11:50 Luns, 27 de Xaneiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2010

Insisten en acudir a Bruxelas a solicitar a moratoria que permita a comercialización de marisco procedente de zonas C tras pasar pola “depuración intensiva”

Como actúa a Consellaría ante o evidente deterioro das condicións dos bancos marisqueiros do noso país?

Valorar (7)

JOÁM LUÍS FERREIRO CARAMÊS


A bacteria E. Coli é potencialmente mortal, afecta ao sistema dixestivo e é de rápida propagación

Hai pouco que a consellaría do mar anda a proclamar a súa última ocorrencia para "solucionar" os problemas creados para o marisqueo pola non depuración das augas residuais, e polo tanto clasificadas como C. Non é outra que "a moratoria para as zonas C" (non se pode vender para fresco).

Pero, como actúa a consellaría?, acaso presiona para que se rematen as EDAR e poñer fin dunha vez coas zonas C?, acaso reúnese co sector para estudar as medidas a tomar, ría por ría, banco por banco?. Non, non pasa por falar co sector, pero acaso que van aportar os mariscadores e mariscadoras?, e moito menos presionar para rematar o saneamento, para que?. Búscanse outros tipos de saídas.

A primeira a "eucaliptización do marisqueo", ou como se pode chamar entón á introdución da ameixa xaponesa?. Ante a degradación de moitos bancos marisqueiros e a consecuente baixada de produción, a solución impulsada desde hai anos por esta consellaría foi introducir unha especie alóctona (de fora) a ameixa xaponesa, Ruditapes philippinarum, que o aguanta todo e pode vivir practicamente en calquera sitio. Non hai mais que acudir á páxina web de "pesca de Galicia", para ver como a súa produción subiu de 258.000 kg en 1997 a 2.260.000 kg en 2008. así compénsase a baixada das especies autóctonas, especialmente da ameixa babosa, que loxicamente foron baixando en capturas.

As consecuencias da introdución desta especie son graves, en primeiro lugar porque non soluciona o problema das zonas degradadas, senón que trata de obvialo. Pero en segundo lugar, unha especie moi resistente e de rápido crecemento, compite polo espacio e polo alimento con moita mais eficacia que as especies autóctonas (de moito mais valor comercial), e para ver os resultados chega con ir á páxina web antes comentada. Veremos a longo prazo o que pasa. Por exemplo, na ría de Ferrol, onde as tres confrarías se resistiron a introducila, chegou nun proceso de expansión desde as rías próximas e a súa presenza é cada vez maior, aumentando a un ritmo rapidísimo de ano en ano.

O que a consellaría pretendía, era manter a produción total de bivalvos, e por suposto conseguiuno, iso si, números totais pero non coa mesma participación por especies. En moitas confrarías os mariscadores e mariscadoras acolleron entusiasmados esta nova especie polos rápidos resultados obtidos, xa veremos co paso do tempo como remata todo isto. Con mirar para os nosos montes e ver o que pasou co eucalipto, ecosistemas enteiros arrasados, bosques autóctonos perdidos, a explotación e produción tradicional dos nosos montes destruída por producir madeira barata e rápida para as celulosas, e agora que? que xa nin prezo ten?, eu creo que sobran máis explicacións.

Pero como no mar a cousa se complicaba e gran parte dos bancos marisqueiros daba igual a especie que tiveran porque non a podían comercializar por ser zona C, temos a nova ocorrencia, a moratoria! (levan preparando isto xa desde que estaba Carmen Gallego). Inventan a "depuración intensiva", mais ben extensiva, porque do que se trata é de aumentar o tempo de depuración para o marisco procedente de zona C até 7 días, ao cabo deste tempo a presenza de E coli (bacteria fecal que segundo a súa presenza determina a clasificación das zonas A, B e C) diminúe até poder comercializala. Pero acaso son seguras para o consumo humano?, non, como a mesma directora do Intecmar recoñeceu (nas xornadas de marisqueo a pé desenvolvidas en Compostela en Febreiro deste ano) a E coli, só é un indicador, o resto de bacterias e virus que puideran existir como acompañantes non quedarían eliminados (por algo non se pode comercializar marisco de zonas C). Pero insisten en acudir a Bruxelas a solicitar a moratoria que permita a comercialización de marisco procedente de zonas C tras pasar pola "depuración intensiva".

A pouco que un pense as consecuencias que tería para o marisqueo en Galiza a aprobación desta moratoria, darase conta que non suporá ningunha solución senón todo o contrario un grave problema que hipotecaría o futuro do marisqueo galego, por que?:

- A primeira mensaxe que se transmite é que xa non hai tanta presa para rematar as EDAR, porque o problema do marisqueo o temos resolvido, en vez de procurar o saneamento das rías.
- As depuradoras pagarían menos por un marisco que tería que pasar moitos máis días en depuración, aumentaría a mortaldade e perdería máis peso. Incluso a consellaría o recoñece cando asume que costearía a diferencia de prezo, até cando?
- Colocar no mercado este marisco procedente de zonas contaminadas ía significar a baixada de prezo e ademais como o diferenciaríamos do que procede de zonas limpas?.
- Nun mercado tan competitivo como o actual, cando o marisco galego se vende como garantía de calidade, comercializar o procedente de zonas C, acabaría con esta imaxe, a consecuencia sería a perda de prezo, habería que traballar máis e gañar menos. Ademais recuperar de novo esta imaxe de calidade non sería nada fácil, polo tanto un erro que se pagaría durante anos. 
- Isto a longo prazo é fácil deducir que causaría perda de postos de traballo, dos que non estamos sobrados.

A administración pública do país ten que estar do lado dos administrados, neste caso mariscadoras e mariscadores, solucionar os problemas e polo tanto sanear as rías. Desde a Xunta deberíase impulsar os sectores produtivos primarios, defendelos, promovelos, como soporte da nosa economía, porque hai capacidade para crear mais postos de traballo si se aposta por eles. Pero estamos vendo como se fai todo o contrario, tomando decisións que só se entenden cando o que se quere é quitarse un problema das mans e non solucionalo, parece que foron a mesma escola de George W. Bush (con aquela idea de que había que talar as árbores para rematar cos incendios forestais).

Temos que paralos, impedir que leven isto adiante, a saúde e o traballo son cousas fundamentais, non podemos consentir que non se tomen en serio os nosos recursos mariños, porque son unha peza fundamental da nosa economía e o sustento de moitas persoas no noso país.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña