03:17 Mércores, 05 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-03-2018

Eu teño moi claro cal é o meu papel como nacionalista e aliado das feministas

Mulleres e homes e viceversa

Valorar (64)

ROBERT NEAL BAXTER




Partamos do principio de auto-organización. Como militante do BNG, non podo menos que defender ferreamente o principio da auto-organización como pilar definitorio e irrenunciábel do nacionalismo. Isto é: quen mellor entende os problemas que padece a Galiza e quen mellor pode atopar as solucións axeitadas é quen vive en e polo País, sen inxerencias externas e sen subxugar os intereses da Galiza aos intereses alleos. Por isto, defende a necesidade dunha forza nacionalista totalmente autónoma e dun sindicato de clase dono de si que responden en exclusiva às necesidades do proprio País.

  Isto non implica, no entanto, encerrarse nunha especie de burbulla autárquica excluínte, pois a independencia plena é un pre-requisito sine qua non para poder exercer unha auténtica e tan necesaria solidariedade internacionalista de apoio mutuo, baseada sempre no escrupuloso respeito para a autonomía e soberanía de cadaquén.

  Se partimos, pois, desta base, resulta incomprensíbel que haxa quen non entenda que se pode –e mesmo se debe– aplicar o mesmo principio a outros sectores da sociedade.

  Tomemos, por exemplo, o movemento LGBT. O certo é que, para que se erradique a transfobía e homofobía obviamente hai que contar coas persoas cis e heterosexuais, pois son el@s ante todo as que deben recoñecer e desprenderse dos seus preconceitos. Mais isto non significa que est@s aliad@s tan necesari@s deban poder integrarse nos grupos LGBT en pé de igualdade coas persoas que pertencen a este colectivo, coa capacidade de determinaren as súas pautas de actuación e de marcaren o rumo do movemento.

  Tomo como certo que calquer cis/heteroaliad@ que se prece entenderá perfeitamente que evitar a invasión deste tipo de espazos seguros auto-organizados –no caso de así o desexaren as persoas LGBT– non é discriminatorio, mais totalmente comprensíbel à luz da opresión que sofren as persoas do colectivo. Xa existen moitos espazos en que poden participar persoas heteros e cis coa posibilidade de tecer alianzas entre si. Quen se considera aliad@ ten o seu papel que cumprir, mais sempre desde o máis absoluto respeito da independencia e autonomía do proprio colectivo, atendendo e apoiando as súas reivindicacións e demandas e nunca tentando colocarse acima del, falar na súa voz ou actuar no seu nome.

  Estas reflexións previas surxiron à raíz da reacción de determinados homes face à greve e outras mobilizacións organizadas por e para as mulleres con motivo do 8M.

  Deixemos de lado os imbéciles escuros que non entenden –ou, mellor dito, non queren entender– as razóns destas mobilizacións, pretensamente convencidos de que as mulleres non son as vítimas dun feminicidio sistémico e sistemático ao grito de “Os homes tamén!”, ou declaran que o foso salarial é un mito ou, en todo o caso, non unha prioridade de primeira urxencia, xusto antes de se colgaren hipocritamente un lazo lila, ou simplesmente seguen a crer que –aínda que non sempre ousan recoñecelo de viva alta– o lugar da muller está no fogar a fregar.

  Porén, máis que estes cavernícolas e trogloditas que até chegan a proclamar que existe unha ‘ditadura de xénero’ (si que a hai, mais non a exercen as mulleres...), o que realmente me chamou a atención foron aqueles homes ‘ben-pensantes’, que se consideran ‘progres’ ou mesmo de esquerdas, que sustentaban que a greve feminista ou calquer tipo de xuntanza exclusivamente de mulleres fose discriminatoria por ‘excluír’ os homes.

  Desde cando unha greve no sector do metal discrimina os sectores do profesorado ou do persoal sanitario? Resúltame difícil imaxinar un médico que pretenda inmiscirse na loita do sector da pesca; mesmo creo que non se lle pasaría pola cabeza.

  O caso que nos ocupa reviste unha diferenza importante: o que teme o home é a perda dos seus privilexios masculinos –dos cales moitas veces nen sequer é consciente, xa que os exerce tan libermente– que consiste en ser o protagonista e levar a voz cantante.

  Isto explica por que o Súbdito Xeral do P‘so’E na Galiza non se puido resistir a ocupar o centro da faixa na manifestación nacional de mulleres en Vigo, ou que o Presidente de Cs se gabou de estar “encantado de liderar el movimiento transversal”, por non falar do alcalde da Coruña, a quen lle resultou tan difícil despegarse do micro o 8M, eclipsando así as mulleres: case era mellor que ficase no seu escano a xogar tranquilamente ao Candy Crush...

  Nen entendo, honestamente, por que un home que se di feminista non respeitaría a vontade de as mulleres se auto-organizaren do xeito que mellor se axusta às súas necesidades e, se for preciso, en grupo non mixtos. Até que ponto se podería considerar verdadeiramente feminista un home que non acatase sen retrincar tal decisión? E, por outro lado, un home que non se considera aliado feminista non pinta nada nunha asemblea desta características.

  Proclaman que non existen espazos masculinos non mixtos (mentira!), por discriminaren a muller, e que non existe o Día Internacional do Home (mentira!): hai que recoñecer que é o Día do Home os 365 días do ano...

  Mais hai unha diferenza fundamental entre un espazo non mixto masculino e un espazo non mixto feminino: o primeiro serve para manter os privilexios do grupo dominante do statu quo androcéntrico; encanto que o segundo ten unha función libertadora para o grupo socialmente dominado e resulta ser mesmo revolucionario para a sociedade no seu conxunto, ao tentar derrubar o sistema patriarcal. Acho que esta dicotomía é de fácil comprensión para calquer persoa que acredite na teoría marxista da loita de clases ou mesmo que teña un mínimo de sentidiño...

  Non pretendo en absoluto falar en nome das mulleres, nen dar leccións, mais si aproveitar os meus privilexios para denunciar calquer tipo de opresión e somarme à loita para varrela da face da terra. Eu teño moi claro cal é o meu papel como nacionalista e aliado das feministas: seguir as directrices marcadas polas organizacións das feministas galegas de referencia e apoiar as súas loitas, respeitando as súas decisións, as formas de loita e de organización.

  Se reclamo o direito de autonomía e non-inxerencia para a Galiza, non podo menos que recoñecelo e respeitalo para as mulleres tamén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña