09:19 Sabado, 20 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-04-2018

O elitismo, o racismo, a exclusión social, a desigualdade económica, a xerarquización social e o afan pola dominación universal son características de Occidente.

O crepúsculo de Occidente

Valorar (12)

FRANCISCO GRAÑA


O crepúsculo de Occidente



A civilizacion Occidental foi un fenómeno histórico singular, que se iniciou nunha pequena parte do mundo, e chegou a abarcalo na súa totalidade, marcando fondamente o destino de toda a humanidade.

O Mediterráneo coas culturas grega e despois romana, xuntou as características necesarias para que unha civilización fixera da guerra permanente o eixo principal, e a súa expansión e o saqueo como forma corrente de intercambio mercantil, do comercio entre os pobos da antigüidade. Esta civilización resultou moi axeitada para criar as condicións óptimas que fixeron posible o desenvolvemento do colonialismo e posteriormente do capitalismo a escala mundial, despois de varias experiencias fallidas co Imperio Romano e o feudalismo en Europa.

O elitismo, o racismo e a exclusión social, a desigualdade económica e a xerarquización social, o afan pola dominación universal......son características de Occidente, herdadas da cultura greco-romana. A etimoloxía da democracia procede do grego, (Demos=Pobo),(Cracia=Goberno), pero a sociedade grega estaba constituida por unha minoria de de cidadans libres e unha maioría de escravos, produto das guerras, e tivo que ser establecida como a tiranía dunha élite sob a masa sometida. Os filósofos gregos resolveron este dilema negando co carácter humano á maioría da poboación, considerando aos escravos “animais falantes”. Deste xeito Grecia puído ser un exemplo de auténtica “Democracia”(Goberno do pobo). Máis adiante o Imperio Romano resolveuno ampliando a cidadanía a toda a poboación, polo que esta, deixou de ter valor. A elite romana formada por patricios-terratanentes, exerceu o seu poder e gobernou grazas a desigualdade na propiedade da terra. A maioría da poboación do Imperio caeu na indixencia e no servilismo pola fame(a plebe). Roma como compensación instituío a representación no Senado cos” tribunos da plebe”. Co Dereito Romano sentáronse as bases do Estado de Dereito Occidental, e o Pan e Circo, parece un esbozo do moderno Estado de Benestar. Grazas a escravismo se desenvolveron as letras, as artes, e a construción de obras e vias de comunicación para o sometemento e espolio dos pobos conquistados. O xenocidio de pobos e culturas, incluidas as súas linguas,foi sempre considerado como una acción necesaria para o avanzo da civilización en xeral , o que non se dixo nunca, é que era para a Civilización Occidental.

O Cristianismo como herdeiro e depositario do Imperio Romano tamén continuou como impulsor ideolóxico e político das conquistas e espolios (agora Cruzadas), eximindo aos xenocidas de toda culpa mediante a institución do Perdón dos Pecados e as Bulas das Santas Cruzadas. Máis adiante coa Ética Protestante o perdón converteuse en premio divino, ao considerar como tal aos éxitos nos saqueos e negocios. Na Idade Media tivo lugar un intenso debate acerca da escravitude dos negros, se eran ou non posuidores de almas. Ao fin, estimouse que resultaba máis económico o servilismo que a escravitude, salvo en contadas excepcións como apuntou intelixentemente Montesquieu a icona occidental da independencia xudicial. Así se foron formando os Imperios europeos que conquistaron o mundo. Os banqueiros xudeos foron os financistas das aventuras coloniais das Monarquías europeas. Cristianismo, nas súas diversas variantes, e Xudaísmo, foron dous piares fundamentaís dos valores occidentais.

A Revolución Industrial que tivo lugar en Occidente e non podía ser doutra maneira, foi posible grazas a previa conquista militar das Novas Terras descubertas polos europeos. Proveeu de forza de traballo,materias primas e inxentes recursos a Inglaterra, a metrópole que liderou o despoxo que practicou o Imperio Británico. Na esencia, coa Revolución Industrial substitúese a enerxia humana pola enerxía natural fósil, o que permitiu a maior acumulación primitiva do Capital, xuntando medios de produción e forza de traballo asalariado, so a propiedade das elites capitalistas , provocando a gran transformación das forzas produtivas no mundo, que progresivamente fan innecesaria e sobrante a forza humana de traballo. Ao fin, o Capital estableceu a súa dominación omnipotente, pero para mantela necesita alimentarse crecentemente e continuamente de enerxía e recursos que o enpurran a conquista e colonización de novos paises, alternando crises de sobreprodución e subconsumo , desemprego masivo e inestablilidade, extendendo a miseria polo mundo adiante.

O Imperialismo capitalista asentouse co Imperio Británico en pugna cos outros Imperios capitalistas. Os EEUU, son na actualidade os herdeiros do Imperio Británico. O Orde imperialista mundial basease nos valores occidentais e é incompatíbel con Estados Soberanos e o Autogoberno dos pobos, por iso se empeña en promover guerras e conflitos na defensa destes valores. O Imperialismo preme a estes países para mudar a súa Soberanía pola Democracia; e dicir polo goberno das elites. A democracia elitista e a desigualdade económica foron e son as condicións necesarias para que os mecanismos lexitimadores do Imperialismo, como a representación e o sufraxio universal, entre outros, poidan manter e acrecentar o poder económico e político das élites capitalistas, e cando fallan aplícase a forza militar.

Karl Marx, o principal estudoso do fenómeno capitalista, quedou abraiado ante a capacidade do Capitalismo para mudar e criar inxentes forzas produtivas expandindo a miseria polo mundo, que o leva a posibilidade de ser substituído polo socialismo da man do proletariado asalariado, unha vez esgotada a súa capacidade de reprodución ampliada.

Máis adiante, K. Marx coñeceu a Comuna Rusa por Vera Zasulich, e mudou de punto de vista, admitindo que desde a Comuna Rusa se podía camiñar cara o Socialismo, sen ter que pasar polas “forcas caudinas do capitalismo”, coa condición de liberarse previamente da opresión servil exercida polo Imperio Ruso, para poder desenvolverse coa retención do excedente das súas propias comunas. Noutro tempo e lugar, Galiza coas súas Parroquias caía baixo o Imperialismo español, sendo abortada calquera vía de desenvolvemento propio.

Se facemos un balanzo das vantaxes e inconvintes que para o conxunto da humanidade supuxo a dominación imperialista occidental, atopamosnos hoxe cun mundo onde a riqueza acumulada está nas mans duns poucos, dunha elite global, e a pobreza e a miseria reservada para a inmensa maioría da humanidade. Amais, a dominación occidental foi a causa da desaparición polo exterminio de moitas culturas e pobos, e canto máis afondamos no seu estudo, máis negativa se presenta a visión da mesma. No presente, as estatísticas non mostran toda a desigualdade de Occidente, existente entre as elites e as masas afundidas na miseria, ao estar incluíndo nos computos as partes do mundo non dominadas directamente por Occidente, que reduciron substancialmente a pobreza e eliminaron a miseria grazas a súa independencia.

Hoxe Occidente está morrendo. A dominación occidental decae , e a crise do seu poder é patente, tendo enfronte a potencias opostas no terreo económico e no militar, pero tamén no ideoloxico e cultural, como China e Rusia principalmente....., pero o máis grave para o Imperio Occidental liderado polos EEUU é a crecente contestación das nacións e pobos oprimidos, que atopan protección con esta confrontación.

Agora parece evidente que o Imperialismo capitalista non é o paso obrigado cara o Socialismo, a pesares dos numerosos Gobernos e maiorías parlamentarias socialdemócratas habidas, e non pode ser doutro xeito, en tanto sexan paises imperialistas que nunca deixaron de selo nin deron ese paso , e sí cara as guerras e a barbarie imperialista. Xa que logo, hai outras vias para transitar cara ao Socialismo, a partires da liberación nacional dos pobos, e xa temos algunhas experiencias.

O Imperialismo atópase nun beco sen saída, pois xa non ten por onde medrar; e esta situación provócalle un proceso de descomposición, que é perigoso para todo o mundo. É posíbel unha nova civilización que non estea baseada no Imperialismo?, chamémoslle ou non Socialismo?. O Presidente de China manifestou o 22 de Outubro do 2017, nunha presentación da Ruta da Seda, “China respecta o dereito de todas as nacións a buscar o seu propio camiño. Nunca perseguiremos o desenvolvemento a costa de outros.....”. Estamos ante un novo orde que respecte o dereito a Soberanía de cada Nación....? En todo caso, en última instancia , serán os pobos e as nacións os que determinen o destino do mundo. A civilización que veña, se segue existindo a Humanidade, non pode ser pior para os pobos, e menos para o galego. É imposible.




[18-04-2018 11:07] Moinante comentou:


Analisar e discernir entre a fumeira da palavreia nom é doado. Neste artigo Graña mostra-nos que si é capaz de o fazer, poderemos estar ou nom de acordo com as suas conclusons; mas a audácia de pensar radical que isto nom quere dizer extremista, nom forma parte do pensamento politicamente correcto, por isso este artigo junto algum outro de outros autores converte a Terra e Tempo numha web de obrigada leitura.

[18-04-2018 10:56] Dores comentou:

Moi interesante artigo! En tan poucas palabras vai ás raiceiras mesmas dos feitos, contra do politicamente correcto e do mais morno "sentido común". Parabéns!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal