08:48 Xoves, 04 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-02-2018

A publirreportaxe estilo poña unha familia real na súa vida en branco e negro e con unha banda sonora acaída pasaría ben por un episodio do Nodo franquista

Monarquía moderna do século XXI

Valorar (7)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



O discurso do pasado 3 de outubro do actual monarca, a Súa Maxestade Felipe Xoán Paulo Afonso de Todos os Santos de Borbón e Grecia, demostrou que non era certo aquelo que se nos tratou de facer crer de que a institución monárquica española tiña como misión principal exercer unha arbitraxe diante de visións discrepantes ou de problemas entre os súbditos do reino de España. Por contra, o discurso deixou moi claro, por si alguén tiña aínda dúbidas, que o actual e moderno monarca monarca actúa tal e como lle pediu o ditador ao seu pai; Filipe VI actúa como o garante da unidade indisolúbel da nación española fronte aos perigos do separatismo anti-español e anti-católico.

Non houbo nin sequera unha palabra de solidariedade ou compadecemento para cos centos de persoas feridas no referendo do 1 de outubro, nin un chamamento ás partes en conflito a negociar. Foi unha intervención de monarca chea desde a primeira até a última palabra de advertencias a quen “....se situaron totalmente á marxe do dereito e da democracia. Pretenderon crebar a unidade de España e a soberanía nacional,...”; unha intervención que remataba cun rotundo “...o meu compromiso como Rei coa unidade e a permanencia de España.”

Comentando a intervención real nos seguintes días, ouvín xente que lle tiraba importancia co argumento de que o rei fai só o que lle mandan, e non fala por si mesmo senón que el o que fai é ler o que redacta o goberno correspondente en función dos seus propios posicionamentos. Incluso había quen dicía que o actual rei non é como o pai, e que coa súa formación e a súa personalidade vai conseguir en pouco tempo modernizar a institución.

No que levamos de ano 2018 asistimos xa a unha intensa campaña de propaganda pro-monarquía borbónica; campaña que, co gallo do 50 aniversario do monarca, dá a coñecer aos seus súbditos a súa vida e milagres. Mostran imaxes da súa infancia, o seu primeiro discurso, a súa formación militar e intelectual sendo un mozo que sempre destacou pola seriedade, a discreción e a disposición para adquirir esa formación necesaria para suceder ao pai, etc.... Un guión tan ben feito que non esquecen o xesto entrañábel de mostrar como o seu pai, o rei emérito, era quen de roubar algo de tempo ás súas importantes ocupacións para xogar co neno Felipe.

Unha campaña que chegou ao clímax nesta semana coa publirreportaxe estilo poña unha familia real na súa vida, cuns diálogos acaramelados que nos presentan a unha familia real cun horario de traballo, pai e nai preocupados pola educación das súas nenas, a táboa de multiplicar, a preparación de exames, etc..., é dicir, unha familia do máis normal, das que aproveitan o xantar para falar das súas cousas. A mesma publirreportaxe en branco e negro e con unha banda sonora acaída pasaría ben por un episodio do Nodo franquista.

Unha familia tan normal tan normal tan normal, que pese a ser de sangue azul non ten problema en baixar ao chan para compartir as tradicións do povo e facer como fan todas as familias do mundo mundial cando o pai conmemora o seu 50 aniversario.


Como acontece en toda familia normal, Felipe VI o día do seu aniversario decidiu agasallar á súa filla maior co Colar da Insigne Orde do Toisón de Ouro, agasallo que entregou nun solemne acto nos salóns de Palacio; con presenza da representación das máximas institucións do estado nun acto de submisión e vasalaxe propio do Antigo Réxime, cando o rei chamaba aos notábeis para comunicarlles quen ía herdar o seu reino pola graza de Deus Topopoderoso.

Esa é a España de 2018.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña