03:27 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-02-2018

Cantas décadas máis han de se pasar para que poidamos contemplar Castelao de xeito que nos fagamos unha idea cabal do seu significado?

“Emplatar” a cultura

Valorar (27)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Hai moitos anos, décadas realmente, tiven ocasión de ver por primeira vez restos romanos baixo protección de vidro ou de cristal. Foi en Marsella. A guía ponderou a bondade de combinar pasado e modernidade, esta representada, segundo ela, por varias altas torres de edificios e aquel polo respeito e consideración á historia antiga da cidade. Naquela visita, coincidimos varios compatriotas que se admiraban grandemente do que contemplabamos. Á miña pergunta de, séndomos galegos, se coñecían Lugo, deran unha volta polo adarve da Muralla ou tiñan idea da riqueza e variedade da pegada romana na capital do Conventus Lucensis, responderon que non e aseguraron que cumprimentarían a visita a non tardar. Tal desfasamento  -coñecermos e admirarmos antes glorias alleas (ou vendidas como tais) do que monumentos nacionais-  vivino, experimenteino, outras moitas veces, fose na Ribeira Sacra, no Cabo Prior, no mosteiro de Oseira, na ría de Vigo ou no Val do Mao-Samos-Lóuzara... O etcétera é cumprido. Veume este recordo á memoria ao me atristurar, máis unha vez, cando por enésima idem, vexo que se está a cuestionar o destino do antigo Cuartel de San Fernando, na cidade que antes citei, Lugo. Para quen o teña esquecido, lembro que hai case dúas décadas que se acordara, por parte da Xunta, consagralo a Museo da Romanización (ou Museo Galaico-Romano), dándolle ao tal carácter nacional galego, isto é, como representativo do legado do Imperio en toda a Gallaecia, do mesmo xeito que outros lugares da Galiza albergarían senllos museos ou centros de investigación e de divulgación (tamén o de Lugo tería esta dimensión, non somente a de musealizar pezas), dedicados á prehistoria, ao pasado medieval (Reino da Galiza) ou á arte contemporánea. Nada disto se efectivizou e, agora hai quen inventa (Ciudadanos) que o destino do ex-cuartel ha de ser un colexio, cando os servizos de arquitectura municipais determinaron que de nengunha maneira cumpre os requisitos para tal fin, por se non fose pouco o que aquí apontamos, isto é, o acordo de destinalo ao Museo descrito.

Cantas décadas máis han de se pasar para que se cumpra e execute tal decisión?

En datas recentes, viaxei á mantenta a Pontevedra e mais a Vigo, para, máis unha vez, visitar o museo da primeira cidade e, na segunda, ver a exposición dedicada ao Pergamiño Vindel ou, por mellor dicer, o Pergamiño Martín Códax. No sexto edificio do Museo Provincial de Pontevedra, inaugurado en 2013, no segundo andar, encóntrase o que se pode ver de Castelao. Nese día (14 de Febreiro), a sala 8 está pechada temporalmente “por motivos técnicos”. Tal e como supuña, confirmáronme que se debía á futura instalación das estampas do álbum Nós e mais das que integran os álbumes de guerra. O que cabe contemplar, pois, na sala 7, son vinte e sete pezas de Castelao, todas elas, por resumirmos, da primeira época, para alén dalgúns obxectos persoais. A información escrita é claramente insuficiente, pois remata na viaxe do artista de 1921. É de supoñer que se completará coas cartelas correspondentes cando se abrir a sala hoxe pechada. Era día feriado na cidade do Lérez, público a penas había, así que puiden, case en soidade, ver de novo e ao meu sabor outras salas e dependencias do Museo: as dedicadas á Xeración Doente, a consagrada a Manuel Quiroga, á arte galega de entre dous séculos, o XIX e o XX, á arte española do mesmo período, á arte galega do século XX e á española idem... Fixen o exercicio –irreal, claro está-  de contemplar todo isto como se non coñecese nada nen ninguén. Que impresión tirei? A de poder me enteirar do mérito do magnífico violinista que foi Manolo Quiroga, aclamado na Galiza e en medio mundo, para alén do seu bon facer pictórico; a de me facer unha idea cabal de quen foron Arturo Souto ou Laxeiro ou, en todo caso, a de captar a importancia dos nomes principais de fins do XIX e principios do XX na arte galega. CASTELAO “naufraga” aquí como un máis: non dá en absoluto, o que se pode ver, para nos facer unha idea, sequer aproximada, do valor cuantitativo e cualitativo da súa arte, da súa significación, da súa transcendencia. Como temo que pode haber quen goste de leituras planas ou tendenciosas, aclararei que o dito non vai en demérito (pobre de min!) de pintores excelsos como Souto, Laxeiro ou tantos máis. Limítome a subliñar un feito doloroso e, xulgo, absolutamente anacrónico. Somos moitos os que clamamos por que Castelao debería contar na cidade que tanto amou (“Meu Pontevedra!”) cun edificio museal enteiro dedicado a el e á súa obra. Toda a que non se encontra nesta cidade (en mans públicas e privadas, fundacións bancarias, outros museos...) como mínimo deberiamos poder contemplala nos monitores correspondentes, como en tantos e tantos museos modernos do mundo, téndomos a oportunidade (como solicitamos e foinos denegado polo voto en contra do PP e da Xunta no Parlamento Galego o 29 de Setembro de 2015, a meio dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contou con miles de asinaturas) de, repito, no Museo de Pontevedra, contemplar o máximo da obra do noso ilustre compatriota, que tanto fixo, por certo, polas artes e pola cultura galegas. Sempre en Galiza.

Desde estas liñas, SOLICITO encarecidamente a: D. Carlos Valle, director do Museo Provincial de Pontevedra; D. Xosé Leal, deputado responsábel de Cultura da Deputación Provincial (ambos xa me escoitaron esta petición); D. César Mosqueira e Dª Carmela Silva, vicepresidente e presidenta da corporación provincial (con quen non me puiden entrevistar) que tomen cartas no asunto; que sexan sensíbeis a unha NECESIDADE cuxa solución enrubia lembrar; que recorden que antes de metacultura cómpre que haxa cultura, isto é, materia prima, exposición permanente e non dependente de conxunturas, efemérides ou homenaxes; que estamos a falar de CASTELAO, o grande símbolo, xunto con Rosalía de Castro, da nosa contemporaneidade; que xa resulta cansativo contemplar a obra de Castelao en catálogos (para quen os posuír); que teñan en conta que cómpre “desenterralo” do ominoso esquecemento; que só vai ser aprezado, valorado, interpretado, criticado, contextualizado... á vista da súa obra; que é ben grave, en fin, que sexa un descoñecido para a maior parte do povo galego actual, el, que deu a vida por dignificalo e elevalo á máis depurada expresión artística. O Concello de Pontevedra estamos certas de que aplaudirá esta idea, unha vez que ten dedicado congresos, actividades e roteiros ao seu ilustre viciño de tantos anos. A Xunta... A Xunta verase interpelada se se sumaren esforzos no sentido apontado e, como mínimo, terá de escoller entre secundar esta necesidade basilar da nosa cultura ou re-sepultar Castelao, na liña coñecida e practicada de cultivar con tanto afán a ignorancia de nós mesmos, o desprezo da nosa historia, a nosa re-españolización forzosa, a nosa despersonalización colectiva máis contumaz.

Cantas décadas máis han de se pasar para que poidamos contemplar CASTELAO de xeito que nos fagamos unha idea cabal do seu significado?

Fáltanme palabras para cualificar debidamente a impresión que me produciu a visita á exposición do Pergamiño Vindel. Para comezar, cómpre darlle ao zoco a Bouzas (si, xa sei que Bouzas pertence ao municipio de Vigo, mais Vigo é Vigo e Bouzas é Bouzas), ao Museo do Mar, porque, como é sabido, a cidade máis povoada da Galiza non ten, no centro, nengún lugar, salón de actos, museo ou centro onde puidese ir parar este tesouro do século XIII galego. Seica o Concello da cidade non cedeu o local pretendido e velaí o confinamento no Museo do Mar. Confinamento, si, porque para chegar á tal exposición baixamos a un soto ou especie de rocho ampliado onde figura o tal pergamiño, acompañado de pezas de aquí e de acolá, máis ou menos contemporáneas (e outras, modernas, como un cuadro de Lugrís ou outros encargados ad hoc); sen transcrición moderna das sete cantigas; sen acompañamento audiovisual (a música, fundamental nestes textos); sen que nos enteiremos de quen foi Martín Códax e a que reino, a que cultura pertenceu, a que excelsa lingua literaria serviu; por que o galego acadou semellante altura estética... Iso si, todo desviado a Afonso X,  as súas Partidas e Toledo (a conto de que?: a Galiza non creou nunca nada de seu?; todo ha de pasar pola ínclita, eterna e inamovíbel España?). Reproduzamos o comezo do folleto informativo: “Na Galicia do século XIII e nas cortes aristocráticas e rexias de Castela e Portugal desenvolveuse unha tradición lírica e musical na que a lingua galega se empregou como canle expresiva”. Hai quen dé máis? Non houbo nobreza e reis galegos? Será posíbel que, en pleno século XXI, teñamos de aturar a sempiterna glorificación dos Estados español e portugués posteriores? Para alén de incorreccións bastas na redacción (unha tradición non se desenvolve; existe ou continúase –e haberá que explicar por que) o que nos maravilla é denominar o galego (lingua pioneira, entre as europeas, en constituír unha literatura e unha estética independentes, ceibe do latín) “canle expresiva”! Agora resulta que eu estou a escreber e a falar non nunha lingua milenaria, herdada dos nosos antepasados, senón nunha canle expresiva. Fico ben satisfeita! Cando, por enésima vez, tiver de explicar-defender o meu uso do galego, direi sen problema: Moito cuidado! Respeite vostede a miña canle expresiva!! E logo?!

Mais, en fin, brincadeiras á parte, o resultado da visita foi descorazonador. Non dá para entender nada do prodixio da nosa arte medieval, a súa requintada estética, a súa complexa codificación, a principalía do suxeito feminino, a profundidade existencialista, para alén da cómoda (e localista) vinculación a Vigo, como se o Vigo do século XIII tivese algo a ver coa cidade actual. Digo isto porque Martín Códax é unha gloria GALEGA e como tal tiña de ser tratada e considerada. Mais que se pode esperar dunha exposición que, segundo persoas asistentes ao viño acompañante, nen sequer foi inaugurada, nen se explicou o seu significado e a súa importancia? Ao presidente da Xunta, o sr. Núñez Feixoo, supomos que tanto lle dará personarse nun acto destas características como nun de homenaxe a Cristiano Ronaldo. Esta si que tería moitísimo máis “bombo y platillo”, de certo. A nosa historia, a nosa arte, peccata minuta (perdón, pataca miúda, prescindíbel, marxinada, desprezada). Iso si, a nós, galegas e galegos, coma sempre, tócanos pagar. Para iso si que valemos.

Cantas décadas máis han de se pasar para que podamos apropriarnos do que lexitimamente nos pertence? O noso pasado, a nosa historia, a nosa arte? Que sarcasmo é ese que no papel (Estatuto de Autonomía vixente, 1981, non modificado; artigo 27) nos di que temos “competencias plenas” en Cultura? Que gargallada de risa, que diría Manuel María!

A palabra “emplatar” é española, como ben se ve. Non sei se en galego debera dicerse “empratar” ou algo semellante. Refírome ao tempo gastado en colocar cursidosamente o alimento no prato, a decoralo comme il faut e a ese afán por oferecer un produto agradábel á vista. O que acontece é que, ás veces, reséntese a materia prima, a comida en si, ou pérdese en firuletadas varias que nos fan esquecer o que realmente comemos. É a imaxe que se me vén á mente cando observo moitos dos produtos culturais que se nos oferecen: acto social; homenaxe efémera; conmemoración sen transcendencia nen consecuencias prácticas; desconexión do ensino e dos meios de comunicación; celebración ocasional; egotismo por toda a parte.

A mención recorrente das décadas é egoísta pola miña parte. Por moito que viver, o que me reste será inferior ao xa vivido; por iso, desexaría que algún signo de NORMALIDADE, proprio dunha cultura que se estima a si mesma como ADULTA E MODERNA, me fose dado contemplar e desfrutar antes de me ir deste mundo. Vostedes perdoen a teima.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal