08:24 Venres, 27 de Abril de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-03-2018

Hai unha rua compostelá, chamada hoxe RÚA DAS RODAS, perto da PORTA DO CAMIÑO, que presenta un exemplo de castelanización e posterior regaleguización equivocada

A rua, os rueiros, as ruêdas e os ruáns

Valorar (5)

CÉSAR VARELA GARCÍA




Hai unha chea de lugares galegos que locen o nome de A RUA.

Hai unha rua compostelá, chamada hoxe RÚA DAS RODAS, perto da PORTA DO CAMIÑO, que presenta un exemplo  de castelanización e posterior regaleguización equivocada.

Nos meus tempo de estudante a tal rua chamábase,  RUEDAS, que todos entendíamos como un nome castelanizado referente a un lugar onde se farían rodas, ou algo polo estilo.

Na realidade, o nome estaba ben escrito, pero era mal entendido; era éste, un lugar de “ruas”  que se entrecruzaban, e por eso se chamaba, o lugar das RUÊDAS, nada a ver coas “rodas” que nós mal entendíamos.

O galeguizador do concello, entendeuno coma un nome castelán que había que galeguizar e así chegamos á RÚA DAS  RODAS de hoxe.

O topónimo RUÊDA produciu apelidos como o do vicepresidente do infausto goberno galego de hoxendia, Sr. RU-ÊDA, e non Sr. RUÉDA, ao estilo español, como todo o mundo lle chama. O seu apelido nada ten a ver coas “rodas” e todo a ver coas “ruas”.

Propoñeríamos ao concello, de colocar o nome de RUÊDAS, escrito así, co circunflexo, para avisar sobre a pronucia que debe ser galega, e non cair no RUÉDAS anterior.

Algo semellante ocurríu co nome do mercado da PEDRA de Vigo, ainda que con resultado mais feliz.

Aquela zona de Vigo era chamada, “DA LAXE”, pois esas laxes ou pedras chás eran os antigos peiraos dos portos galegos como o MURO da Coruña, os LEIXOES portugueses, ou mesmo o nome de Lisboa, que nós ousamos proceder dunha antiga “ laxiña”portuaria ( Laxa ou Lixa).

Ao aparecer o mercado, nos anos 50, foi chamado de LA PIEDRA”, pois así traduciron o antigo nome da LAXE.

O regaleguizador non ousou retomar o nome orixinal e substituíuno por, A PEDRA; ainda ben que, a nova área comercial que se ergueu no lugar, tivo o bon gosto de deixar de lado LA PIEDRA e A PEDRA, e restituir o vello e fermoso nome de, A LAXE.

O nome das RUÊDAS compostelás é típico dos asentamentos dos francos nas aforas da muralla da cidade medieval.

Así se expresa o VITERBO cando fala do HOMEM DE RÛA:

“O que vive na cidade ou terra grande, onde as casas estam arruadas. Esta qualidade de gente, regularmente falando, mais rica em dinheiro do que em nobreza e claros avoengos, era reputada entre os “milites” ou “fidalgos”, e os lavradores, peôes, e gente do campo, e ordinariamente eran temíveis, á proporçao da sua vida libertina, ociosa e folgazâ…..

Estes habitantes eran chamados de RUAOS, para distinguilos dos fidalgos, que moraban intramuros.

Don Juan Manuel, no seu  LIBRO DE LOS ESTADOS, clasifica así aos RUAOS : “…porque los mercaderes compran et venden, et los RUANOS facen labrar la tierra , et dar ganados et bestias, et aves asi como labradores, por esta razón los estados de los RUANOS et de los mercaderes enciérranse en el estado de los labradores….

Xa que os RUAOS, non eran “milites” e había que ter bó cuidado de que non entrasen na caste dos fidalgos, non lles quedaba outra , que pasar a facer clase social ou “estado”, cos labregos.

Esta debeu ser a orixe dos nomes de vilas chamadas de RUEDA ao longo do Camiño, como a a vila vallisoletana que se gaba dos sonados viños do mesmo nome.

Arruamentos de casas de mercaderes ou da incipiente burguesia nas aforas das murallas dos castelos e ciudades eclesiásticas.

O caso é que, hai moitos lugares chamados de A RUA, que non están nos extramuros das vilas ou castelos e que son  e foron, de un total ambiente rural.

O RUEIRO, era a praza ou lugar de reunión para falar ou danzar; era un lugar chan e raso como é necesario para para esos usos sociais.

Daí que non nos conforme muito a orixe que se propón para RUA, como procedente dunha RUGA latina.

Resulta un pouco difícil, que do significado dunha arruga no rosto dunha persoa, se pase a aplicar á rua dunha vila.

Parécennos mais verosímiles, polo menos para os casos do rural galego, a relación coas verbas:

RUDERO e RUDERARE : Achandar con escombros ou cascallos.

RUDUS : pedra e tixolo moido para pavimentos. RUDI TERRA: terra inculta. RODO, ROSSUM : roer, limpar alisando.

Así, as RUAS do rural galego, deberon orixinarse como lugares comúns, chans e rozados, por onde se podía andar libremente e mesmo reunirse e baillar; función que logo cumpliron as EIRAS.

Xa, as RUAS das vilas e ciudades, seguramente  deben a sua nomieira á palabra francesa, RUE, e ainda é posíbel que fose aportada polas correntes migratorias de burgueses e comerciantes francos ao longo do camiño de Santiago; Velaí senón, a RUA DO FRANCO.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal