22:09 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-03-2018

Este discurso, que realmente non é novo aínda que se venda como tal, é bastante nocivo polas implicacións ideolóxicas que agocha tras a súa imaxe aparentemente progresista

É lexítimo levar simboloxía propia a unha manifestación?

Valorar (29)

MARTÍN COEGO PÉREZ



Dende hai uns anos vense escoitando un certo discurso en ambientes políticos, principalmente mas non exclusivamente nos movementos xuvenil e estudantil (dos que formo e formei parte, respectivamente), que centra o albo dos seus ataques no emprego de simboloxía política e organizativa nas actuacións políticas, nomeadamente nas mobilizacións (bandeiras, faixas) e no traballo axitativo (cartaces, voandeiras). Este discurso, que realmente non é novo aínda que se venda como tal, é bastante nocivo polas implicacións ideolóxicas que agocha tras a súa imaxe aparentemente progresista, polo que é necesario clarificar algúns aspectos arredor dos seus motivos e as causas da súa difusión. 

 A premisa na que se fundamenta é a seguinte: debido a que nun determinado movemento político (entendido de forma ampla) participa tanto xente organizada en distintos coletivos como xente non organizada, sendo esta última a maioría, o feito de exhibir nunha manifestación política calquera distintivo de pertenza a un sindicato, organización ou partido revela uns “intereses de parte” e unha pretensión de “patrimonializar espazos” ou “hexemonizar espazos” (expresións estas propias do vocabulario habitual dos que defenden estas ideas) que leva á “invisibilización” dos demais. Isto, con máis ou menos adorno, ven a ser o argumento central no que se basea toda a crítica.  

Até que punto ten este discurso unha base real? O primeiro paso sería ver se a premisa de que levar material propio supón invisibilizar ao resto é válida ou non. Curiosamente, os difusores deste discurso non adoitan desenvolver moito esta parte, mas é certo que polo feito de levar a unha manifestación bandeiras ou piruletas de madeira estase ocultando á xente non organizada? A tradución á práctica é que, á hora de facer as fotos para os xornais e as redes, as bandeiras “partidistas” copen toda a mobilización e polo tanto non se vexa a xente que non leva bandeiras. A única forma de que fose isto posíbel sería que o colectivo “con intereses de parte”, por usar a mesma terminoloxía que eles empregan, representase unha abafante maioría na propia mobilización, polo que o discurso da maioría silenciada pola minoría egoísta perde o sentido. É máis, a existencia destas bandeiras non invisibilizaría a ninguén, ao contrario, mostraría a participación dun determinado colectivo organizado na mesma convocatoria, e con iso o seu apoio ás reivindicacións da mesma e o traballo militante realizado para procurar o seu éxito.  

Pola contra, o que se oculta é que este discurso busca exactamente o efecto que denuncia: a invisibilización das organizacións, a erradicación da pluralidade política. Nunha mobilización, pódese falar de pluralidade cando cada persoa ou colectivo pode levar a simboloxía que considere á mesma; non se pode falar de pluralidade cando ninguén pode levar material porque unha parte do movemento prohíbe levalo. Isto, que así expresado pode semellar unha obviedade, é o que se está poñendo en cuestión con este nocivo discurso.

Para expresalo con maior claridade: se eu estou organizado nun colectivo X, e este X participa nunha determinada actuación política, chámese folga, manifestación, acto público, concentración ou calquera outra actividade, ningún terceiro dun colectivo Y ten dereito a prohibirme empregar a simboloxía que considere. Partindo obviamente de que ambos colectivos participen en igualdade de condicións, que xa sería un debate distinto. Negar isto implicaría afirmar que existen convocantes de primeira e de segunda, e aquí ninguén vale máis que ninguén. A xente organizada está organizada porque quere, non por obriga, e se realiza traballo político a prol dun obxectivo concreto como é a organización dunha mobilización, non é difícil de entender que queira que este traballo se visualice. E isto aplícase a todas as organizacións.  

Eu son nacionalista, e comunista. Non sinto ningunha vergoña dos espazos nos que participo, sexa Galiza Nova, a CIG, ou no pasado Erguer. Non considero que ninguén me invisibilice por levar simboloxía de espazos que non comparto, de ningunha maneira. En cambio, si que considero que o fan se me prohíben levala a min.

De onde provén este discurso? Cal é o fondo de todo isto? En realidade é moi sinxelo: trátase da simple idea de que estar organizado politicamente é algo do que sentir vergoña, o vello discurso anti-militancia de toda a vida que agora transmutou coa chamada nova política, adaptándose aos tempos: antes era “organizarse é unha perda de tempo”, “militar é mau”; agora é “os espazos de militancia clásicos están anticuados”, “precisamos formas máis fluídas de participación”. 

 É por tanto un discurso que demoniza a autorganización en espazos definidos, tales como un sindicato ou unha organización xuvenil, deturpando o concepto da unidade popular e empregándoo como un disolvente para deslexitimar e estigmatizar a calquera que participe nos citados espazos. O argumento é no fondo bastante similar a un outro que os nacionalistas levamos escoitando toda a vida, que é que non podemos levar bandeiras da patria ás manifestacións porque implica “apropiarse delas”, discurso que pode firmar un amplo espectro político (PP, Ciudadanos, mas tamén PSOE). A diferencia é que o discurso do que trata este artigo, tendo unha esencia semellante, adoita ir acompañado dun cheiro máis esquerdista que o fai máis fácil de dixerir, de aí o seu perigo. 

 Este e non outro é o motivo de que este discurso entre tan ben polos oídos: forma parte do discurso oficial e hexemónico da anti-militancia e o individualismo, inserido totalmente no pensamento neoliberal que o invade todo; pensamento que nos leva a entender a sociedade como un conxunto de individuos, e que calquera tipo de autoorganización en espazos concretos implica unha mentalidade colectiva horríbel e indesexábel, adoutrinamento incluso. Entender a sociedade como un ente difuso e etéreo que non pode ser “delimitada” en partidos e organizacións é indubidabelmente facerlle o xogo ao sistema, nin máis nin menos; implica atacar o principio de autoorganización (como povo e como clase) en defensa dun “ciudadanismo” brando, posmoderno e inofensivo.  

A maiores desta análise, que non pretende ser extensa senón mostrar unhas pinceladas do problemático deste discurso, hai outro aspecto que non está de máis comentar. Que este tipo de ideas se difundan rapidamente entre xente organizada e non organizada é perigoso pero comprensíbel, xa que como se analizou previamente a hexemonía ideolóxica existente nos tempos que corren condiciónanos para aceptalo facilmente. O que resulta menos comprensíbel é a difusión interesada e consciente deste discurso por parte de determinados axentes, que non teñen reparo ningún en afirmar que os partidos deben ocultarse publicamente para non “apropiarse das loitas” e acto seguido proclamarse como os máis puros leninistas. Non é inocente esta trampa: non esquezamos que resulta moito máis sinxelo disimular a febleza da propia organización (e, por tanto, a febleza do proxecto político que vai unido a ela) se un pode ocultar a súa capacidade militante real e ademais consigue convencer ao resto de que faga o mesmo. Mas iso xa daría para outra análise distinta.  


[21-03-2018 13:02] salgado comentou:

Plenamente de acordo co fondo do artigo, xa vai sendo hora de que digamos basta,e pasar polas forcas caudinas de facer invisible o movemento nacionalista en prol de unha "unidade" de acción, da magoa ver manifestacións, concentración, etc. onde non se albisca unha soia bandeira patriótica, fai falta baixar as calzas ate este extremo?.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal