03:17 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-06-2010

Historia inacabada dun dominio para o galego en Internet

Do .es ao .gal, pasando por Grenlandia

Valorar (12)

XAVIER GÓMEZ GUINOVART



O territorio da lingua e da cultura galega en Internet segue sendo unha terra innomeada. A Asociación PuntoGal leva xa cinco anos traballando arreo en prol dun dominio .gal que visibilice e cohesione a nivel global a irmandade lingüística e cultural de máis de 4 millóns de persoas que representa a comunidade galega no mundo. Esta iniciativa conta con case 12.000 asinantes e máis de 100 entidades adheridas dos ámbitos cultural, lingüístico, empresarial, sindical, asociativo e da emigración. Porén, e malia estes esforzos, os territorios lingüísticos e culturais galegos non contan aínda cun dominio de seu en Internet semellante ao .cat dos cataláns. E a cousa podería demorar mesmo algún tempo.

Os nomes dos dominios de Internet son concedidos e regulados por unha organización internacional coñecida como ICANN, fortemente vencellada ao Departamento de Comercio dos Estados Unidos de América. A ICANN controla a concesión dos nomes de dominios do nivel máis alto (isto é, do sufixo que aparece despois do último punto nos enderezos de Internet, como .net, .com ou .es), entre os que distingue dúas categorías: os dominios territoriais e os dominios xenéricos.

Os dominios territoriais son dominios de dúas letras (como .pt, .br, ou .es) que identifican os territorios que aparecen censados na norma ISO 3166. Este censo inclúe todos os Estados recoñecidos polas Nacións Unidas, mais un conxunto pechado de territorios que non son Estados autónomos pero que forman parte do censo por motivos históricos, como Porto Rico (.pr) e Samoa Americana (.as), colonias dos EEUU; as Illas Malvinas (.mv), Montserrat (.ms), Guernsey (.gg) e Xibraltar (.gi), colonias do Reino Unido; Toquelau (.tk), de Nova Celandia); Nova Caledonia (.nc), de Francia; ou Grenlandia (.gl), de Dinamarca. Os dominios territoriais son controlados polas autoridades locais, polo que o seu funcionamento e prezo dependen en grande medida dos gobernos correspondentes de cada zona.

A diferenza dos dominios territoriais, os dominios xenéricos non son controlados localmente, senón que son regulados por unha entidade internacional ou pola propia ICANN. Os dominios xenéricos poden ser mantidos directamente pola ICANN cando son considerados de interese público (como no caso dos .com, .name, .net, .org ou .info), ou poden ser dominios promocionados, regulados e xestionados por unha entidade que conte coa aprobación da ICANN (como os .travel, .jobs, .museum ou .cat).

No caso de Galiza, unha opción posíbel para a súa identificación territorial sería o dominio .gz, dado que este código non está asignado aínda na norma ISO 3166 a ningún territorio, mentres que outras opcións plausíbeis como .ga, .gh ou .gl xa estarían asignadas, respectivamente, a Gabón, a Ghana e a Grenlandia. O único problema é que, na práctica, para obtermos un código propio nesta norma, cumpriría previamente constituírmonos nun Estado galego independente e recoñecido internacionalmente. E iso non vai ser sen tempo. De aí que as iniciativas da comunidade cibernética galegófila apunten noutras direccións máis achegadas.

Unha destas direccións é a que promove desde hai uns poucos meses a empresa compostelá Dinahosting, única empresa galega que se dedica ao rexistro de dominios. Dinahosting ofrece desde marzo o dominio .gl por 37 euros ao ano, unha solución comercial moi peculiar para reivindicar na rede a identidade galega. Non hai que esquecer que o marco legal e o prezo base do dominio .gl depende de Grenlandia, de modo que non hai garantía da súa estabilidade. Alén diso, e á marxe de que o .gl sexa o código ISO 639-1 para a lingua galega, o dominio .gl non nos vai identificar en Internet mentres non sexa tamén o código para Galiza na norma ISO 3166 reguladora dos dominios territoriais.  Coa apertura do seu dominio a outros territorios, Grenlandia promove a captación de máis clientes na súa infraestrutura, pero aquí non vai ficar nada fóra do beneficio da empresa rexistradora. Anecdoticamente, o dominio .gl é utilizado tamén por Google (http://goo.gl) na súa utilidade de construción de enderezos curtos, o que permite crear enderezos como http://goo.gl/diF1, por exemplo, a xeito de abreviatura dun enderezo moito máis longo.

Unha iniciativa ben distinta é a da Asociación PuntoGal. A creación do .cat en 2005, primeiro e único dominio de tipo cultural recoñecido pola ICANN en todo o mundo, abriu a porta para as aspiracións do .gal, así como para outras iniciativas semellantes (.eus para a comunidade vasca, .cym para a galesa, .bzh para a bretoa, .sco para a escocesa). Cinco anos despois de que a Fundació puntCAT, entidade sen ánimo de lucro que administra o .cat, xestionase os primeiros dominios, hoxe son xa máis de 41.000 os rexistrados. Porén, como declaraba recentemente o presidente de PuntoGal en GZnacion.com, os adiamentos na resolución da ICANN sobre a implantación dos novos dominios culturais son continuos, e a súa causa parece radicar nas presións das grandes empresas por non alterar o status actual e ao medo a factores como a ciberocupación ou o impacto económico da ampliación dos nomes de dominio.

Nestes momentos, logo, até que a ICANN non decida sobre a solicitude de PuntoGal, non existe ningunha posibilidade real de utilizar un dominio propio fidedigno para a nosa lingua e cultura. O .gz non existe, o .gl non é galego e o .gal aínda non o temos. O camiño para conseguilo non pode ser outro que o seguido polo puntCAT perante a ICANN: un apoio moi amplo da comunidade que se quere representar, unha proposta técnica e financeira sólida que garanta a estabilidade do dominio, o compromiso dos poderes culturais, políticos e económicos, e unha presión axeitada.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña