21:47 Mércores, 18 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2018

O antigo modelo de aproveitamento do monte como base da actividade agraria rachou a finais do século pasado

Política de montes e plan forestal

Valorar (6)

XOÁN COLAZO PAZÓ



               Malia ao que poida parecer e ao que historicamente pasou no noso país, Galiza vive de costas aos seus montes. O antigo modelo de aproveitamento do monte como base da actividade agraria rachou a finais do século pasado, durante o proceso de dinamitación do rural galego. Xunto a iso desapareceu tamén o noso xeito tradicional de relacionármonos co monte, até podermos afirmar agora que a súa desvalorización está asumida por grandes capas da nosa sociedade, sexa tanto no aspecto económico como no social, cultural ou ambiental. É evidente que este proceso e as súas consecuencias non se deben a mal inexorábel ningún, senón a unha planificación que é a mesma que ten deseñado para a nosa nación un papel subsidiario e feito para satisfacer intereses de fóra.

                Dentro deste contexto xeral atopámonos porén dúas circunstancias que matizan e actúan no presente, e que poden modificar ou condicionar o rumbo actual, que non é o máis positivo. Por unha banda está certo interese e reacción social por un estado de cousas lamentábel no que se refire á situación dos nosos montes, que ten como punto máis rechamante no fenómeno do rexeitamento da eucaliptización e as consecuencias dos lumes. E pola outra a persistente actuación de parte da sociedade organizada que chama a mellorar os nosos montes en todos os aspectos, e a reconectalos coa sociedade galega.

                O primeiro factor ten a ver coa eucaliptización, realidade gritante que resume un proceso que nas derradeiras décadas transformou o rural galego nun deserto de actividade agraria e nun monocultivo forestal baseado no eucalipto. Este modelo implica nula aposta pola multifuncionalidde dos montes, polas industrias de transformación, polo valor engadido ou por xerar rendas que asenten poboación no territorio. Pola contra, afondan no deteriormento xeral do rural dende o punto de vista non só ambiental ou social, senón mesmo económico, co desbaldimento de centos de millóns de euros en atacar a parte final duns lumes que non son máis ca unha consecuencia lóxica do modelo. A maiores representa xa incluso un perigo de orde pública e mesmo de vida ou morte, como se puido comprobar o ano pasado. Ante isto certas voces e mobilizacións de denuncia do que está a pasar dan conta de que en realidade a sociedade galega non quere un monte que estrague o seu patrimonio cultural, ambiental e económico para o beneficio dunhas poucas empresas que pouco achegan ao benestar do país.

                Pola súa banda, está o labor continuado e autoorganizado de entidades que xorden para defender a realidade do monte galego dende unha perspectiva propia, crítica, propositiva e sen ataduras. En concreto, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común leva case dúas décadas vertebrando un movemento de persistencia deste tipo de propiedades únicas en toda Europa, caracterizadas pola súa natureza democrática e que supoñen (e poderían selo en moita maior medida, de existir unha outra política de montes) unha magnífica base para o desenvolvemento rural, o traballo cooperativo, o aproveitamento racional e multifuncional dos montes, a creación de riqueza, o mantemento de poboación no rural e, enfín, o exercicio directo e lexítimo por parte de centos de milleiros de galegos e galegas da custodia dos seus territorios respectivos. A OGCCMMVVMC ten unha traxectoria de defensa dos montes veciñais fronte a esoutra visión que quere intensificar a rapina sobre os nosos montes, unha traxectoria de fomento do orgullo de sermos comuneiros/as, de tecer alianzas con outras entidades que viven e traballan no rural, de tentar visibilizar o seu potencial para o conxunto da sociedade galega. No curto prazo participa na Iniciativa Lexislativa Popular de Protección do Bosque Autóctono, está próximo a celebrar esta primavera o VI Congreso de Comunidades de Montes e ten convocada unha manifestación nacional para a defensa da natureza xermánica e especial dos montes veciñais e para reclamar unha viraxe na política de montes da Xunta, no marco da revisión do Plan Forestal.

                Nestes momentos Galiza está a xogarse o futuro das vindeiras xeracións, en aspectos ben importantes. Por exemplo na blindaxe da pervivencia dos montes veciñais en man común, recoñecendo que non son bens xurídicos de natureza nin pública nin privada, senón bens de propiedade comunitaria, cuxa lóxica escapa -e por iso mesmo molesta- a unha explotación capitalista e colonial dos montes, como é a tendencia actual. Ese perigo existe, pois, aínda manténdose a Lei de Montes Veciñais en Man Común de 1989, os pasos da actual Xunta supoñen un ataque constante que rebaixa, dificulta e empeora a situación das comunidades de montes, ás que non só non se lles axuda no seu labor senón que se lles tenta arredar das súas lexítimas terras, con ameazas de expropiación, coa pretensión do cobro de falsas débedas provenientes dos convenios e consorcios, coa deixación de funcións da administración nos deslindamentos, co inxusto imposto sobre sociedades, con trabas burocráticas e ausencia total de subvencións, e coa desnaturallización na práctica do seu contido xermánico e comunitario. O obxectivo final é o de entregar unha enorme superficie de monte –hoxe gobernado pola veciñanza comuneira de xeito democrático e cunha visión integrada das súas funcións- ao lobby pasteiro, que mesmo, nunha volta de porca, pretende desregular o mínimo ordenamento de montes actual para introducir a mansalva os cultivos enerxéticos con eucaliptos de ciclo hipercurto ou outras especies invasoras de enorme afectación futura como as pawlonias, o bambú ou as acacias.

                Por iso, o debate aberto co gallo da revisión do plan forestal galego debe espallarse ao conxunto da sociedade galega, pois é algo ao que non lle pode virar as costas, ten unha grande influencia no conxunto de Galiza e pode supoñer un cambio de rumbo cara unha mellora na economía e no medio natural galegos e no benestar social, ou pola contra deixar hipotecado o futuro por moitas décadas, cunha situación mesmo moito peor cá actual. O debate debe trascender portanto o ámbito excesivamente reducido do Consello Forestal, debe levar á reflexión e á mobilización do conxunto social ao que lle importa que pasa nos montes. Só desa maneira poderemos planificar un monte e un rural vivos fronte aos intereses especuladores e esquilmadores do noso territorio e do noso futuro.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal