22:30 Venres, 21 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-04-2018

Contribuíndo a revitalizar unha lingua desde a música

Cantando en córnico

Valorar (6)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



O córnico é unha lingua que se deu por morta, mais resístese a morrer, non morreu. A morte, anunciada desde hai séculos, non dá celebrado o funeral. Todo o contrario, semella que cada día ten máis ganas de seguir viva, e aí está.

A defunción comezou a mediados do século XVI (1549), cando se introduce o inglés como única lingua no culto relixioso. Os córnicos protestaron ante esta imposición, pero foron masacrados, dise que catro mil morreron nesa protesta. A seguinte reivindicación foi máis suave: que a biblia que traía a nova igrexa “nacional” anglicana estivera escrita en córnico. A demanda, agora, simplemente foi ignorada. Desde entón, deus só entendía o inglés e a súa palabra viña na lingua dos dominadores ingleses.

A reforma anglicana non só introduciu o rezo en inglés, senón que quebrou a relación cos veciños bretóns, pois estes falan unha lingua emparentada, a parte de teren outras relacións debido á veciñanza cultural e xeográfica. Ao longo do século XVII o uso falado do córnico baixou de xeito considerable, a pesar de que houbo algúns intentos académicos de preservalo e desenvolver a súa literatura. Os monóglotas en córnico desapareceron.

Se non se fala, se non se sente unha lingua, esta acabará por desaparecer ou converterse en algo exótico. Así, en 1768 chega a Cornualles un anticuario inglés ao que lle presentan,nunha pequena vila mariñeira na zona de Land´s End, a unha muller, Dolly Pentreath, da que diría que era a última persoa que falaba córnico. Escribiu unha reportaxe e a idea da última falante córnica estendeuse. Mais non era de todo verdade, pois cando menos outra xente, dúas veciñas de Dolly, axudáronlle a traducir as palabras desta muller. Esta, unha pescantina e que viviu máis de cen anos, colocáronlle unha placa na parede do adro da igrexa desa localidade, cerca de Mousehole, por iniciativa de Louis-Lucien Bonaparte, sobriño de Napoleón Bonaparte, interesado por esta lingua, así como polo euskera, e que falaba varias, entre elas o francés seica cun marcado acento inglés. Ademais, outro veciño de Dolly escribiulle ao anticuario para dicirlle que el tamén sabía falar córnico e sabía doutra xente que o falaba. Pero socialmente a lingua estaba moribunda, xa non era unha lingua vehicular. O interese polo córnico era máis académico que social.

Outro que estaba considerado como a última persoa en falar a lingua deste país fisterrán, ou que tiña algúns coñecementos considerables, era John Davey, morto en 1891 e enterrado en Zennor, alí onde contan unha lenda con semellanzas a da Buserana, narrada para nós polo poeta López Abente, ou a dos Mariño. Que alguén fale unha lingua non é o mesmo que dicir que esa lingua é falada.

Mais non sería até comezos do século XX cando apareza a primeira organización para a defensa e promoción da lingua. En 1904 se publica Handbook of the Cornish Language, onde o autor se preguntaba por que os córnicos van aprender esta lingua? Non hai cartos niso, non ten unha función práctica e a literatura é escasa e de pouca calidade. Pero a resposta é simple: porque son córnicos. O autor, Henry Jenner, levou a voz córnica ao congreso céltico e Cornualles foi admitida nese ano como nación celta.

Co espertar do interese pola lingua veu o espertar político na década de 1930, aparecendo Tyr ha Tavas (Terra e lingua) e o seu voceiro, Kernow, en córnico. A comezos da década de 1951 aparece Mebyon Kernow (Fillos de Cornualles / O partido para Cornualles). Entre os seus obxectivos estaba fomentar a cultura e a lingua e promover o autogoberno nos asuntos locais. Na actualidade este partido conta con vintedous concelleiros e 4 na asemblea rexional, os mesmos que o partido laborista dun total de 123.

No 2004 Lisa, a pequena da serie Simpsons, apareceu nun dos capítulos desta serie protestando cunha tarxeta que dicía “rydhsys rag Kernow lemmyn” (liberdade para Cornualles xa).

En 2014 os córnicos foron recoñecidos oficialmente como unha minoría nacional, para de seguido o goberno de Londres recortar as axudas á promoción da súa cultura, entre elas a lingua.

Neste 2018 a nova é que a música pode ser un revulsivo para revitalizar a lingua. A música córnica non ten a sona que pode ter a galesa ou a escocesa, pero xoga tamén un papel á hora de visualizar unha identidade. Agora Gwenno Saunders lanza un disco en córnico. “Le Kov” (O lugar da memoria) é o seu segundo disco. No primeiro, “Y Dydd Olaf” (O último día), cantaba en galés porque Gwenno é galesa, filla de galesa e dun poeta córnico, falando as dúas linguas, aínda que non vive en Cornualles. A súa nai, Lyn Mererid, foi detida varias veces por participar en campañas a favor do galés como lingua oficial de Gales e por unha Asemblea para esta nación. O pai, Tim Saunders é poeta e xornalista en córnico, pero tamén en galés, bretón ou irlandés.

Curiosamente o que destaca o xornal The Guardian desta autora  é que foi bailarina en Las Vegas (bailaba nun grupo de baile irlandés) e que na súa casa até que cumpriu os 16 anos nos se falaba inglés, nin entraba nada nesta lingua: televisión, radio ou prensa. Escoitándoa nunha entrevista semella que iso non foi un problema para falar o inglés. Tamén lle chama a atención que sexa un disco que se pode cualificar como tecnopop e se faga nunha lingua cuxos falantes andan polo milleiro e por unha artista que tamén participa nun grupo indie. A resposta podería ser semellante a dada en 1904, pero collemos a da propia autora: “este álbum é unha combinación de aceptar a cultura que os teus pais teñen valorado o suficiente como para querer transmitirlle, independentemente da súa pequena utilidade e facelo de forma positiva, independentemente da súa pequenez e utilizándoa de forma positiva para probar e dar sentido ao mundo ao seu redor; tamén se trata de aceptar e respectar os matices que nos fan todos diferentes e descubrir que todas as nosas historias comparten a mesma verdade”.

Noutra crónica ao respecto no mesmo xornal británico titulábana como “identidade córnica a toda cor e en psicodelia”.

O disco vai máis alá da protesta contra o hostilidade cara unha cultura agora minoritaria, pero tamén é unha celebración, unha celebración dos mitos, do xeito de vida e da ilusión política.

Na web da discográfica lemos que quería facer un documento que mostre unha lingua viva.Tamén se di, entre outras, que é un disco brillante e deslustrado, enferruxado e mesturado con percebes.

E no blog de Dick Cole, portavoz do partido nacionalista Meybon Lernow, lemos que o factor máis importante da identidade córnica é a lingua, que esta marca que son un país, non unha rexión máis de Inglaterra. A música pode ser un revulsivo para a lingua.  



Vai un enlace para unha canción en youtube. O título da canción ten que ver con un dito tradicional córnico que sobrevive: Hai queixo? Si hai queixo trae queixo, e sen non hai queixo trae o que haxa. https://www.youtube.com/watch?v=DfbMV4JQmSI 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal