22:30 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-03-2018

Xigantescos olmos

Valorar (22)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Xigantescos olmos, mirtos
que brancas frores ostentan,
unhas con cogollos inda,
outras que o vento esfollea.
Buxos que xa contan sigros
e que xuntos verdeguean
formando de rama e troncos
valos que naide atravesa,
e nos que moi descansadas
fan o seu niño as culebras.
Loureiros, irmáns dos buxos
pola altura i a nacenza,
pois arraigaron a un tempo
no máis profundo da terra.
Limoeiros e laranxos
que o verde musgo sombrean                                              
i olido esparcen de azare
con que a xente se recrea.
Eternos bosques en donde
sombrío misterio reina,
onde só os paxaros cruzan
polas tristes alamedas
onde ó marmullar as fontes
un coidara que se queixan,
i onde o mesmo sol do estío
melancónico penetra.
I en medio desta espesura
e desta hermosa tristeza,
nunha casa inda máis triste,
si de fachada soberba,
alí din que ten o niño
a nai de todal-as meigas:
casa con portas de cedro,
en cada ventana reixa,
cociña coma de monxes,
silencio coma de igrexa,
criados que non dan fala,
cans que morden como feras.
Alí a viron negra e fraca
como unha gata famenta,
no máis san e máis frorido
da hermosa terra gallega.
I estes mals que nos afrixen
din que todos veñen dela...
¡Mais socede nesta vida
que os que tén culpa n'a levan!  

ROSALÍA DE CASTRO: Follas Novas (Libro III, “Varia”), 1880.



[17-03-2018 22:57] Luisa comentou:

Como escribindo comentarios as lecturas aumentan...
Xigantesco, rebelador, galega!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal