03:28 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-02-2018

“Uma CANCELLA , seria campo fechado, pelos seus límites, estabelecidos (por muro, sebe ou outro meio)”

As cancelas: será cousa de encerrar, ou abrir ?

Valorar (6)

CÉSAR VARELA GARCÍA




Vexamos primeiro, o que sobre o topónimo CANCELA, escrebe o especialista portugués A. de Almeida Fernandes:

“…Suponho ser topónimo vindo da época romana, da agrimensura, a cancellatio predial. A palabra CANCELA só se usa hoje para designar uma porta rudimentar ( de madeira ), sobretudo em campo: nao tinha, assim,poder toponimizador, isto é, nao podia criar por si o topónimo.


Daí que eu ache que este signifique todo o prédio ou campo: isto é, este, de acordo com a cancellatio referida, isto é, todo ele, reduzindo-se por fim, ou hoje, á entrada ou tal porta. ”

O mesmo autor escreve, noutro lugar :

“…Uma CANCELLA , seria campo fechado, pelos seus límites, estabelecidos (por muro, sebe ou outro meio), vindo a perder esa designaçao, a qual passou assim a aplicar-se á sua porta, em qualquer prédio,…”

Ou sexa que, visto que unha simples “cancela” non teria poder para xenerar toda unha familia de topónimos, o autor luso entende, que o nome estáse referindo a fincas encerradas por un valado ou fechamento sobor de si.

Acude á nosa lembranza o que eran os terrenos compostelás onde hoxe se  construiu a área comercial chamada das CANCELAS, en xusta herdanza do antigo nome do lugar.

Lembramos aqueles campos que locían o nome das CANCELAS e ousamos apontar aquí a posibilidade  de que  todo proceda dunha antigas terras CAMPICEDAS, ou sexa adicadas  a campo.

A evolución podería ter sido así:

CAMPITIETAS > CAMPICEDAS > CAMPICELAS >CAMP´CELAS > CANCELAS.

Esto, cadraría mais coa fasquía do lugar, que non era de propiedades rústicas fechadas, senon, de campos abertos.

A palabra CAMPO é moi antiga, e presumimos que debeu sofrir moitas flexións ao longo do tempo.

Estas terras de CAMPO estaban fora dos límites da vila ou cidade e tamén se usaban con fins militares nos chamados de, CAMPOS de MARTE.

A idea que temos de CAMPO, parés que xa incorpora a idea de ABERTO ou libre; é o contrario de terra delimitada como unha chousa, devesa ou bouza.

Tamén eran terras sen rega, ao contrario das VEIGAS; e na antigüidade eran adicados a pacer o gando libremente ou a producir “pan”, a traveso do cultivo de cereais como, trigo, avea, orxo e sobor de todo centeo.

De ser certa a nosa opinión os lugares chamados de CANCELA ou CANCELAS non se referirían a lugares fechados nen por un poxigo,nen por un valado ou sebe; senón   a campos abertos, seguramente adicados á producción de centeo.

Esa debeu ser a orixe do lugar chamado de CANCES en Carballo

CÁMPITIES > CAMP´TIES > CAMP´CES > CANCES

Da mesma orixe serían a chea de CANCELOS, que inzan no Pais, e que delatarían antigos terrenos CAMPICEDOS.

CANCILLÓS, en Vilar de Barrio de Ourense debería o seu nome a uns  devanceiros CAMPITIECULOLOS, e ainda remontaríamos o lugar de CANCIO en Negueira de Muñiz a un remoto terreno CÁMPITITIO, senon procedese do antropónimo latino CANTIUS.

Non dubidamos de a CANZANA asturiana, proceder dunha antiga CAMPITIANA TERRA.

E ainda ao reparar no nome de  CANTODORXO no Grove, non podemos menos que supor que as suas orixens veñen dun CÁMPITO > CAMP´TO > CANTO  adicado ao cultivo do ORXO, o hordeum latino.

Ainda o sonado CANTO D´AREA de Marin, que até agora é explicado como a “esquina ou extremo da antiga praia”; seica non se estará referindo a un vello CÁMPITO  na beira do mar ?

Se cadra a explicación da praza onde hoxe se fai o mercado procede da apropiación dese antigo CAMPO común.

Se a nosa teoría fose certa, ao falarmos  das CANCELAS e CANCELOS da toponimia, estaríamonos referindo a CAMPOS ABERTOS, mais ben que a campos cerrados ou delimitados a pesares do equívoco do seu nome.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal