esa misión. O partido que critica os populismos e os nacionalismos,  resulta ser o que máis os imita, utilizando políticamente as víctimas de calquera cousa execrable, a relixión católica e a bandeira que promoveron xurar en Lugo. Estando o PP no merecido camiño da extinción, gañárono a pulso,  debe aspirar a ser o partido residual da extrema dereita.  



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal