22:35 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-04-2018

A lingua de noso, o galego, pide auxilio e somos nós quen temos que lle acudir

Quen busca a quen?

Valorar (19)

MARICA CAMPO



Digo quen e non que porque a personificación ou prosopopea  énos ben familiar aos galegos e galegas, antes de que Amado Carballo e outros poetas lle outorgaran alma á paisaxe, se cadra moito antes de que as mulleres namoradas lle contasen as súas coitas ao mar ou aos piñeiros .

Eu refírome á lingua ou, mellor, ás linguas. Nada novo tampouco, porque xa o fixo antes Antón Tovar naqueles versos en que, considerándoa unha moza, viu a lingua galega coa baraza rodeándolle o colo no cadafalso, mais respirando aínda.

Así é. Rufa e arrufada de si mesma,  ben nutrida, amada polos poderosos de aquí e de acolá, a lingua española búscanos decote. Non temos que correr tras dela, é ela quen, gabanciosa e prometedora, nos sae ao paso. Velis nolis, queiramos ou non queiramos, cruzarase con nós en toda a parte, mesmo onde non o poderiamos sospeitar. Ás veces estará irrecoñecíbel, vestida con roupas alleas, e será tan cómica como estar esmagada, en el medio y medio del día, con la lengua de fuera por la calor. Ou, noutra escala (superior?), ateigada de anglicismos para vestírmonos casual e non con roupa informal ou ter coach no canto de adestrador. Mais iso non preocupa os gardiáns e gardiás das esencias españolas. En todo caso, aos superiores ábreselles a porta e, para eles que acreditan na supremacía  duns idiomas con respecto a outros, o inglés é o rei.

Pola contra, a chamada da lingua creada polo noso pobo, o galego, é velaíña como un bater de ás de bolboreta. Velaíña e tatexa, a pedir perdón por existir xa que, non en van,  graváronlle a ferro na pel a súa condición de escrava, a cifra dos ninguén.

Non, ela non nos sairá ao camiño. Zúganlle o sangue e cóutanlle o paso. Néganlle o sal e a auga e aínda o ar, por moito que de momento saia gratis e non sempre sexa puro. Porén, chámanos, pide auxilio.

“As linguas non teñen dereitos”, din os seus detractores, a máis significada deles á cabeza. Certo, mais os pobos si. Dereito  a existir, a non ser incitados ao suicidio, a facer que sigan vivas as palabras que nos legaron os devanceiros.

A lingua de noso, o galego, pide auxilio e somos nós quen temos que lle acudir. De nada valerán os espazos de uso ritual se non lle abrimos  a comporta para que entre en tromba e asolague todos os recunchos da que é a súa casa, Galiza onde queira que se atope.

Do coloquial ao culto, do artístico ao técnico, do humano ao divino, do mar ao interior, da montaña ao val, da cidade á aldea, da gaita á guitarra electrónica, da oralidade á escrita. A escrita que, alén do ámbito literario, apenas  se usa para rotular catro bares e darlle nome á agrupación folclórica que, chegado o momento, fará as súas comunicacións en castelán. E habería moitos máis exemplos que poñer; mais sería mellor, aínda que máis doada de facer, a listaxe dos logros positivos.

Porque xa non, xa non se aprende por osmose como é o caso do castelán. Porque as palabras vagan, procurando un seu espazo, como as follas das árbores no outono. Porque agora o outono é, máis que nunca,  vendaval e, en consecuencia,  a árbore da lingua fica cadora máis espida e, con ela, nós.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal