08:48 Sabado, 24 de Febreiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-01-2018

Eu son dos que pensa que esta visión de Trump non é a verdadeira ou, de selo, é unha descrición Prêt-à-porter magnificada para desacreditalo

Trump: a vítima

Valorar (5)

XURXO MARTIZ CRESPO



Despois da súa segunda derrota electoral para a presidencia, o candidato que aglutinaba a esquerda en México, Andrés Manuel López Obrador, asegurou que o sistema estaba tan ben «engraxado» que, se fose o rato Mickey o rival, o máis probábel é que perdera de igual xeito as eleccións.

  As declaracións de López Obrador son unha crítica directa á democracia occidental. Por iso, a vitoria de candidatos «progresistas», como Obama ou Zapatero, devén no transcurso do tempo nunha decepción xeneralizada ante as expectativas creadas e a confrontación destes presidentes co que os anglos chaman o Deep State, o Estado dentro do Estado, que determina que quen gañe as eleccións non poida facer ren por mudar as estruturas dun sistema do que son parte.

  O libro Fire and Fury. Trump inside the White House de Michael Wolff, certifica as palabras de López Obrador sobre a probábel presidencia do rato Mickey se fose presidente, pero non porque Trump sexa, segundo o libro, «un ignorante e incapaz mental, sen respecto polas normas, sen modais políticos e superficial», senón porque semella que ese Estado dentro do Estado estadounidense, formado polas axencias de seguranza, intelixencia e grupos de interese de diversa índole, está montando unha campaña co fin de inhabilitalo por medio do impeachment; campaña da que é parte a «trama rusa» da campaña electoral (sen o resultado esperado) ou a campaña que o desacredita no seu comportamento persoal, psíquico ou de saúde, da que forma parte a excesiva difusión e promoción do libro de Michael Wolff.

  Centrado na súa campaña electoral e nos primeiros meses da súa presidencia, Wolff asegura que a vitoria do empresario multimillonario parte dun discurso «simple e superficial» que conectou directamente co votante medio estadounidense (o que non di Wolff é que, se cadra, ese votante é simple e superficial coma o discurso de Trump) e nuns primeiros meses de presidencia adobiados de nepotismo, Trump nin le informes  nin fai por lelos nun síntoma de desleixo no que, segundo o propio Wolff, non se sabe se o fai por «populismo» ou por dislexia.

  Son moitos os europeos que ficaron engaiolados con este retrato de Trump, deitado na cama dende as 6 da tarde engulindo hamburguesas, bebendo cocacolas (entre 10 e 12 ao día) e tuiteando extravagancias con aversión a todo o que estea escrito.

  Eu son dos que pensa que esta visión de Trump non é a verdadeira ou, de selo, é unha descrición Prêt-à-porter magnificada para desacreditalo. Se pasamos a lupa polos anteriores expresidentes estadounidenses non veríamos moitas máis luces e, se cadra, a mesma cantidade de sombras.


  A imaxe de Trump distorsionada, ou en exceso real, deforma cara a un «bo goberno» o nefasto legado do anterior presidente, Barack Obama, dobregado ante os poderes fácticos do poder estabelecido e o Deep State estadounidense, e defórmao aínda máis  o nefasto proxecto totalitario da candidata dese poder fáctico que era Hilary Clinton que, emulando a López Obrador, sería a ratiña Minny deste conto.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal