03:26 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-03-2018

Facer política partidaria con temas sensibles

Plurilingües e monolingües

Valorar (7)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Teño claro que ao PP non lle interesa resolver a cuestión catalana, porque si tivese intención non botaría máis gasolina ao lume que presuntamente quere apagar. Estamos ante o caso do bombeiro pirómano. Rajoy e o seu Goberno pretenden acabar coa inmersión lingüística en Cataluña e prometeron un 25% de castelán no ensino. O pretexto é que con iso queren garantir o dereito das familias a que os seus fillos reciban en castelán as materias que fixan nese mínimo distintas resolucións xudiciais.

A pregunta que se impón é ¿cantas son as familias que teñen tal preocupación? Pois depende da información que se manexe aínda que a resposta tivémola nunha entrevista previa ás eleccións do 21 D realizada por Jordi Évole a Marta Rovira e Inés Arrimadas, xenuínas representantes das tradicionais dúas frontes, nesta caso independentistas e constitucionalistas, as eternas "dúas Españas" que non poden vivir unha sen a outra, que se necesitan, pero que por razóns electorais nunca se chegarán a entender.

Évole suscitou o tema da lingua e inmediatamente a candidata de Cidadáns erixiuse en defensora dos dereitos lingüísticos dos castelán falantes que desexaban que seus fillos fosen escolarizados en castelán. Cando o entrevistador lle dixo que eran o 0,2 %, quince reclamacións, respondeulle que na práctica eran máis, o que ocorría é que os pais sentíanse coaccionados ao facer a preinscrición, non só polos profesores senón tamén por algúns pais, unha coacción baseada no suposto temor a que os escolarizados en español fosen discriminados. Pero agora saen cun estudo que di que o 47,4 % dos cataláns non está de acordo con que a lingua vehicular sexa o catalán, así é como saíu a noticia en lugar de dicir que o 52,6 % si o queren, resultado que non cuadra co dito anteriormente.

Facer política partidaria con temas sensibles

Resoltas a eleccións catalanas, que non o problema, alcanzado polo PP o posto de forza política residual en Cataluña arrasada por Cidadáns, que a nivel xeral nas enquisas xa lle supera en intención de voto, agora tócalle contrarrestar ao seu opoñente utilizando a mesma táctica, ao meu modo de ver equivocada, que utilizou co terrorismo cando gobernaba o PSOE, unha delicada cuestión de Estado que ambos partidos se comprometeran a non facer política con ela. Pero o PP fíxoo, e ségueo facendo utilizando a un dos seus mortos co beneplácito da súa familia, porque sabía que iso lle podía dar rendemento electoral. Sen ningún escrúpulo agora utiliza a dor doutra familia coa controvertida cuestión da prisión permanente revisable.

Mariano Rajoy e os seus asesores equivocáronse ao pensar que o tema catalán se resolvía nos xulgados e cunhas eleccións. Pero non se deberon de decatar de que os electores co seu voto podían tomar decisións ben diferentes ás que presumiblemente tomarán os tribunais de xustiza. E como era de esperar os efectos da aplicación do artigo 155 e os resultados das eleccións, lonxe de arrefriar a pataca quente, complicárono máis, porque das urnas non saíu a maioría que desexaba.

Feijoo debería tomar nota

O PP no seu afán lexítimo  por seguir sendo a representación máis xenuína da dereita, do nacionalismo español máis rancio, agora subidos tamén ao carro de Marta Sánchez e o seu himno, presumindo que periga a súa hexemonía, vendo que xa nada lle queda por perder en Cataluña, lánzase a facer política co catalán, cunha promesa imposible de cumprir porque non e quen para poder modificar a Lei de Normalización Lingüística e porque o Tribunal Constitucional, por unanimidade, anulou o sistema da Lomce, por invadir as competencias da Generalitat, que pretendía garantir o ensino do castelán en colexios privados animando aos pais cunha axuda nada menos que de 6.000 € por curso, coa intención de "españolizar a los niños catalanes", Wert dixit.

E toda esta fanfarria ¿para que? Pois para satisfacer a unha minoría agrupada na asociación Asemblea por una Escuela Bilingüe, o equivalente á Galicia Bilingüe de aquí, posiblemente alentados e amparados polo PP, e para tratar de reter ao seu electorado.

Por certo que Feijoo debería tomar nota do que garante o seu correlixionario ministro de Educación, e aplicar aquí o mesmo criterio, 75 % de clases en galego e 25% en castelán. Cunha orde da Consellería de Educación e Cultura soluciónase. Pero mentres o presidente está no que chama "bilingüismo cordial" o secretario da Real Academia Galega Henrique Monteagudo di que a situación do galego é preocupante.

E ¿de onde vén ese 25%? O 30 de xaneiro de 2014 o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña estableceu que o Departamento de Ensino da Generalitat debía asegurar a oito alumnos, cuxas familias recorreran, un mínimo do 25% de clases en castelán para consideralo como lingua vehicular.

Obxectivo, recuperar electorado

Claro que detrás desta cuestión están determinados pais que utilizan aos seus fillos como arietes das súas conviccións ideolóxicas, xa que os nenos están á marxe desas cousas, na crenza de que falar e escribir nunha lingua das chamadas cooficiais, non é unha cuestión cultural, senón que con iso trátase de inculcarlles aos nenos na escola as doutrinas separatistas. Con todo este prexuízo non o teñen co inglés, porque o consideran útil, un idioma co que cultural e territorialmente temos moi pouco que ver.

A reacción non se fixo esperar e as asociacións e sindicatos, incluídas as escolas concertadas relixiosas, rexeitaron a proposta porque está demostrado que co sistema vixente os alumnos cataláns teñen resultados en castelán similares aos do resto de España.

O PP cometeu agora co catalán o mesmo erro que coa súa campaña previa ao recurso de incontitucionalidade do Estatuto. Daqueles pos temos estes lodos. Pero non lle importa porque como é evidente a decisión non a toma para satisfacer a oito pais que consideran vulnerados os seus dereitos, nin para congraciarse cun electorado catalán exiguo, senón para tratar de recuperar ao electorado do resto de España porque parece que llo está birlando Cidadáns.

As bondades da lingua vernácula

Os idiomas no só son unha riqueza cultural universal senón que favorecen na persoa o plurilingüismo. O fracaso do seu ensino en España é proverbial e faría ben o ministro do ramo en nomear a un comité de expertos para coñecer as causas, ao meu modo de ver un exceso de teoría e pouca práctica. Os idiomas hai que comezar a aprendelos antes de coñecer o abecedario. Despois xa se aprenderá a gramática. Os nenos non teñen ningún problema en falalos, nin ningún prexuizo en utilizalos.

O independentista Carles Puigdemont demostrou expresarse ben en catalán, castelán, francés e inglés. O tamén independentista Josep lluís Carod Rovira, non só fala estes idiomas senón o galego e o portugués. A antisitema Anna Gabriel, tamén independentista, sabemos que domina o catalán, o castelán e o francés, cando menos. E ¿que idiomas fala o nacionalista español Mariano Rajoy Brey, natural de Santiago, criado no Carballiño, desenvolvido en Pontevedra, e estudado en Santiago? Só o español, e en ocasións con bastante dificultade para se expresar. Un exemplo claro de que a inmersión lingüística na lingua vernácula, lonxe de prexudicar beneficia.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal