04:29 Domingo, 25 de Febreiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-01-2018

Da traca final desta serie de terxiversacións e desfiguracións do nacionalismo será artífice nada máis e nada menos que todo un premio Nobel de Literatura

Sobre o agachado nacionalismo dos antinacionalistas

Valorar (19)

MANUEL CABADA CASTRO



Na revista “El Catoblepas”, subtitulada “revista crítica del presente” e nun artigo que leva como título Lengua común contra idiotez lingüística dicía o seu autor no ano 2010: “Hoy, en España particularmente, ser antinacionalista es ser racional”. Co que se vén supoñer que os adversarios dos antinacionalistas se moverían simplemente nas escuras brétemas da irracionalidade.  

              Mais vexamos aínda. Ó longo da presente década e particularmente nos últimos anos, en relación sobre todo co debatido tema da cuestión catalá, xurdiron case a modo de esconxuro unha serie de escritos en medios de gran tirada que semellan intentar convencer os seus lectores da inane, vacua e daniña postura nacionalista, da que nin sequera habería que esperar polo tanto razóns que a xustifiquen. Velaquí algunhas mostras. Nun artigo de opinión de “El País” do 6 do mes de de Santos de 2015 co título de ¿Entenderse con los nacionalistas? dinse cousas coma estas: “El nacionalismo se levanta sobre la negación de la posibilidad del debate [...]; los nacionalistas no se sienten obligados a dar razones aceptables para sus conciudadanos”... Un par de meses despois (12 de xaneiro de 2016) o mesmo autor do anterior escrito volve insistir no artigo La inestable apuesta de Podemos do mesmo xornal na proximidade á irracionalidade do nacionalismo, que –segundo se nos di- ha ser abordado “en su exacta naturaleza, como un pensamiento reaccionario sin reservas, comparable al sexismo o al racismo”.  

              É, porén, no ano seguinte (2017) cando desde coñecidos medios de comunicación se multiplican as descualificacións respecto dos nacionalismos. Moi recorrentes tamén a nivel local, como ocorre por exemplo na “Voz de Galicia”, onde o autor de Yo también soy ‘pluri’, Xosé Luis (28 de maio) se permite dicir o seguinte: “Que los nacionalistas defiendan el carácter nacional de sus territorios con el objetivo insensato de separarse y acabar por ser Estados está en su ADN demencial”... Mais volvamos unha vez máis ó xornal “El País”. O infatigábel autor dos escritos anteriormente mencionados dos anos 2015 e 2016 volverá dicirnos o 5 de xuño de 2017 cara ó final do seu novo título No más ocurrencias, por favor o seguinte: “el nacionalismo se nutre de problemas que inventa”... Algúns meses despois, o autor dun novo artigo de opinión co título de Razones contra el independentismo (“El País”, 9 de setembro de 2017) indicará o seguinte: “El problema es que el nacionalismo independentista, como todo nacionalismo extremo, está poseído en buena medida por dos actitudes que lo hacen irreductible al diálogo. Ante todo, el nacionalismo, en este caso, es propenso a la utilización de planteamientos míticos o claramente ideológicos [...] Además, el nacionalismo propende al ensimismamiento, como modo político del narcisismo: somos diferentes y más que los demás”... Por certo, isto do “narcisismo” que aquí se pon en relación co nacionalismo, formará parte tamén do título do artigo El narcisismo nacionalista, que se publicará en “El Mundo” (3 de outubro de 2017), un mes case despois do texto precedente e que comeza deste xeito: “La personalidad narcisista se caracteriza, entre otros rasgos, por su inmunidad a cualquier autocrítica, por un sentido grandioso de la propia importancia, que le hace creerse superior a los demás [...] Las mismas características del narcisismo individual se reproducen en el colectivo, que es el que se encuentra en el origen de todo nacionalismo”...  

              Seguramente non resultará cousa doada atoparse cun nacionalismo que se sinta identificado con este tipo de caracterizacións. Mais isto non obsta para que o 23 de setembro nun novo artigo de opinión (La ilusión soberanista) en “El País” un coñecido profesor universitario -do que me honro polo demais de ter sido colega na docencia universitaria ata non hai moitos anos- escriba o seguinte (nisto en liña -como é doado comprobar- cos textos precedentes): “el nacionalismo es la creencia en que los portadores de cierta identidad son superiores a los que no la portan (y, por lo tanto, tienen más derechos que ellos). Yo diría de nuevo que eso es una ilusión pero los nacionalistas intentan evitar esa conclusión señalando un ‘hecho’: el hecho diferencial que les hace distintos, es decir, superiores”...  

              Da traca final desta serie de terxiversacións e desfiguracións do nacionalismo será artífice nada máis e nada menos que todo un premio Nobel de Literatura, que no seu artigo de opinión en “El País” (17 de Nadal de 2017) co titulo de El nacionalismo en Cataluña se expresaba desta rotunda maneira: “El nacionalismo es una perversión ideológica muy extendida porque apela a instintos profundamente arraigados en los seres humanos [...], instintos –de más está decirlo- absolutamente reñidos con la civilización. Por eso, el nacionalismo en nuestros días es ya sólo una ideología reaccionaria, antihistórica, racista, enemiga del progreso, la democracia y la libertad”... Haberá que esperar que a verdade e os xuízos ponderados non sexan patrimonio exclusivo daqueles que os deuses agasallaron co grandioso don de confeccionar fermosas obras literarias senón tamén dos que se preocupan por comprender e pensar de maneira xusta e equitativa a nada doada problemática do ser humano.  

              Pois ben, non resulta excesivamente complicado albiscar nas cualificacións que se lle dan ó nacionalismo nos textos precedentes un exceso de paixón obnubiladora que é capaz de lle facer invisíbel ó formulador de tales xuízos que estes mesmos non deixan de proceder tamén dun común fondo, por dicilo dalgunha maneira, “nacionalista”. É dicir, tanto o presunto “non-nacionalista” coma o “nacionalista” participan en última instancia da indestrutíbel querenza humana por ser, por vivir, por ter, conservar e fortalecer o modo de ser, a “cultura”, a lingua, etc. coas que ou nas que se “nace” (“nacionalismo” de “nacer”) ou desenvolve. Neste sentido, quéirase ou non, un é sempre, dunha ou doutra forma, “nacionalista”. Por iso distinguía xa no ano 1977 X. Chao Rego entre un nacionalismo “reaccionario e opresor” e outro “liberador e reactivo”, facendo referencia concretamente con este último ó “nacionalismo galego”. É desde esta perspectiva como criticaba en 1999 o académico da RAG Ramón Lorenzo “un nacionalismo centralista a ultranza que non se priva de utiliza-las peores palabras descalificadoras contra os nacionalistas periféricos”.    

            Mais, cinguíndonos coma nos textos superiores a formulacións escritas máis recentes, por máis que estas teñan unha moi limitada cabida nos medios de comunicación máis influentes, velaquí polo menos algunhas. No seu artigo do Fondo dos Espellos do “Faro de Vigo” (4 de novembro de 2015) que leva como título Havemos de ir a Olivença escribe X. L. Méndez Ferrín: “En Extremadura española domina, coma no resto do Estado, o nacionalismo que, coma a halitose, só o padecen os outros (di así Joseba Sarrionaindía). E o nacionalismo español é hostil a calquera lingua que non sexa castelá. Con noxo e dificultade soportan o catalán, o galego, o vasco”. En realidade, a cuestión lingüística é de decisiva importancia na polémica nacionalista e todo dá a entender que nisto non se chegou aínda a unha solución política xusta e non discriminatoria respecto das linguas minoritarias. Poida que non lle falte por iso algo de razón a Juan Claudio de Ramón cando no seu artigo de opinión El jardín de las naciones españolas (“El País”, 23 de maio de 2016) indica o seguinte: “Cuando la polémica lingüística se pacifica, la cuestión nacional a nadie importa”.  

              Pouco despois da publicación do anterior texto de Méndez Ferrín e na súa mesma liña, escribía así mesmo X. L. Franco Grande no seu comentario que leva como título Nacionalismos tóxicos (“La Voz de Galicia”, 27 de novembro de 2017): “É feito en xeral admitido que a deriva secesionista do nacionalismo catalán aviveceu o nacionalismo español, que algúns consideraban durmido [...] Cando Jean-Claude Juncker se refire tan sen matices ao nacionalismo en xeral como un veleno (e claro que o pode ser), nin de lonxe se lle ocorre pensar no nacionalismo español: para el só é tóxico o dos países que pretenden liberarse de tutelas impostas [...] Pero para el non é veleno o nacionalismo dos países que exercen esa e outras tutelas non desexadas”.    

            Por certo, e en relación obxectiva sobre todo co anteriormente mencionado texto de Méndez Ferrín, sería útil (e pracenteiro) que nese contexto o curioso lector lle prestase tamén algo de atención ó breve mais suxestivo artigo Eloxio da pluralidade de Xosé Ramón Pena (no “Faro de Vigo”, 3 de xuño de 2017).  

              Quero rematar xa finalmente aludindo a que hai só poucos meses (en “Sermos Galiza”, 20 de outubro de 2017) formulou F. Rodríguez -co desexo de clarificar dalgún modo a verbalmente agachada implicación de signo “nacionalista” que se fai presente na crítica ó nacionalismo-  un interesante e loábel intento de lle retirar a tal crítica o sinalado cariz “nacionalista”. E isto por mor sobre todo do seu evidente carácter “imperialista”, que nidiamente o diferencia dos nacionalismos liberadores. “Repítese –comenta coherentemente F. Rodríguez- en boca de pretensos progresistas, acollida con entusiasmo tamén no pregón da caverna mediática, a idea de o nacionalismo ser a guerra, o fanatismo, o racismo e o odio [...] Para semellante potaxe, identifícase o nacionalismo dos pobos sen Estado, como o catalán, nada menos que co imperialismo da Alemaña nazi [...] Dese xeito, aparece identificada a tese coa antítese. Isto é, un aparello de poder esmagador, con Estado expansivo [...] con un movemento social e popular dunha nación sen Estado e sen pretensión expansiva, que o único que persegue e querer expresar en liberdade o que desexa para o seu futuro. O primeiro debe chamarse imperialismo, o segundo nacionalismo stricto sensu”.  

              En fin, que o poder e a maxia da palabra non nos acochen os feitos! Son estes os que mandan. Só a eles ha servir a palabra.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal