04:16 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2018

A vella sentenza decimonónica que reza “Asturias es España y lo demás, tierra conquistada” continúa, ao que se ve, plenamente vixente.

Como se valoran os demais / Como nos valoramos nós

Valorar (21)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Como se valoran os demais / Como nos valoramos nós


Viaxe moi grata, no fin de Marzo e primeiros días de Abril, por terras e costa de Asturias. Vaia por diante que o que a seguir exporei non ten nada de xenreira de turista ou de viaxeira maltratada. Todo o contrario. Tivemos ocasión de ver de novo lugares coñecidos de vello, mais convenientemente rehabilitados e moito mellorados; de coñecermos lugares novos, tanto do interior como da costa, de imponente beleza; comprobamos a boa atención ás visitas turísticas; os prezos, razoábeis; en xeral, o bon servizo hostaleiro e restaurador, e, desde logo, a amabilidade das persoas que nos atenderon. Os inconvenientes ou incomodos, leves e proprios de calquer excursión con tempo de primavera invernal como a que nos acompaña neste ano. Até nos sentimos confortadas nunha conversa cunha vella amiga, asturiana e residente en Oviedo, que partillaba connosco a idea do artificio do bable, dos bons servizos á causa españolista e da non casual negación do galego, si existente histórica e actualmente no occidente asturiano, como no idem leonés e zamorano, claro está. Non, ao que me quero referir non é a nada disto, digno de recoñecemento e admiración. É á auto-propaganda, á ponderación superlativa de todo o producido por asturianos ao longo da historia e no presente. Nada que obxectar, se non fose pola radical e extremista negación do pasado galego, da apropriación de glorias galegas e do servizo directo  -claramente ideolóxico e unilateral-  á mitificación da ínclita España.

Valereime para ilustralo dun volume de luxo (español-inglés) de case 300 páxinas que figuraba na mesa do hotel. Boísimas fotografías e, como é de rigor, elevada propaganda de todas as bondades do país, en todas as ordes: artística, deportiva, paisaxística, gastronómica... e, tamén, histórico-míticas. O volume, editado en 2010, por dúas empresas de comunicación privadas (ambas asturianas, como debe ser: o retorno económico para o país), conta cun prólogo do presidente do “Principado” na altura, D. Vicente Álvarez Areces, titulado “Asturias, el paraíso acogedor” (supomos que, para alén da presentación, o volume contaría con directo patrocinio financeiro público). A partir de aquí, anotarei as afirmacións que me resultaron máis rechamantes (en pleno século XXI). A publicación reincide na afirmación de que a “reconquista” comezou en Asturias, grazas ao “Rey Don Pelayo”, en Covadonga, secundada coa axuda divina da Nosa Señora de Covadonga: “Don Pelayo fue quien instauró la dinastía asturiana hasta que en el año 910 el Reino de Asturias pasó a incorporarse al Reino de Castilla”. Así, tal cal. Alfonso II o Casto, por suposto rei astur, engrandeceu o reino con xoias arquitectónicas espléndidas. No haber intelectual, destácase como gloria asturiana o P. Feixoo, sen a menor mención da súa condición de galego. Vaiamos agora ao perfil “identitario”: “El asturiano es universal, no cosmopolita, pero no pierde de vista el lugar natal. Es terruñero y eso le libera de ser nacionalista y separatista”: Ole!!!!!. Canto á “llingua asturiana” ou bable, ela é “elemento fundamental de la identidad asturiana”. A tal efeito, lémbranse a “Llei d´usu del Bable/Asturianu” (1998) e a “Academia de la Llingua Asturiana” [Nota á marxe: nunca a lingua galega dispuxo, en 37 anos de “autoanemia” dunha lei lingüística que portase a palabra “uso”  -decisiva-  no seu título]. Naturalmente, Asturias é un destino cultural privilexiado. Por exemplo: “Este estilo [el Arte Prerrománico Asturiano] está integrado por catorce edificios, construidos entre los siglos VIII y IX de nuestra era, que simbolizan el nacimiento y desarrollo de la Monarquía Asturiana y del que fue primer reino cristiano de la Península Ibérica” [sic].

Ora, a apoteose glorificadora, mítica e apropriacionista chega ao seu cume cando se menciona o Camiño de Santiago: “Antes incluso de que se descubriera la tumba del Apóstol, en el año 813, la monarquía asturiana y, en concreto, Alfonso II, recuperaron una antigua costumbre que consistía en peregrinar hasta Finisterre, el último extremo occidental en el que se ponía el sol”. Aí queda iso!!. De modo e maneira que o “jubileo” funciona non só como “un reclamo turístico, también como una forma de rescatar y prestigiar su propia tradición”. Foi “en el reino astur” onde “creció la leyenda, y sus habitantes, a lo largo de los siglos, han luchado por conservar y prestigiar los vestigios que aún hoy testimonian esa historia”, sendo a catedral de San Salvador, en Oviedo, monumento senlleiro dela. Por suposto, “El Camino del Salvador es la ruta Jacobea que conecta las ciudades de León y Oviedo”.

Tal versión da historia fica ratificada e fortalecida por múltiplos elementos iconográficos, monumentais e comerciais, desde estatuas a D. Pelayo e ao resto de “reis” astures, pasando por cartaces da “monarquía” asturiana e, como non, contando coa conveniente alianza española-eclesiástica. O venerado “Himno a la Santina” así o certifica: “En Ella está el alma del pueblo español”, “Reina de los que triunfan, Reina de España”.

Conclusión: A vella sentenza decimonónica que reza “Asturias es España y lo demás, tierra conquistada” continúa, ao que se ve, plenamente vixente. Se tal acontece, é porque resulta plenamente funcional e rendíbel, claro está. Pouco importa que no Palacio Pintu, de Cangas de Onís, orixinal do século XVII e reconstruído nos anos ’40 do século XX, figure no seu escudo de armas: “Los Barelas [sic] y Bermúdez, Ulloas y Villalobos, tan antiguos en Galicia como en Castilla los godos. Por mi ley y por mi rey moriré”. Pouca cousa para edificar unha historia, mitoloxía, mitomanía, glorificación da España eterna, con orixe nas Asturias, que convén reforzar a toda custa, oso de Favila incluído, como nos relatos da nosa infancia escolar, que non deixaron de nos causar nostalxia da nosa inocencia e da naturalidade con que desde a nosa máis temperá nenez se nos adoutrinaba coa arma destrutora do auto-desprezo: “¡¡Pasajeros al tren, y los gallegos, también!! (a orde con que a profesora nos urxía a entrarmos na aula).

De xeito similar, “Reino de León” ou “Reino de Navarra” temos ocasión de contemplalos até na sopa nas terras respectivas, desde sinaléctica urbana a estadios de fútbol, pasando por todo tipo de rótulos e locais. Aterremos agora aquí, no hic et nunc, para dicelo en fino latín ou chez nous, para completalo en requintado francés. Ulo, o Reino da Galiza? Que é o nos cabe ler, valorar, aprezar, enteirarnos, en definitiva, de nós proprios, galegas e galegos, da nosa historia, da nosa arte, da nosa economía, das nosas glorias e dos nosos avatares sociais e culturais, tamén das nosas desgrazas e miserias? Non, aquí, non. Galiza is different. Aquí, intentas algo remotamente semellante ao arriba descrito, sen falsías, só con atención ás evidencias históricas agochadas e agachadas, e xa vai haber axiña benéficas voces que te acusen de mitoloxista e idealizadora e que che recomenden paternalmente que non se debe mitificar e sobrevalorar o que nos pertence. Nada diso. O normal, o estándar galego comme il faut, é silenciar, minusvalorar, ignorar, desprezar e, aínda, “desmitificar”. Ou sexa: pregármonos ao estándar español, non enfadar o amo, non turbar a pax hispanica, vaia ser que perdamos a estima do proprietario da Galiza! E así nos vai.

Dito o cal  -como está de moda ouvir nas repelentes e ignaras tertulias televisivas-  ou, en bon galego, vistos os vistos, eu teño de lles confesar que aplaudo entusiasta a estratexia e as tácticas asturianas descritas. Fan ben, requetebén. Móntano sobre a sistemática ocultación da Galiza, xaora; apróprianse do que é seu e do que non é; son o máximo do mundo mundial; deron orixe á inconmensurábel e gloriosa España; son o nacemento, en fin, da historia. Naturalmente, nada disto, a serio, pode merecer a miña adhesión. Si a merece a autoestima colectiva de que fan gala, como todo povo normal. En aspirándomos nós a selo, deberiamos emular un algo tal proceder, a comezar por quen ten altas (e ben pagas) responsabilidades políticas, académicas e científicas. Do contrario, seremos viveiro de paisaxes de moda, enchentas gastronómicas e, iso si, moi riquiños e simpáticos. Tanto como submisos e ben guiados. Agggg!!!



[18-04-2018 11:30] lola comentou:

Aggggggg!!!
Ise foi o noxo que sentín, hai xa uns dez anos, nunha visita aos mazos de Taramundi. A guia asturiana dixo asi cunha marcada ideoloxia de de "continum lingüístico":
"Y esto que ven es un cedazo, también le llamamos peneira como sinónimo"
eu retruquei: " ah claro, é o termo galego"
Pois, a tola da tipa, veu despois tras de min e lárgame toda relaxada:

"Los gallegos lo quereis todo, eh! "

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal