08:17 Venres, 27 de Abril de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-04-2018

Toda persoa, grupo, colectivo, sindicato ou partido que realmente teñan unha sensibilidade democrática e práctica da mesma deben actuar cun programa urxente en Defensa da Democracia

Dereitos, represión e futuro

Valorar (4)

LOIS DIÉGUEZ



Nas meniñas dos ollos, nos ouvidos, nas emocións ou no corpo todo feren e atorméntannos as multas impostas a moitos traballadores e traballadoras por se manifestar ou expresar ideas ou  opinións, ou facelo nos diversos campos da arte (exposicións prohibidas, concertos musicais, fotos ou vídeos censurados, comentarios no facebook ou no twiter borrados...). Nos cárceres xa hai xente por iso mesmo. Presos políticos por defender o dereito de autodeterminación na súa práctica e convocar un referendo. Que o prohibe a Constitución? Daquela por que unha Constitución pode prohibir o se manifestar pacificamente a favor dunha idea ou dun dereito? Demostra, en todo caso, que pon barreiras, "prohibe" algo que é un dereito colectivo. O dereito das nacións á súa autodeterminación ou das persoas a manifestar o que queiran de xeito pacífico é un principio democrático básico que nos diferencia das ditaduras. Criminalizalo é o exemplo máis claro de que as leis non cumpren cos requisitos mínimos dunha democracia.

Que está a facer o PP desde que, aínda sen maioría absoluta, goberna no Estado Español? Vou utilizar datos da Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI) que á súa vez recolle do Ministeiro do Interior. “Cuesta encontrar en la última etapa democrática de España un precedente parecido al grado de represión contra la libertad de expresión al que hemos llegado en este año: se ha enviado a personas a la cárcel por simples canciones o por un tuit. Esto lo teníamos olvidado y ha ocurrido en plena Europa y en pleno siglo XXI. Es tan grave que tardaremos en asimilar su alcance”, denunciaba a presidenta da PDLI, Virginia Pérez Alonso. Desde a entrada en vigor da Lei de Protección de Seguridade Cidadá ou Lei Mordaza impuxéronse  285.919 multas, cunha contía total de 131.470.206 euros.  Por infraccións do art. 37.4 por faltas de respecto e consideración ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado 19.497 multas por un custo de 3.006.761 euros. E as multas por “desobediencia ou resistencia a autoridade” (Art. 36.6), chegaron 12.094 euros.

Maís non é só  o problema da Lei Mordaza, senón tamén a dupla reforma do Código Penal  (condenas ao rapeiro Valtonyc ou ao mozo de Xaén polo meme do Cristo flaxelado, por exemplo) e a Lei de Protección do Dereito ao Honor  (caso da retirada cautelar do libro Fariñas), ou a Lei de Axuizamento Criminal. Os seus artigos imprecisos acaban por ser utilizados para  aplicar como delitos mensaxes e consignas que "perturben a paz social". Do mesmo xeito o "enaltecemento do terrorismo"  ou os "delitos de odio" aprovéitanse para censurar expresións críticas ou mesmo radicais que nun Estado democrático terían que estar protexidas. Dinos tamén a PDLI, que xa antes da reforma destas leis xa había outros delitos que estaban fóra dos estándares internacionais sobre a liberdade de expresión como son os Delitos de Inxurias ou os de Inxurias á Coroa. E xa non falemos do delito de Ofensa aos Sentimentos Relixiosos, sobre o que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e o Relator das Nacións unidas piden a súa derrogación. Os mesmos organismos teñen anunciado en varias ocasións que a realidade española está fóra dos parámetros internacionais en materia de liberdade de expresión.

Non son números fríos estes porque detrás de cada un hai un drama e unha presión económica que nos implica aos demais. As cousas, desde que está gobernando o PP e enganchado ao macabro artigo 155 da Constitución aplicado a Catalunya (non é democrático senón produto aínda do franquismo) van vertixinosamente cara a unha ditadura disfrazada, que necesita leis duras para reprimir o descontento pola situación económica agresiva que empobrece cada día máis á maioría da poboación e enriquece a esa minoría tan amiga do PP e do outro pau da mesa, Ciudadanos, e con chiscadelas do PSOE entregado tamén ao mesmo, pero doutro xeito. Que facer?

Toda persoa, grupo, colectivo, sindicato ou partido que realmente teñan unha sensibilidade democrática e práctica da mesma deben actuar cun programa urxente en Defensa da Democracia. Buscar puntos xenéricos que poden ser comúns, independentemente da posición política estratéxica de cada quen. Nos que as liberdades individuais e colectivas queden aseguradas e axeitadas a esta altura do 2018, tanto individuais como colectivas. Debates urxentes e acción inmediata en institucións e rúas para espantar o perigo que berra sobre as nosas cabezas. O nacionalismo tiña que abandeirar este reclamo por ser o que está sufrindo dobremente esta situación. Parécevos inxenuo ou ideal o que digo? Daquela o noso futuro está claro: sálvese quen poida, mira para outro lado, a nosa pureza non nolo permite... É dicir, imos aviados! 40 anos de franquismo, 40 de posfranquismo e os próximos 40 de... caos? Poderemos aturalo?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal