05:40 Mércores, 15 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2018

Este mes vai facer case cuarto século do nacemento dun fenómeno brutal para a xente da miña e outras xeracións, como foi o Xabarín Club

Mellor un porco bravo que un conselleiro

Valorar (9)

HELENA VILAS VIÑAS



Na Galiza xa fai máis dunha década que vemos con preocupación o declive do emprego da nosa lingua. E vendo como se maltrata ultimamente nos medios non é de estrañar, malia o amplo debate que exerce este tema, hoxe quería centralo no uso do galego no noso audiovisual.

Na oferta televisiva de hoxe en día, posto que este mes vai facer case cuarto século do nacemento dun fenómeno brutal para a xente da miña e outras xeracións, como foi o Xabarín Club. Víamos de cativos máis normalizado o galego, nas cancións, que eran himnos para nós, nos debuxos animados, nas series, nos xogos, era tan normal que non existía outro universo onde o galego era para algúns adultos algo folclórico de romarías e "pulpadas", mais non para relacións sociais normalizadas. A día de hoxe, a maioría da oferta televisiva e radiofónica emprega o galego con desprezo, de forma residual. Non hai programación para educar os cativos, nin se fai eco da cultura galega como algúns programas de antes, (o Luar non conta), como o era por exemplo o Alalá que tanto lles custou quitar do medio, que temos agora? Nadiña. Deso xa se ocupa en corpo e alma o omnipresente gardián do Norte,  primeiro do seu nome, rei dos Peares, herdeiro do trono e arruinador de todo o que toca, inxectando o seu autoodio promocionado dende o centralismo español.

A esperanza da lingua está nas nosas crianzas, na nosa xuventude, xa que non se lles amosa un cambio de oferta cultural. Sen perder a esencia do noso, esa conexión vangardista e á vez popular, temos a capacidade de ser transgresores, anovadores, con retranca e co humor que nos caracteriza, e que moitas veces só nos podemos entender. Esa é a esencia que nunca se debeu perder, a calidade que nos quitaron.   Non quero parecer o avó dos Simpsons en versión feminina, para recordar que calquera tempo pasado foi mellor, mais si podo lembrar con que normalidade medrábamos en galego, sen complexos, como cantabamos e bailabamos co punk e o rock bravú á hora da merenda, aprendemos palabras ou frases tan sentenciables como: -voute esnaquizar, miñoca!, as historias de Carrmiña Vacaloura, ou como nos introduciamos no inglés cuns dos  temas dos Heredeiros co Íscalle Lura my friend, e que tan nerviosos nos poñiamos á hora de buscar as bolas do dragón ou as fedelladas tolas de Arale,  palabras que nunca teriamos dito nin escoitado se non fose por un dos programas co maior impacto social da TVG liderada por un cocho rabudo, con gustos estrambóticos e sen ningún tipo de complexo á hora de dirixirse a toda unha xeración de cativos con gañas de empaparnos de palabras novas que só el sabía como gravalas nas nosas cacholas, con tv de calidade na nenez aprendemos a quererlle máis a este país.

Oxalá os novos millennials cando pasen os trinta, teñan eses recordos tan fermosos como os que temos nós, os do clube da galega, do galego; por fuciños e por cacheiras!



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal