01:59 Sabado, 11 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-06-2010

O cesaropapismo ou fusión harmónica e simbiótica Igrexa-Estado continúa e refórzase cos gobernos do PSOE, exemplo de política errática tamén neste campo

Para cando a separación Igrexa - Estado?

Valorar (15)

FRANCISCO CALO LOURIDO


Aula de escola co crucifixo e coa fotografía do Rei e da Raíña de España


Hai ocasións nas que a España do S. XXI semella retrotraerse ou, quizais sería mellor dicir, continúa a vivir no S. XI. Unha práctica habitual, naquela altura, consistía en que os fillos dos nobres dedicados ás armas abusaban dos mosteiros e roubábanlles os bens, independentemente de que un dos seus irmáns tivese profesado en calidade de monxe no mosteiro saqueado. Naquel século XI, chegouse a un acordo tácito polo que o fillo maior herdaría todo o patrimonio familiar; pero, a cambio, respectaría as terras e os privilexios do mosteiro, a condición de que seu irmán monxe gardase o celibato, co que se evitaba unha posible desviación da herdanza. Os antes soldados (miles) agresores da Igrexa pasaron a ser agora, sobre todo se puñan as súas armas a disposición do papado, Cabaleiros de San Pedro (miles Sancti Petri) ou incluso miles Christi e, partindo de aquí, chegouse, de xeito natural, aos cruzados e aos cabaleiros-monxes das ordes militares de Templarios, San Xoán de Xerusalen, Alcántara, Santiago, etc.

Poderiamos arrancar desde moito máis atrás para tropezar coa fusión da cruz coa espada (igualmente con forma de cruz), retrocedendo até o ano 380, cando Teodosio instaurou o cristianismo como relixión oficial do agonizante Imperio Romano. Non perderon tempo os cristiáns en aplicar aos das outras relixións a mesma medicina que previamente lles aplicaran (o mesmo que aos outros) os dirixentes romanos. Quen viaxe a Exipto pode constatar as desfeitas que fixeron nas esculturas "pagáns" da antigüidade, e o cine de Amenábar puxo de actualidade o asasinato de matemática Hypatia. Agás pequenas etapas, consideradas de "ferro" nas historias eclesiásticas, Igrexa e exército, milicia e tiara, camiñaron sempre collidos da man e amparándose mutuamente.

O Deus dos exércitos estaba sempre disposto a manter o statu quo coa política dominante e até o noso Santiago (o "Colérico") se exercitaba, cada certo tempo, en cortar cabezas de mouros pola Península, ou de indios, como disque fixo en 13 ocasións, entre 1518 e 1892, en terras americanas. A fusión de nós (os bos) e a Igrexa chegou ao extremo de que, xa non os exércitos, senón os propios barcos corsarios, cando tiñan unha certa tonelaxe, levasen a bordo un crego para absolver a tripulación antes de comezar a matanza por eles provocada, no mellor estilo de xudeus, adoradores do mesmo Deus e asaltantes de barcos con perigosísima carga humanitaria.

A desamortización eclesiástica de Mendizábal tensou moitísimo as relacións do Estado Español co Vaticano, até que os artífices da moderadísima constitución de 1845, que, entre outras disposicións, convertía a relixión católica en oficial e subvencionada polo Estado, asinaron, en 1851, un concordato cunha serie de puntos que serían mantidos no que, 102 anos máis tarde, asinou o Xeneral Franco. Non debemos perder de vista que, xa o 10 de xullo de 1937, os bispos españois escribiron unha carta colectiva na que apoiaban a Franco e a súa guerra, bautizada, algo que forma parte do oficio de bispo, como cruzada contra o ateísmo, e que o propio Vaticano, no seguinte mes de outubro, recoñeceu o goberno dos sublevados. Por iso non estraña que, xusto no remate da Guerra Civil, o Cardeal Isidro Gomá, Primado de Toledo, escribise a Franco, marabillas coma esta: "Pudimos hundirnos para siempre, y Dios, que ha hallado en Vuecencia digno instrumento de sus planes providenciales, sobre la Patria querida, nos ha concedido ver esta hora de triunfo. Que Dios y la patria paguen al glorioso Ejército español..."

E así chegamos a Toledo, mitra da que D. Luís Antonio Jaime de Borbón, irmán de El-Rei Carlos III, foi titular desde a idade de oito (!) anos ata que renunciou con 27 para se dedicar de cheo a unha vida disoluta e escandalosa. Nesta cidade, na que o Texo, como o machadiano Douro de Soria, traza un "arco de ballesta", disque a tradición esixe que os cadetes da Academia, na que hai varias décadas acadei o nomeamento de sarxento de complemento de infantería, presenten armas ao Corpo de Deus. O goberno do PSOE, practicando a yenka, baile no que é un verdadeiro virtuoso, e incapaz de romper dunha vez por todas as amarras que o abarloan ao Vaticano, mantendo os catro acordos de 1979, prohibe o acto militar; pero non de todo nin en serio, non sexa que se perdan os votos... que van ao partido popular, presto a apañalos coa presenza de Rajoy e Cospedal nuns balcóns estratexicamente emprazados no roteiro da procesión. E a plebe, indignada porque lle queren quitar unha tradición (vaites manía lles entrou coas tradicións!), vocifera gritos contra Zapatero, a ministra Chacón e a favor de España e, para que se note ben a ideoloxía, Cristo Rei. Miñas donas e meus señores: Se seguiramos con tódalas tradicións, continuariamos arrancando cabezas de galos nas corridas, chimpando cabras desde os campanarios e outros sadismos varios ou, sendo máis puristas, aínda estariamos dentro da cova de Altamira esborranchando o teito de bichos.

A que agardará o PSOE para se convencer de que certos votos, por máis morno que se manifeste, nunca serán para el? Cando veremos unha real separación Igrexa-Estado? Que pintan os políticos, en calidade de tales, nas procesións? Nunha ocasión, rompendo unha lanza a favor do alcalde de Pontevedra, acosado por se negar a ir na procesión da Peregrina, escribín un artigo, que a censura tirou á gabeta, no que remataba dicindo: "Señor Alcalde: Eu votei por vostede para que traballe, como ata hoxe vén facendo, e con iso chégame, pois de rezar por min xa se encarga miña nai".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña