11:52 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-06-2010

O conflito sobre o Estatut catalán pon en evidencia as eivas do sistema constitucional do estado español

Fracasa o Tribunal Constitucional ou fracasa a Constitución?

Valorar (5)

ALBERTE SOUTO SOUTO


Edificio do Tribunal Constitucional (Madrid)


Logo de tres anos de debates, varios borradores de sentenza redactados por sucesivos xuíces que non atinxiron un consenso maioritario, o Tribunal Constitucional é incapaz de pronunciarse sobre a "constitucionalidade" do Estatut catalán, refrendado por ampla maioría da sociedade catalana. Se alguén aínda albergaba esperanzas no carácter xurídico-técnico deste órgano xurisidicional encargado de dirimir as disputas constitucionais, están a ser definitivamente esvaídas cada vez que saen á luz pública as súas deliberacións internas sobre este asunto.

Vaia por diante que no labor, tanto histórico como actual, do Tribunal Constitucional debemos facer unha distinción, que parte da propia estrutura da Constitución de 1978. Malia o evidente retroceso que supuxo o texto constitucional hoxe vixente no estado español no que atinxe á estrutura institucional do Estado e ao recoñecemento da personalidade e dereitos colectivos das nacións que o integran; a súa aplicación significou un importante avance na consolidación de dereitos individuais fundamentais. Certamente, poderíamos entrar en matices no que atinxe aos dereitos de carácter socioeconómico, mais sobordaría o obxecto de análise neste artigo.

Ao longo da súa historia, o Tribunal Constitucional foi conformando unha doutrina sobre os dereitos fundamentais, extraída tanto da análise de textos legais como do axuizamento de supostos de feito concretos, que posibilitaron o avance no exercicio de liberdades e dereitos fundamentais. En boa medida,  esa tendencia viuse influenciada e favorecida por factores esóxenos, como a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, a vixencia de textos legais internacionais aplicábeis no Estado español, como o Convenio Europeo de Dereitos Humanos ou o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, e mesmo a doutrina de prestixiosos tribunais análogos, como as cortes constitucionais italiana ou o alemana.

Até aquí o que podemos extraer de positivo na andaina do Tribunal Constitucional. Se o contido da Constitución apenas permite marxe de dúbida sobre o modelo centralista, negador da diversidade nacional do estado español, que instaura, o devandito órgano foi o encargado de esmagar calquera posibilidade dunha lectura aberta e dar acubillo, sequera mínimo, á diversidade nacional e a súa plasmación no plano xurídico-institucional. E niso se afana agora mesmo, capitaneado pola maioría de xuíces conservadores propostos polo PP pero con significativos apoios no bando dos propostos polo PSOE: en laminar os aspectos do Estatut que, supondo unha mínima innovación da Constitución aínda distan de consolidar un modelo cara un verdadeiro Estado plurinacional, mais poden contribuír a  afrouxar o ferrollo da uniformidade que impón o actual modelo constitucional.

Un dos aspectos que está en discusión é a modelo de distribución competencial que o Estatut instaura. O texto inicial aprobado polo Parlament de Catalunya supuña un considerábel esforzo que cubría unha das grandes lagoas da Constitución: a ambigüidade, imprecisión e mesmo incorrección na articulación dun esquema competencial.  A iso, engadiuse a complexidade crecente introducida por leis sectoriais, e logo mesmo por textos regulamentarios. Na confirmación dese esquema, alén das eivas constitucionais, tivo un papel esencial o Tribunal Constitucional, sobre todo á hora de analizar o alcance da competencia atribuída aos poderes centrais do Estado para dictar lexislación básica, pois validou a promulgación de lexislación uniforme, ignorando que con iso se anulaba a capacidade de as Comunidades Autónomas elixiren e actuaren entre diferentes opcións reguladoras nun marco xenérico, como se desprendía dunha lectura aberta da Constitución e propicia á adaptación das leis ás realidades de cada territorio. Isto é, impediuse na práctica pola lexislación estatal, coa aquiescencia do Tribunal constitucional, que a competencia lexislativa en determinadas materias dera cobertura á adoptar solucións variadas polas institucións autonómicas, agravándose cada vez máis esa tendencia abeirada polo intérprete constitucional conformado por persoas avaladas polos dous grandes partidos estatais que, ao tempo, tiñan pactado a consolidación dun estado autonómico baseado na homoxeneización competencial, no comunmente alcumado "café para todos".

Retomando a referencia ao Estatut, o seu contido viña a delimitar o alcance das competencias, a fin de evitar ese devalar cara un marco competencial cada vez máis restrinxido, neste caso para Catalunya. Se ben a pretensión inicial xa foi rebaixada na tramitación no Congreso dos Deputados, semella que nin dese xeito edulcorado están dispostos a aceitar o PP e unha parte do PSOE o novo rumbo que marca o Estatut, o que se traduce no actual bloqueo ao texto no Tribunal Constitucional.

Outro aspecto que suscita controversia é a inclusión do termo "nación" referenciado a Catalunya, aínda que fora confinado ao Limiar do Estatut, rebaixando o consenso acadado pola maioría de forzas políticas catalanas. O contido das deliberacións que está a transcender demostran, por unha banda, o carácter de órgano político do Tribunal Constitucional, sumido en argumentos máis propios dun foro parlamentar que xurídico, e por outra banda, a intolerancia na que aínda están instalados sectores españolistas para admitir a existencia da diversidade nacional existente no estado español e de aceitar democraticamente que calquera opción de convivencia pasa por transmutar a actual idea de unidade e indisolubilidade da "nación española" pola asunción das realidades nacionais que existen no estado español e, como correlato, a abordaren as oportunas mudanzas na estrutura institucional.

O fiasco á hora de resolver a impugnación do Estatut por parte do Tribunal Constitucional non é soamente a constatación do esgotamento dun modelo onde o árbitro viste a camisola dunha das equipas que forman parte da contenda. Vai máis aló, pois aínda reformulando as regras de funcionamento e composición (procedencia, procedemento de nomeamento, duración de mandatos), a partitura que deben interpretar, francamente adoece de harmonía e convén volver a compoñela.

A xustiza é unha cualidade posíbel, mais non necesaria, dunha determinada orde social. Só se esta é xusta, poderá ser impartida xustiza. Para contarmos cun Tribunal que imparta xustiza constitucional, temos que seguir loitando por un ordenamento constitucional realmente xusto, no que teñan cabida -e mesmo sexan un dos seus piares fundamentais- as nacións do Estado español, entre elas Galiza, no marco dunha relación equilibrada e non subordinada.


[08-06-2010 15:18] Eu comentou:

En ningún caso debería o Constitucional poder revogar un referéndum, como moitísimo devolverle a lei ao parlamento para que a ratificase ou non. Nunha democracia non poden existir "contramaiorías" nin institucións que estean por riba da soberanía popular. Isto é o que sucede no Estado español, por non falar do sistema electoral "compartimentado" que dá parlamentos que non reflicten a vontade popular, beneficiando a PP e PSOE en detrimento por exemplo do BNG.

[08-06-2010 08:22] Abelardo del Caño comentou:

Ben, sen entrar no debate institucional por ser un órgano do Estado, o certo e que, como dís, dito Tribunal ten impartido certa xurisprudencia positiva en termos de dereitos individuais... O problema surxe cando unha forza política (PP) tenta utilizar o constitucional como terceira Cámara para tentar gañar nos Tribunais aquelo que perde no Parlamento,diante dos representantes do povo. Nese caso convírtese nun freo a vontade popular, expresada nas urnas, e persoalizada nos seus representantes... Esta é, a día de hoxe, a dinámica de dito Tribunal...ser usado como palanca para tirar ca voluntade de Parlamento (sens entrar en mais por ser un órgano do Estado Español)

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña