22:36 Venres, 21 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-04-2018

A Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público que traspón ao ordenamento xurídico do Estado as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, entrou en vigor o pasado 8 de marzo

Lei de Contratos do Sector Público: Ao servizo dos Lobbies

Valorar (76)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



Como acontece con tanta e tanta lexislación, o lexislador vese influído polos poderosos lobbies que controlan todos os eidos económicos de negocio de tal xeito que os textos legais favorecen descaradamente aos mesmos. Presións, portas xiratorias, intereses inconfesables, o certo é que lei tras lei van achandando o camiño aos poderosos prexudicando aos máis febles. Un exemplo é a lei que nos ocupa que, no caso dos concellos, facilita a presentación das grandes empresas a concursos mesmo os de contratos menores en detrimento das empresas locais que non poden competir nin administrativa nin economicamente. Estas grandes empresas, a moitos quilómetros, na maioría das casos subcontratan quedándose cun beneficio sen nin sequera tomar parte operativa no contrato. E non falemos dos mantementos no caso das obras.
     
Esta Lei é unha transposición da lexislación comunitaria que obriga aos estados membros polo que neste caso, e non é o único, a desfeita ven de arriba, das grandes multinacionais con capacidade de presión. A Lei estatal foi aprobada o 8 de novembro de 2017 entrando en vigor ós catro meses, ou sexa o pasado 8 de marzo. Quedan sen traspoñer os aspectos relativos aos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais.

Na súa exposición de motivos expresa unha declaración de principios á que en principio non habería nada que opoñer, salvo que como parece o caso estes sexan unha escusa para favorecer a determinados actores restando argumentación contraria aos prexudicados. Vexamos, o primeiro principio é o de reducir a burocracia e as cargas administrativas, loable iniciativa se non fora porque contén 347 artigos, 533 disposicións adicionais, 5 transitorias, 1 derrogatoria, 16 finais e 6 anexos, cada artigo conta cunha extensión tal que podería ser un regulamento en si mesmo e o traballo administrativo ao que as distintas disposicións obriga, por exemplo aos traballadores municipais, provoca, en palabras de algúns alcaldes, unha parálise na labor cotiá das entidades. O segundo principio é o de loita contra a corrupción e quen se pode opoñer a unha transparencia dos nosos organismos públicos, claro que aplicado tal e como expresa a Lei, a parte da paralización administrativa, as consecuencias son moi graves para as pequenas empresas locais, que non dispoñen de medios para atender a tanta norma e menos de xeito electrónico, aínda que aquí habería que reclamar un esforzo de adaptación á realidade da vida actual; así as cousas as grandes empresas con moitos medios poden atender a todas as ofertas e abarcar incluso os contratos menores, a través das plataformas electrónicas e a moitos quilómetros de distancia. Ademais a Lei inclúe entre os seus obxectivos a aplicación na adxudicación de aspectos medioambientais, sociais e de innovación, diante do que nada hai que obxectar, como tampouco aos de perseguir a calidade diante de ofertas anormalmente baixas. Efectivamente as cousas baratas acaban saíndo caras en moitos casos e non se pode aplicar unicamente un criterio economicista senón o de relación calidade-prezo.

Curiosamente a Lei di que busca abrir a contratación ás PEMES, que son a realidade do tecido empresarial galego, máis a realidade parece que é outra.

Entre as medidas que supostamente beneficiarían as pequenas e medianas empresas están as reformas operadas nas normas reguladoras dos contratos menores que levan unha redución dos teitos máximos de 50.000 a 40.000 € para contratos de obras e de 18.000 a 15.000 € para o resto de contratos. O matiz é que estes novos teitos máximos limitan a adxudicación dun único contrato e o conxunto de contratos que se adxudiquen a un mesmo empresario. O artigo 118.3 obriga a que o órgano de contratación comprobe e xustifique que o empresario non teña subscrito outros contratos menores que individual ou conxuntamente superen as cifras previstas para un único contrato menor. A redacción é cando menos pouco clara e dependendo a quen consultes a resposta pode ser diferente. Primeiro non queda determinado canto tempo rexe a limitación que xera o acumulado dos contratos menores adxudicados a un mesmo empresario e segundo, acumúlase o importe dos contratos menores de obra cós do resto de contratos menores? Parece lóxico pensar que esta limitación se pode referir ao exercicio orzamentario pero hai quen non pon límite na interpretación. Así secretarias/os de concellos están interpretando unha cousa e outros/as outra.

Por outra banda é preciso que conste no expediente administrativo o informe do órgano de contratación motivando a necesidade do contrato, así como tamén debe xustificarse no expediente que non se está alterando o obxecto do contrato (ex.: fraccionándoo) para evitar ter que licitar o contrato por un dos procedementos ordinarios. Ademais a información relacionada coa adxudicación de contratos menores deberá publicarse, como mínimo trimestralmente a través de Internet no perfil do contratante do órgano de contratación.

Con todo o exposto queda máis claro que a complexidade das contratacións é tal que pode paralizar o desenvolvemento normal administrativo dun concello, que por outra banda, e grazas a Montoro, non pode contratar novo persoal pola taxa de reposición. O conto é o de sempre, apróbanse leis que levan implícita a necesidade de novo persoal especializado en tarefas concretas e non é posible contratalo, aínda que se teñan cartos (regra de gasto), superavit e remanente, e que non nos engane o anuncio a bombo e platillo do fin de esta restrición pois non é nin moito menos así.

Non remata aquí a historia xa que a nova Lei de Contratos obrigará á administración a fraccionar cada adxudicación en lotes de distintas categorías. Isto parece perfecto, xa que permitiría unha maior competencia nas adxudicación públicas, máis empresas poderán disputar a concesións e ademais parece que se abre a porta a empresas con menores posibilidades económicas e as que a magnitude dos contratos en moitas ocasións facía imposible presentar ofertas. Imaxinemos o incremento de complexidade dos contratos públicos para un concello pequeno con moi poucos traballadores.

O ideal que parece que os concursos sexan abertos e por plataforma electrónica, trae como consecuencia non desexada que calquera empresa de calquera localidade a centos de quilómetros pode optar restando capacidade ás empresas locais que son os que dan traballo a veciñas e veciños. Pensemos que unha vez feita, por exemplo unha obra, quen pode facer mellor un arranxo, unha empresa local que inmediatamente acude e soluciona, mesmo sen custo, ou unha empresa no quinto pino que a maioría das veces pasa olimpicamente das reclamacións.

Así pois e para concluír, a nova Lei ten dous importantes eivas: prexudica claramente ao comercio local e con elo a veciñas e veciños e aumenta a complexidade das tramitacións até limites que poden provocar a paralización dun concello no peor dos casos ou a monopolización do tempo dos traballadores en tarefas administrativas en detrimento de servizos para as persoas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal