22:54 Xoves, 19 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-03-2018

Hoxe é tal o adoutrinamento da sociedade do Estado que xa non se preocupa polas cousas que lle afectan tan negativamente na súa vida diaria

Son eles os que odian e enfrontan á sociedade

Valorar (6)

RAÚL RÍO DÍAZ



Os gobernantes españois, xa sexan de dereitas ou de esquerdas, fan as leis ad hoc; non para protexer á cidadanía, á que se deben, senón para castigar ao diferente e protexerse eles das protestas cidadáns ante os seus roubos e corruptelas, que nos costan 2.000 euros ao ano a cada contribuínte. Deste xeito, os Borbóns (aos que hai que venerar á forza, porque así está lexislado), non son os únicos irresponsables dos seus actos, senón que tamén eles queren ser intocables, fagan as falcatruadas que fagan. Non poden deixar de lado séculos de absolutismo e autoritarismo, nin o seu ideario imperialista, antidemocrático e antisocial, que prohibe os dereitos dos pobos e a crítica pola desfeita que fan dos servizos públicos construídos co esforzo de todos, para regalarllos ás empresas privadas dos seus amigos a cambio de diñeiro negro para as campañas electorais.

Levan séculos empoleirados nesa torre de odio e exterminio de pobos e culturas, que é o Estado centralista, e arremetendo contra  todo o distinto, contra todo aquelo que non entenden nin queren entender. Nin sequera se conforman con odiarnos eles, senón que fomentan ese odio nos seus concidadáns para enfrontalos aos diferentes pobos e culturas, utilizando a escola, os medios públicos e privados para adoutrinar e encirrar á poboación contra aquel que non acadulle por onde eles mandan; de aí ese “A por ellos!” daqueles pobres descerebrados cando despedían a Garda Civil. Non poden vivir sen odio e sen inimigos cos que amedrentar á poboación e teñen que inventalos para atacar a nosa identidade e impoñernos a súa.

Hoxe é tal o adoutrinamento da sociedade do Estado que xa non se preocupa polas cousas que lle afectan tan negativamente na súa vida diaria, como son: a corrupción, a sanidade,  o ensino, a desigualdade social, o paro, as pensións ou a precariedade laboral, pero si a “Unidade de España”, sen pararse a pensar se iso verdadeiramente prexudica ou beneficia os seus intereses. Presumen de patriotas españois a falta doutra cousa da que poder presumir, porque é o que lles ensinaron, mentres os seus dirixentes corruptos desmantelan o Estado e levan o diñeiro a paraísos fiscais.

Si eses dirixentes miraran verdadeiramente polos seus cidadáns, e Galiza, Euskadi e Catalunya foran España, como afirman constantemente, estarían orgullosos de contar na súa nación con catro culturas milenarias e catro idiomas diferentes; un deles, o éuscaro, dos mais antigos do mundo. Defenderían esas culturas como propias e aprenderían a falar as súas linguas con normalidade, tal como nosoutros falamos a deles, na vez de prohibilas e facer todo o posible para que desaparezan.

Viña a dicir o debuxante Forges, recentemente falecido, nunha das súas viñetas: Ós que lles molesta que se fale ou escriba en éuscaro ou noutra lingua peninsular que non sexa a deles, son a mesma xente á que lle molesta que se fale, que se escriba e ata que se pense. En vez de usar a súa sen imposición e menosprezo das outras, necesitan atacar á lingua e á identidade dos demais para defender a propia e sobre ese ataque constrúen parte do seu discurso político e ideolóxico, como afirma o compañeiro Óscar Gómez Mera, nun interesante artigo a favor da diversidade lingüística.

O meu primeiro mestre ensinoume que o respecto, o aprecio e o cariño non se impoñen, senón que temos que gañalos cos nosos actos, pero como polas súas obras son incapaces de facernos sentir empatía, pretenden impoñela á forza mediante leis mordaza, para reprimir por “delitos de odio” a aqueles ós que odian porque non temos a mesma nacionalidade, non pensamos o mesmo, ou non estamos na súa órbita ideolóxica; queren ternos amedrentados para poder seguir mangoneando e roubando sen control. Este tipo de delito é unha aberración xurídica propia dunha novela kafkiana e un caixón de xastre no que colle todo, pois un sentimento ou unha idea resultan imposibles de medir obxectivamente, polo que queda ao criterio suxestivo deses xuíces afines a quen os pon e aos que tantos varapaus lles dá o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo, que case sempre dá a razón aos que foron agraviados pola lexislación antidemocrática española, por ver delitos de “incitación o odio” en lóxicas protestas, non investigar torturas e non facer ben os deberes ou por falta de preparación, como lle pasou a Francisco Pérez de los Cobos, militante do PP e ex-presidente do Tribunal Constitucional cando o quería enchufar Rajoy nese Tribunal Europeo, pero foi rexeitado por sacar un cero, tanto en inglés como en francés.   
                                                                                                                                                                            Exemplos claros de como se imparte xustiza, castigo ou vinganza, é o caso dos rapaces de Alsasua, aos que por unha pelexa nun bar con dous gardas civís de paisano acúsanos de terrorismo, solicitando o fiscal 62 anos de cárcere, pero ademais a maxistrada que os vai xulgar foi condecorada coa “Orden do Mérito da Guardia Civil” e o seu marido é coronel dese corpo, polo que a defensa pediu a recusación ao considerar que non pode ser imparcial polos estreitos vínculos que mantén co instituto militar, pero a Audiencia Nacional, sen entrar no fondo, tardou so unhas horas en rexeitar a recusación, que si se deu no caso de Iñigo  Cabacas, un mozo morto por unha pelota de goma da Ertzaintza despois dun partido de fútbol, cuxo presidente ía ser Alfonso González-Guija, xuíz condecorado por ese corpo policial vasco e que foi apartado do caso.

Utilizan as súas leis e á Audiencia Nacional para aplicar o “Dereito Penal do Inimigo” co fin de someter vontades, condenando por ideas políticas e por cantar rap a longos anos de cárcere, ideas ou letras de cancións que consideran delito ou non, dependendo da ideoloxía do “delincuente”. Por iso que a xuíz, Mercedes Composito, non veu delito de odio nos mensaxes de WhatsApp que pedían “levar bates e abrirlles a cabeza” por roxos, a un mitin en Santander, ao compartir as manifestacións realizadas polo Ministerio Fiscal, que cualificou eses mensaxes de "gratuítos ou meras tonterías", pero, sen embargo, pouco tardaron en deter a un veciño de Igualada por ameazar a Albert Rivera no Facebook.

A imposición do “discurso do odio” é a ferramenta perfecta para coartar a liberdade de expresión e para discriminar a grupos marxinados, como refuxiados, inmigrantes, minorías étnicas e relixiosas e a todos aqueles que somos odiados por eles.

Para rematar quixera darlle os parabéns aos mozos cataláns pola sentencia do Tribunal Europeo de Estrasburgo, anulando a ditada polo Tribunal Constitucional que os condenaba a 15 meses de prisión por queimar unha foto dos sogros de Urdangarín, acto que seica incitaba ao odio mais que o seu xenro, e ademais condena ó Estado a pagarlles 2.700 euros a cada un e 9,000 en concepto de costas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal