17:55 Xoves, 24 de Maio de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-02-2018

O nacionalismo galego sempre cuestionou o carácter de democracia real do rexime político saído da chamada Transición

O fin da democracia formal

Valorar (24)

NÉSTOR REGO CANDAMIL



Moitas persoas de sensibilidade democrática están a descubrir nos últimos meses, non sen certa sorpresa, que vivimos nun Estado que ten moi pouco de democrático. Hai aínda, no entanto, quen bota man do recurso fácil de responsabilizar o Partido Popular no goberno destas actuación claramente autoritarias e antidemocráticas. Mais, asumindo o carácter posfranquista do PP que, sen dúbida, alimenta moitas destas actuacións, a verdade é que fica claro que estamos diante de actuacións do Estado, partilladas no esencial -por acción ou por omisión- por todas as forzas políticas españolas. A 'unidade de España' converteuse na cola que as mantén unidas a elas frente ao desafío que para o rexime representa o inmenso movemento popular pola independencia da Cataluña.

E para iso, se for preciso -e fica claro que o é- o rexime utiliza todos os seus recursos coercitivos, mesmo retorcendo a súa propia legalidade para tentar dobrar a vontade democrática do povo catalán e sen se preocupar se eses recursos son compatíbeis cos usos do que no contexto da Europa occidental pasa por propio dun estado democrático. Así, a aparencia democrática do Estado español fica a cada día máis en entredito, até o extremo de que sectores sociais máis alargados do que até agora  están sendo capaces de desentrañar o que realmente hai por tras da democracia formal.

O nacionalismo galego sempre cuestionou o carácter de democracia real do rexime político saído da chamada Transición e precisamente por iso definiuno como  democracia formal. E non apenas porque partindo dunha análise marxista debamos considerar que todo estado é sempre un aparello de dominación dunha  clase social sobre as outras. Nun sistema capitalista o estado será, pois, o aparello de dominación da burguesía sobre o proletariado e as clases populares. Aliás, no Estado español, tamén da oligarquía española sobre as nacións que aínda facemos parte  do chamado Reino de España, de forma que isto somete as clases populares galegas a unha dupla forma de dominación política e aínda de explotación económica.

Desde esta perspectiva, en calquera país en que vigore o sistema capitalista o rexime político, mesmo que formalmente democrático, encerrará no fondo unha forma de ditadura de clase e é posíbel que tamén de opresión nacional. Desde a perspectiva da Galiza é claro que nunca pode ser considerado verdadeiramente democrático un rexime que lle nega o recoñecemento como nación e, por tanto, os seus dereitos nacionais, a comezar polo dereito de autodeterminación, como dereito democrático colectivo básico.

No entanto, a caracterización que desde finais dos anos 70 o nacionalismo galego fixo do rexime español como unha democracia puramente formal asentou tamén en análises da conformación concreta da 'democracia española'. Fundamentalmente en dous aspectos.

Por unha parte, no facto de non se ter producido ningún tipo de ruptura democrática en relación coa ditadura franquista, de maneira que a Transición deixou intactas as estruturas de poder real asentadas no período ditatorial: no ámbito económico, político, militar, xudicial ou mediático. E xa comprobamos como, mesmo nestas dúas últimas, iso ten importantes consecuencias prácticas no momento actual.

Por outra parte, na lectura atenta do texto da Constitución, que o nacionalismo galego que na altura encarnaba o BN-PG rexeitou contundentemente, en canto a esquerda española -PSOE e PCE- negociou, acordou, avalou e apoiou con entusiasmo. A Constitución española estabelecía unha estrutura de Estado descentralizado mais claramente unitario, monárquico e fortemente autoritario, para alén de consagrar a economía de mercado.  

Pódese argüír que recoñeceu tamén dereitos democráticos. Claro, iso é innegábel. Caso contrario non merecería sequera o cualificativo de democracia formal. Mais corenta anos son máis que suficientes -mesmo nin eran precisos- para comprobar que os dereitos sociais (emprego, vivenda, protección social, educación, saúde...) nela recollidos non pasaron de papel mollado nas políticas públicas e foron sempre sacrificados en función doutras prioridades -esas, si- como os intereses da banca ou o pagamento da débeda (lembremos a modificación do artigo 135 no ano 2011).

E os dereitos civís e políticos? Para alén do recoñecemento formal de dereitos e liberdades públicas, é claro que tamén ficaron estabelecidas limitacións que, ademais, foron utilizadas sempre de maneira contundente, quer en aplicación estrita e parcial da lei, quer directamente vulnerándoa. Desde as condenas por exercer a liberdade de expresión -numerosas nos últimos 40 anos- ou o secuestro e fechamento de publicacións até a práctica da tortura ou do terrorismo de estado.

Aliás, dereitos como o de sufraxio e representación estiveron sempre deturpados. Comezando pola imposibilidade de elixir a persoa que ocupa a xefatura do Estado, algo incompatíbel cos mínimos principios democráticos. Manter unha xefatura vitalicia e hereditaria que, ademais, foi restituída e designada por Franco, é a marca máis evidente das carencias democráticas do rexime español. No entanto, cabe lembrar que tamén a monarquía foi apoiada polas forzas da esquerda española que até ese momento se dicían republicanas, PSOE e PCE.

Mais , para alén disto, padecemos un sistema electoral parcial, pensado para favorecer as forzas do rexime. E non apenas pola aplicación do sistema D'Hont. Convén lembralo agora que Podemos e Ciudadanos están a negociar unha modificación da lei electoral para favorecer máis os seus intereses que está centrada case exclusivamente neste aspecto e evita outros sen dúbida graves. Mesmo desde a lóxica do chamado 'Estado das autonomías' semella un anacronismo manter a provincia como circunscrición electoral e non é cuestión menor, pois é un dos factores que máis distorsiona o principio de igualdade no voto. Vexamos senón: Soria elixe un/ha deputada/o por cada 44.452 habitantes en canto A Coruña elixe un/ha por cada 140.037. Factor restritivo, pensado especialmente para limitar o acceso ás minorías, é o limiar  porcentual para obter representación.

Con todo, a principal limitación democrática do rexime español áchase na negación das nacións que aínda facemos parte deste Estado e, en consecuencia, tamén dos seus dereitos colectivos. É claro que non existe democracia e liberdade real se se nega un dereito democrático fundamental, recoñecido internacionalmente pola ONU, como é o dereito de autodeterminación dos povos. Menos aínda se se impide o seu exercicio co emprego da forza e contra a vontade maioritaria do povo, como acaba de acontecer na Cataluña.

O problema político, social e económico por tras desta realidade xurídica é que o sistema estabelecido na Constitución non pasa dunha mera descentralización administrativa. Tamén aquí corenta anos son máis que suficientes para constatar como na Galiza este sistema autonómico non representa capacidade de decisión real e non permite, por tanto,  aplicar políticas en función dos intereses do País que melloren as condicións de vida do noso povo. Mais, para alén diso, xa tamén comprobamos como esa simple descentralización pode virar facilmente en intensa recentralización ou, directamente, en intervención e supresión da xa limitada capacidade de goberno autónomo.

Como diciamos, o proceso para a independencia da Cataluña permitiu sacar á luz -e por tanto facela evidente para sectores sociais máis amplos- a verdadeira face autoritaria do rexime español, para alén da aparencia de democracia. É verdade que xa con anterioridade foron desenvolvidas actuacións claramente antidemocráticas: ilegalización de organizacións políticas, encarceramento dos seus dirixentes, fechamento de xornais... Mais a coartada da 'loita contra o terrorismo' servía de pretexto para a xustificación social desas actuacións, no mínimo para facelas asumíbeis para unha maioría social no Estado e dixeríbeis para outros.

Agora, sen o pretexto da violencia, actuacións como a aplicación do artigo 155, coa disolución dun goberno e dun parlamento elixido democraticamente; o encarceramento de membros dese goberno e de dirixentes políticos independentistas; a persecución e exilio doutros; o uso descarado das instancias xudiciais para obxectivos políticos, tentando torcer a vontade popular; a interferencia nas decisións democráticas dun parlamento; a utilización da violencia policial para impedir votar... deixan en evidencia a natureza antidemocrática do rexime español.

Aliás, as argumentacións de xuíces e tribunais para poderen actuar politicamente ao ditado dos intereses do Estado, sen o mínimo respecto aos dereitos formalmente recoñecidos, tamén deixaron claro que no Estado español non existe separación de poderes, precisamente un dos elementos que se predica como garantía de funcionamento democrático dunha sociedade.

Que o Tribunal Supremo atribúa a responsabilidade da violencia da policía ás persoas que acudían pacificamente a votar para poder xustificar o delito de rebelión podería resultar até engrazado, por absolutamente disparatado, se non fose a base para tentar meter no cárcere durante anos @s dirixentes independentistas e, aliás, se non sentase un perigoso precedente de vulneración dos dereitos civís. Que un xuíz utilice como argumento para manter en prisión preventiva os líderes cataláns a súa ideoloxía soberanista, certifica que o rexime antepón a súa supervivencia ao respecto das súas propias normas e a manter a aparencia de funcionamento democrático. A democracia formal fica sacrificada ante un obxectivo superior.

O que debería ser un golpe mortal á credibilidade democrática do Estado diante da súa propia poboación -como sabemos, no exterior a visión é moi outra- fica, no entanto, amortecido grazas a unha intensa campaña de propaganda mediática anti-nacionalista e anticatalá e, sobre todo, á inestimábel colaboración da esquerda española que, diante da flagrante violación de dereitos democráticos e liberdades públicas, olla para outro lado.

O papel de Podemos e Izquierda Unida durante todo este tempo, deslixitimando o referendo de 1 de outubro -negando na práctica, por tanto, o dereito de autodeterminación-, exixindo ao goberno catalán unhas garantías que nunca reclamou ao español, participando entusiasmadamente na campaña de desprestixio dos independentistas – con Alberto Garzón como figura estelar-, apelando reiteradamente á 'unidade de España' e a derrotar o independentismo, denunciando só coa boca pequena as medidas represivas máis visíbeis e agora co silencio cómplice diante da aberración democrática que implica o conxunto da actuación político-xudicial do Estado, convérteos en obxectivos apoiantes do rexime de 78 que din combater.

Este papel colaboracionista da esquerda española merece unha análise e unha crítica pormenorizada que, infelizmente, non cabe neste artigo. Como a merece tamén o rol politicamente bipolar desas organizacións galegas que se proclaman nacionalistas e/ou independentistas mais traballan todo o ano para o neo-españolismo 2.0 de Garzón e Iglesias. As contradicións -se realmente existen- sempre acaban explodindo e facendo saltar todo polos ares. O problema é que, entre tanto, en vez de contribuír para fortalecer politicamente a Galiza que quere actuar como nación no camiño da súa emancipación, trabállase para todo o contrario, para lle dar máis peso no noso País ás dinámicas políticas españolas.

En calquera caso, a descuberta que moitas persoas están a facer da verdadeira face da 'democracia española' debe facilitar o combate a este rexime. Desde unha perspectiva galega iso implica a unión firme da loita pola democracia e a soberanía. A actitude deliberadamente pasiva da esquerda española diante da reiterada vulneración dos dereitos democráticos e das liberdades públicas debe convencer todas as persoas con sensibilidade democrática -como xa aconteceu na Cataluña- de que só o soberanismo representa un combate real contra este rexime cruel e corrupto e tamén de que só con soberanía, con independencia nacional, se pode garantir  na Galiza verdadeira democracia e liberdade.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal