03:32 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-03-2018

O capitalismo é pouco dado a discriminar positivamente grupos oprimidos e a respectar nacións e idiomas

Elias Canetti, a Europa das linguas e a diversidade cultural: un patrimonio cada vez máis vulnerábel

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



O que diferencia o ser humano doutros seres vivos é, fundamentalmente, a linguaxe articulada. As linguas dan forma a culturas diversas e entrelazan con estas modos para entenderen a vida e para a organizaren, tan válidos todos eles canto distintos, e tan respectábeis como dignos. Europa, desde hai milleiros de anos, exemplifica de maneira extraordinaria esa riqueza cultural e lingüística, con migracións de pobos, linguas en contacto e culturas a conviviren, certo é –e cómpre non o esquecermos– que nin sempre de modo harmónico nin tampouco de xeito pacífico. Mais, nestes últimos casos, corresponde no elementar, antes do que a verdadeiros problemas de convivencia,  a unha xestión ineficaz da diversidade e do respecto intercultural, o que é ocasionado con frecuencia pola vontade duns pobos de colonizaren ou de invadiren outros.

Nesta terra que chamamos Galiza fálase entre nebulosas da existencia da nación dos oestrimnios antes da chegada dos saefes, estes últimos de filiación lingüística indoeuropea vinculada á expansión da cultura céltica. Os militares romanos incorporaron a mítica Gallaecia ao imperio en forma de provincia e fixérono con tropas cuxos soldados proviñan de diferentes rexións do mundo coñecido na altura, cal a Baetica, Etruria, Galia, Siria, Tracia, Xermania etc. Os suevos, xa nos primordios do século V, instituíron o primeiro reino altomedieval despois da desaparición da estrutura do imperio, unha vez que batallaron cos alanos e vándalos, e foron capaces de dotaren a Gallaecia dunha organización territorial que aínda hoxe se mantén a termos en conta as freguesías. A prosperidade do reino, os pactos de hospitalidade e cesión de terras, por un lado, ben como as guerras e a conflitividade social en certos territorios europeos, por outro, magnetizarían máis tarde xentes provenientes de diversas partes da Europa que se instalaron nestes confíns do mundo, asunto do cal dá transparente testemuño a toponimia: Astureses, Basquiños, Bretoña, Castelaus, Cumbráns e Cumbraos, Franza, Rúa do Franco ou dos Francos, Toldaos etc. Só cando o reino da Galiza perdeu a súa hexemonia no ámbito peninsular, perdendo influencia política e capacidade produtiva e económica, comezou a enviar os seus naturais a outras partes da xeografía ibérica, tales como Castela, Lisboa etc. Por iso, conforme temos sinalado noutro lugar (O falar das da fadas, 2016), pode hoxe en día constatarse a existencia de localidades co nome de Gallegos, particularemente en territorios casteláns e leoneses: Gallegos de Hormija, Gallegos de San Vicente, Gallegos del Campo, Gallegos de Curueño, Gallegos de Huebra etc.

Mais isto que aconteceu na Galiza tamén sucedeu en diferentes nacións europeas, que coñeceron como outros pobos se asentaban en zonas diferentes das orixinarias, a levaren consigo as súas linguas, costumes, crenzas e cultura. De aí que, cunha perspectiva da historia o suficientemente ampla e dotada do humanismo necesario, non deixe de parecer insólito o tratamento que se dá ás persoas refuxiadas ou a emigrantes por parte de determinados gobernos, que parece teren esquecido o seu propio desenvolvemento histórico. O capitalismo é pouco dado a discriminar positivamente grupos oprimidos e a respectar nacións e idiomas e o seu modelo económico tense revelado capaz, aínda na nosa época, de crear vergoñentos campos de concentración para persoas refuxiadas, de crear valos para as así xentes doutros pobos non poderen ultrapasar as fronteiras ou de levantar paredes con aramios que poñen en perigo a vida daquelas mulleres e homes que tentan saltalos para procuraren a prosperidade noutras terras: hai xente que se escandaliza da idea do actual presidente norteamericano de construír nos Estados Unidos un muro na fronteira con México e ignora (ou esquece conscientemente) que unha construción similar xa foi erguida hai tempo na Hungría ou que nas cidades españolas de Ceuta e Melilla foron erguidos valos con ferros asasinos para impediren a entrada de persoas naturais de África, como ben nos relata Cheikh Fayé na súa primeira obra escrita en galego, Ser modou modou (2017), editada pola dinámica Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

A emigración e o exilio, pois, non son alleos nin ao pobo galego nin ao español nin ao francés nin ao alemán etc., nin como nacións de acollida nin como terras de partida. A Europa da diversidade lingüística e cultural, coas actuais políticas de forte natureza xenófoba, está, grazas aos gobernos da Alemaña, da España, da Hungría etc., ferida, e para isto contribúe moito eficazmente o insuceso do sistema liberal, que xera odios e incomprensións racistas e machistas (embora non só, o machismo é tamén un problema, e ben serio, de clases) onde quer que se iza a bandeira do pensamento único, do selvaxismo capitalista e do rexeitamento daquilo sentido como diferente. E a Europa non aprende ou, cando menos, non parece ter interiorizado as reiteradas leccións de historia recente, desde a eclosión dos estados burgueses modernos no século XIX até ás noticias procedentes do conflito sirio ou até ao tráxico asasinato de inocentes en Barcelona hai uns meses; continúan a se cometer idénticos ou parecidos erros que transitan polos camiños da exclusión e da marxinalización para todo aquilo que por ser distinto é considerado unha ameaza: os costumes, as crenzas e, obviamente, tamén as linguas.

Por iso, un libro que nos chamou a atención moito en positivo foi a obra de Elias Canetti (1905-1994) Die gerettete Zunge (1977), ás veces traducida como A lingua absolta, A lingua salvada ou aínda A lingua recuperada. O libro fai parte das súas memorias e constitúe unha fotografía parcial relativamente válida do contacto entre culturas e idiomas durante os primeiros decenios do século XX, ben como da naturalidade con que se poden aprender linguas doutras nacións próximas. O autor, nado nunha familia acomodada e culta, describe nese libro as lembranzas da súa infancia, con innúmeras referencias á diversidade lingüística máis próxima. Como descendente dunha familia xudía expulsada “democraticamente” da España polos Reis Católicos nos albores da Idade Moderna, Canetti, nos primeiros anos da súa vida, falaba coa súa nai e co seu pai en castelán antigo ou sefardí, que era o idioma familiar habitual común a moitos colectivos con aquela orixe. A tradición relixiosa dos seus antepasados, nomeadamente pola presión dun avó, faino aprender a ler en hebreo, en canto tamén interioriza o búlgaro por ter nado na cidade de Rustschuk, á beira do Danubio. Ao paso, xa desde a súa máis tenra infancia, desexa poder comunicarse en alemán, que era a lingua que empregaban a súa nai e o seu pai entre si e na cal namoraran e que era vista polo meniño como a lingua das persoas adultas. Por motivos familiares, tamén aprende inglés, pois vese obrigado a pasar unha época da súa infancia en Manchester, e igualmente chegou a dominar o francés, dado que a súa nai, persoa moito importante na vida del que soubo transmitirlle o amor pola literatura, insistiu en que o estudase. Por outro lado, a cidade en que naceu tiña comunidades albanesas, armenias, ciganas, gregas, romenas, turcas etc. e, como Canetti declara na súa obra, alí eran empregadas sete ou oito linguas diferentes nos primordios do século XX e inclusive a xente que as sabía gabábase de se poder exprimir en varias delas. Unha das mellores amigas da nai era rusa e proviña da Hungría, como tamén era húngara unha das amantes que tivo o autor, muller que lle entregaba poemas escritos en alemán para aquel os ler e os corrixir e así poder adaptalos á variedade literaria. Na casa familar traballaba un armenio e Canetti mantiña con este algunhas breves conversas no idioma de igual nome.

A lingua en que redixiu a súa obra foi o alemán, en concreto no que se consideraba normalmente o alemán culto ou literario. Mais, ao mesmo tempo, isto non lle impediu coñecer e mesmo ás veces utilizar variedades xeográficas e sociais dese idioma, como tamén non lle supuxo un obstáculo comentalas ou referir como as utilizaban algunhas persoas que aparecen n’A lingua recuperada: ao ter vivido en varias cidades e territorios de fala alemá (cuns dialectos por veces inintelíxbeis reciprocamente) significa en ocasións a fala vienesa, a de Berlín, as falas locais da Suíza, o alemán literario empregado por certa xente das camadas sociais altas etc. Algunhas das súas amizades da adolescencia usaban a modalidade suíza e el propio a aprende para se comunicar familiarmente con elas, aínda que determinadas conversas, segundo afirma, se mantiñan nunha variedade máis próxima do alemán considerado culto. Se pensásemos na Galiza, que boa lección terían aquí os individuos que acreditan no preconcepto de o galego estar moito fragmentado dialectalmente! E que bos ensinamentos poderían recibir esas mesmas xentes que, nunca se exprimindo en galego e incapaces de usaren máis dunha única lingua, formulan ás veces preguntas infantís do tipo “¿Pero en gallego cómo se dice, man o mao?” ou aínda “¿Como es la palabra correcta, até ou deica?”, a deixaren constancia da súa intelixencia tan incipiente como conclusa.

Mais, á marxe das moitas linguas e modalidades dialectais que son referidas polo escritor de orixe serfardí, o que sen dúbida vira sorprendente (e que xa daría para un outro artigo de teor máis sociolingüístico) vén dado pola naturalidade con que se describe esa diversidade cultural e idiomática. Oxalá que esa parte das memorias de Elias Canetti fosen lidas por algúns individuos, polos mesmos que fan gabanza da súa simpleza intelectual desde os órgaos de poder e que camiñan na dirección do pensamento único e na vulgar sublimación da lingua das persoas máis poderosas. Neste sentido, non está de máis voltarmos sobre a idea de a existencia das linguas e das súas variedades ser un tesouro gravemente ameazado, tanto na Galiza como noutras partes do mundo, tamén nesa Europa que refire Canetti ou no continente de procedencia do senegalego Cheikh Fayé.

En resumo, non hai linguas mellores que outras, quer teñan unha ducia de falantes, quer millóns de persoas as empreguen normalmente. Tamén non hai culturas superiores nin inferiores, pois todas elas, tanto as máis coñecidas como as máis incógnitas, contribúen para a diversidade que caracteriza o ser humano. De aí que tan válido sexa o noso idioma, aínda se achando nunha perigosa situación para a súa sobrevivencia, como as moitas variedades de chinés mutuamente inintelixíbeis, de inglés ou de francés. Mais o que non vira válido nin defendíbel, polo contrario, é que as persoas que rexen os destinos da humanidade, na Galiza, na Bulgaria ou no Amazonas, dancen ao ritmo dos tambores da intolerancia tanxidos polos axentes do sistema neoliberal e que promocionen conscientemente o desaparecemento das linguas e dos diferentes modos de entender a vida que representa cada idioma. Se a lingua é a chave con que se abre o mundo, como ben dicía Manuel María, non deixemos que se fechen tantas portas como linguas son asasinadas. E, sobre todo, tamén non permitamos que condenen a nosa ás veredas do lingüicidio proxectado ao unísono desde Compostela, Madrid ou a FAES.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal