23:07 Xoves, 19 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2018

Agora, nestes mesmos días, Libros del Asteroide acaba de lanzar unha nova edición

Setenta anos de La catedral y el niño

Valorar (14)

EDUARDO ÁLVAREZ



Neste ano 2018 cúmprense setenta de que o editor arxentino Santiago Rueda publicara La catedral y el niño de Eduardo Blanco Amor. A aparición desta primeira novela do noso autor en 1948 veu seguida do silencio máis absoluto por parte da crítica literaria española. No ano 1956, a editora Losada lanzou outra edición que lle permitiu certa sona no ambiente literario. Hai que esperar á morte de Franco para que, en 1976, a española Ediciones del Centro a publique en España nun momento en que Blanco Amor non era un autor de moda. Posteriormente, Galaxia, en 1997, sacouna do esquecemento e daquela foi cando por fin conseguimos tela a man para a súa lectura.


De todos os historiadores e críticos da literatura española, só Ignacio Soldevila soubo apreciar a calidade da narrativa en español de Blanco Amor. Así,  en La novela desde 1936 (Editorial Alhambra 1980) dedícalle as seguintes palabras: “La catedral y el niño posee una estructura musical y sinfónica que arrebata el sentimiento del lector”... “No creemos que ningún escritor en lengua castellana haya escrito páginas tan reveladoras y de tan precisa complicación sobre la irrupción de la adolescencia y el descubrimiento del sexo por el niño como las que encontramos en el conjunto de la obra de Blanco Amor”. Fóra desta referencia, para a crítica literaria oficial esta novela non mereceu unha simple mención. Nin tan sequera os críticos heterodoxos españois teñen coñecemento da súa existencia. Gregorio Morán, censurado por Planeta por atreverse a elaborar unha longa nómina de escritores e intelectuais de manxadoira que se alimentaron do poder económico e político desde o ano 1962 a 1996 no seu extenso ensaio El cura y los mandarines. Historia no oficial del bosque de los letrados, ignora por completo a Blanco Amor. No índice onomástico de máis de trescentos persoeiros por el analizados, Blanco Amor non existe. Fronte aos habilidosos intelectuais que agatuñaron na procura de prebendas, Morán centra a atención como símbolo da coherencia en Martín Santos e, entre os escritores exiliados, en Max Aub, para os que o franquismo conseguiu, afirma Morán, o esquecemento e a condena a seren “expulsados do presente e do futuro”. Así pois, tanto para oficialistas como para heterodoxos Blanco Amor practicamente non existe no panorama da literatura española.


No prólogo da edición de 1976, o propio autor explica como se xestou La catedral y el niño. Corría o ano 1945 cando foi obxecto dun banquete homenaxe en Buenos Aires. Nel participaron uns mil asistentes, entre os que estaban Castelao, Dieste, Alberti, o xeneral Rojo e Jiménez de Asúa entre outras personalidades. O organizador foi o dramaturgo español Alejandro Casona, quen actuou como orador. O noso autor respondeu ás palabras de Casona recordando a súa infancia en Ourense no medio da pobreza e da enfermidade e sempre á sombra da impoñente catedral. Parece ser que esta evocación lle serviu de punto de arranque desta novela.

Agora, nestes mesmos días, Libros del Asteroide acaba de lanzar unha nova edición. Luís Solano, galego afincado en Catalunya, foi o creador desta editora independente que pretende con ela ofrecer aos lectores, segundo recoñece na súa páxina web, obras fundamentais da literatura universal dos últimos setenta e cinco anos que non fosen publicadas antes en español ou que se atopen descatalogadas. No caso de La catedral y el niño, esta obra para algúns lectores, entre os que me inclúo, cumpre o primeiro dos requisitos, ser fundamental na literatura universal. Tamén cumpre o de pertencer aos últimos setenta e cinco anos. Mais, malia ser publicada en catro ocasións no mesmo idioma español en que foi escrita, foi descatalogada polo ámbito académico. Coincidimos na apreciación da calidade literaria do editor de Libros del Asteroide, mais vaticinámoslle que, como promotor de asteroides impactantes como este, non vai ser quen de contrarrestar a influencia dos grandes astros, dos planetas e dos seus satélites que controlan o mundo editorial nin das sagradas institucións que pontifican sobre a valía das publicacións.


[03-04-2018 09:27] Lois Diéguez comentou:

Fermoso e oportuno artigo sobre esa intensa e profunda Catedral humanizada no Neno que nos deu o gran Eduardo. Agradecemento por iso a outro Eduardo, neste caso Álvarez.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal