09:19 Sabado, 20 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-02-2018

Sobre o idioma e o local fronte a turistización

“Por favor, non nos visiten”

Valorar (10)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



Non digas “cheese”. Así titulaba un xornal inglés, hai un  par de semanas, unha nova que me chamou a atención. A segunda parte do título xa nos achegaba máis ao asunto: Amsterdam vólvese contra o uso do inglés nas tendas do centro da cidade.

A cuestión do idioma choca nun país que semella ter asimilado perfectamente o inglés como segunda lingua ou lingua franca. Pero non é só unha cuestión de lingua, é tamén de calidade de vida, de poder vivir na túa cidade ou no teu lugar sen a presenza masiva e molesta de visitantes que te incomodan nos teus quefaceres diarios, que encarecen os prezos da vivenda e de consumos básicos, que fan cambiar rapidamente a paisaxe urbana.

Amsterdam é unha cidade que non chega ao millón de habitantes, é unha cidade multicultural, onde viven xentes de case duascentas nacionalidades diferentes. Amsterdam  recibe millóns de turistas cada ano. As cifras falan duns 17 millóns no ano 2016, cifra que se espera vaia en aumento e a estimación era de 23 millóns para o ano pasado. Non é a cidade máis visitada de Europa, as cifras colócana nun “meritorio” quinto lugar por detrás de Barcelona, moi por enriba de Madrid. A presión é moi alta e isto trae malestar e molestias aos residentes, de aí o “por favor, non nos visiten”.

As autoridades locais comezaron a tomar medidas ao respecto. Estas medidas van encamiñadas a desactivar o turismo low-cost e priorizar o turismo de calidade mediante o incremento das taxas para aumentar o prezo da estadía nocturna.  Claro, son medidas que se poden criticar, dicindo que potencian o turismo dos ricos, tamén se pode dicir que son medidas para achegar a cidade ao seus habitantes, para facer a vida destes máis cómoda ou non empeorala.

Neste contexto de defensa do propio fronte á masificación, hai que enmarcar o asunto que nos trae aquí: as autoridades locais pechan unha tenda de queixos que fai a súa publicidade en inglés e un tribunal de apelación dálle a razón ao Concello ante a reclamación da empresa.

A noticia dinos que o lema da tenda de queixos, situada no casco histórico da cidade, era “di cheese á vida”, e o idioma no que atendían aos clientes era o inglés, polo que se entendeu que non estaba ao servizo dos residentes e a súa política de venda, orientada exclusivamente aos visitantes, pode considerarse como un desprezo á poboación local.

O goberno local ten lanzado, desde hai un par de anos, unha iniciativa para frear o número de tendas destinadas a turistas no seu centro histórico, nun intento de reclamalo para os propios residentes que ven como perden calidade de vida ante a masificación. Neste contexto sancionou a tenda e pechouna, mais esta recorreu diante da xustiza. O tribunal de apelación defende a orde de peche, pois entendeu que o uso do inglés e a publicidade nesta lingua  implican que está orientada aos turistas e non aos consumidores locais, e o queixo enténdese non só como un produto alimentario, senón tamén como algo que identifica ao país dos tulipáns.

Mentres na cidade na que vivo, e noutras deste vello país, vexo como a noticia é o peche das tendas de sempre, mentres abren comercios que só venden quincalla aos visitantes e fan un uso constante do idioma español, entendendo que así son amables co turista e van vender máis, sobre todo co turista español, pois como isto é España hai que falar nese idioma para sermos educados, como na longa noite de pedra, e non mostrar nunca a diferenza, de como somos, só o exotismo.  Agora se quero mercar algo teño que coller o coche e desprazarme até a periferia da cidade, mentres os escaparates das tendas están cheos de bagatelas baratas, e nas rúas che abordan para ofrecerche un anaquiño de torta de améndoa, máis ben un sucedáneo, e un licor, todo por catro patacos. 

Mentres a política da Xunta só se centra en repetir cifras e máis cifras, en ameazarnos en que van vir máis, en que teñen que vir máis, facendo real o que unha vez dixera un estudoso do turismo como fenómeno social: os turistas van aos sitios dos que os locais teñen que emigrar.

Neste contexto tamén hai que entender as obras de “mellora”  do Camiño de Santiago, borrando as pegadas dunha paisaxe histórica e preparando o camiño para que os peregrinos e visitantes pasen rápido por unha paisaxe baleira de referencias locais, incidindo nunha paisaxe light, sen pegadas dunha memoria, unha paisaxe que brille. Non recoñecendo a diferenza se está negando a liberdade.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal