23:10 Xoves, 26 de Abril de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-02-2018

A economía está a mudar dun xeito acelerado, a tecnoloxía, nomeadamente a dixital, desenvolvese cada vez máis rapidamente e os produtos perden relevancia en curtos períodos de tempo

A Revolución Tecnolóxica ven acompañada dunha Revolución Laboral

Valorar (60)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



Estase continuamente a falar de cambios de modelo de negocio debidos á caída radical de competividade pola aparición de novas tecnoloxías que baixan espectacularmente a demanda de produtos que até o de agora eran rendibles. Temos  exemplos como os xornais, a música, o correo postal e moitos outros máis. Nalgúns casos vaise sobrevivindo cambiando a forma na que se entrega o produto, máis en outros os modelos están esgotados totalmente. No mundo laboral vai pasar o mesmo: traballos desenvolvidos até o de agora non van a ter demanda e vai ser necesaria unha reciclaxe. A clave: focalizar os cambios nos traballadores, non nos postos de traballo. Non van a funcionar as tentativas de protección de determinados eidos produtivos que poden adiar os problemas por uns meses ou anos pero terán data de caducidade, teremos que centrar os cambios nos profesionais.    

Calcúlase que a robótica eliminará 800 millóns de empregos no 2030. Isto non significa que 800 millóns de persoas deixen de traballar xa que eses empregos serán substituídos por outros, non se sabe se na mesma contía, en maior ou en menor, xa que distintas fontes debuxan distintos escenarios. Os cambios tecnolóxicos golpearán con máis forza aos traballadores con menos estudos e a aqueles que fagan traballos máis automatizados. A innovación, o crecemento económico axeitado e os investimentos poden facilitar a creación de empregos suficientes para compensar os postos perdidos pola automatización, pero os traballadores terán que potenciar a súa capacidade de adaptación e formación a distintos traballos. Acabouse aquelo de traballar toda a vida na mesma actividade. Incluso faise difícil predicir onde irá o mercado xa que os cambios son radicais e fulgurantes.

A economía está a mudar dun xeito acelerado, a tecnoloxía, nomeadamente a dixital, desenvolvese cada vez máis rapidamente e os produtos perden relevancia en curtos períodos de tempo. É un enfoque erróneo pensar en protexer os postos de traballo para protexer os traballadores, hai que pensar en desenvolver un modelo no que cando se perda un emprego, xa sexa pola globalización, a automatización, a idade ou o que sexa, o Estado e a sociedade teñan a obriga de axudar ao traballador a axustarse á nova realidade. Moita xente terá dificultade para elo pero polo menos os  menos favorecidos terán unha oportunidade.

Parece que camiñamos cara a unha polarización do emprego, por unha banda están os traballos para os que se necesita flexibilidade, xuízo e sentido común, calidades que non teñen as máquinas, e por outra traballos con menos formación pero que seguen a ter demanda como hostalaría, servizos de limpeza, estilistas, salóns de peiteado, adestradores persoais... Os prexudicados serían os que teñen salario medio tales como operadores de planta, condutores, oficinistas, artesáns, operarios de maquinaria, traballadores manuais cualificados... Pero quizais non deberíamos pensar que o crecemento de emprego nas altas cualificacións e a polarización vai continuar, pois factores, como o estoupido da burbulla tecnolóxica, o impacto de China e a deslocalización, poden levarnos á creación dunha nova clase de empregos medios non susceptibles de automatización. Novos artesáns capaces de xuntar habilidades vocacionais cun nivel medio de educación, matemáticas básicas, adaptabilidade, boa interacción persoal, flexibilidade e capacidade para solucionar problemas.

Os traballos estrela serán os denominados de perfil STEM (Science, Technology, Engineering e Mathematics) que en Galiza, na cola europea como o estado español, supoñen agora entre un 3% e o 6,5%. Estes traballos crearán, segundo a previsión, 2,2 empregos extra e ofrecen maiores niveis de crecemento da produtividade pola introdución de novas tecnoloxías e innovación.  O problema son os grandes atrancos que as empresas teñen para cubrir estas prazas con persoal formado axeitadamente que ademais está descendendo pola falta de interese dos estudantes en afrontar este tipo de carreiras (diminúe nun 3,3% anualmente).

As maiores oportunidades serán para Knowledge workers (38%), persoal con coñecementos non substituíbles, nin duplicables; para os lideres (35%) con múltiples habilidades e capaces de liderar cambios na organización, desenvolvemento e innovación; técnicos (18%) con formación especializada para desenvolver funcións moi específicas e concretas: operarios (5%) que non requiren habilidades ou coñecementos específicos: especialistas (3%) con coñecementos específicos e especialistas en tarefas (2%) que fan uso da información pero non xeran ideas ou coñecemento desenvolvendo tarefas repetitivas.

Teremos problemas, e importantes, tanto en Galiza como no resto do mundo, para cubrir perfís científicos-tecnolóxicos que atendan á crecente demanda. Hai problemas agora e serán maiores no futuro para atopar profesionais de talento e formación axeitadas. Galiza coa falla de investimento en I+D+I, con soldos e recoñecementos pobres para estes profesionais, ademais da falla de oportunidades en sectores estratéxicos como a intelixencia artificial, sufrirá a perda total dunha xeración formada axeitadamente que tivo que abandonar a súa terra cara a soldos dignos e oportunidades de desenvolvemento que solo poden atopar en outros países. A factura a pagar xa é importante agora e será extremadamente grave no futuro. Mete medo pensar en elo xa que as perspectivas de recuperar todo ese coñecemento son case nulas, solo queda pensar en poñer os medios para que as seguintes xeracións non segan o mesmo camiño.

A era tecnolóxica probablemente traerá menos horas de traballo, pero hai un aspecto que preocupa e xa o Parlamento Europeo traballa a marchas forzadas para tentar regular toda a nova tecnoloxía estudando a imposición de taxas ou seguros as máquinas xa que substitúen ás persoas e a súa cotización social. Este aspecto entra dentro do debate actual das pensións de xubilacións, pero aquí hai moito que pensar, xa que nin sequera está claro que a tecnoloxía aumentará o número de parados, xa que parece que si que destruirá postos pero creará outros. Nun sector tan transversal como este deben aportar ideas sociólogos, psicólogos, filósofos, avogados e institucións, ademais de políticos e tecnólogos. Se algo é inherente á Era Dixital é a súa velocidade supersónica no cambio de escenarios, non podéndose dar nada por suposto e estable. A mesma intelixencia artificial empodera hoxe aos humanos pero, e isto entrando xa na ciencia ficción, chegará un momento no que as máquinas adquiran conciencia  de si mesmas e haberá que controlar, si non é tarde daquela, os posibles riscos?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal