18:32 Venres, 21 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-01-2018

Sabíao Castealo que Rianxo non era alleo ao resto do país

Rianxo: Centro de Día...e de noite!

Valorar (7)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



Dicir Rianxo é sentir a tradición. Rianxo gamela da cultura do mar na terra. O cheiro do argazo recorre as 6 parroquias como o Sempre en Galiza quixera Castelao fora a base da verdadeira Constitución Galega. Próceres rianxeiros irrepetibles: Manuel Antonio, irmáns Ínsua, Frieiro e Romero, Rafael Dieste,... Terra cantareira e melódica in crescendo! A empanada de xoubas xa se pode exportar desde o primeiro polígono industrial solicitado da Barbanza e o último concello en telo. Pasaralle o mesmo co Centro de Día?

Sabíao Castealo que Rianxo non era alleo ao resto do país. Tocado agora polo envellecemento como unha bacteria que se estende paseniñamente está facendo esforzos titánicos contra moitos elementos por un mar con respectuosas artes de pesca, pola industria local e creación de emprego. Bravo, ese é un dos exemplos a seguir pola nosa xeografía. Así se configura o deseño dun país que mira por e para o futuro dos seus habitantes. Cometido que se lle encarga a gobernantes, como na noite de Reis, na xornada electoral. Nembargantes asistimos a poucos exemplos como os de Pontevedra, Allariz, Rianxo, Carballo,... que queiran vivir co seu entorno sen renunciar a unha transformación acaída. Así os grandes partidos estatais coas súas filiais e marcas brancas, tamén na Galiza, manteñen unhas liñas afiadas para un establishment económico lonxe da realidade apuntando ao cume dunha pirámide que non deixa de ser medieval.

Pero a pirámide demográfica invertida do noso país -non menos preocupante que a outra- a dunha poboación demasiado envellecida é de libro. Taxa de natalidade baixa e alta a de mortalidade indicando un saldo vexetativo moi negativo. https://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/DatosBasicos/DB_Poboacion2.html Por riba unha importante xeración preparadísima emigra desde as tres grandes fábricas galegas USC, UDC, UVIGO. Desde os 90 vin irse pingueira a pingueira bastante prole filla doutra emigración do tardo franquismo, de galegas e galegos privados de escola, ... Foise por non seren capaces as políticas ou non querer reverter eses bastos coñecementos da universidade pública nunha terra rica como a nosa para aplicar nos sectores produtivos e de transformación. Non digamos xa da fuxida nestas épocas de recortes con cúter! http://www.eldiario.es/galicia/tercera-emigracion-marchan-jovenes-formados_0_203330356.html

A mocedá resistente tras pagar máis polos estudos, por unha endogámica, achicada e envellecida universidade esqueceuse de ser gratis con residencias, e bolsas suficientes; ah, e a samesuga dos Máster! Non sei porque se empeñan en chamala pública se desde a ESO, Bacharelato, FP, a matrícula pública parécese máis ao ensino privado!

O Salario Mínimo Interprofesional de 600 euros, no 2017 pasa a 707 mentres vivenda e servizos básicos aumentan un 20% e o SMI só o fixo nun 15%. http://www.bng.gal/articulo/novas/noa-presas-orzamentos-carecen-politicas-recuperar-economia-mantenen-desigualdade-social/20171219142345021259.html, unha débil economía galega que cos orzamentos para 2018 presentados por un PP hermético ás emendas da oposición dista moito do que necesita Galiza.

O cacarexado orzamento do emprego, da innovación do crecemento, do “gasto” en lugar de inversión social, implica seguir sendo un país subsidiado onde o imperio contraataca.

Claro está, se non desenvolvemos políticas urxentes de natalidade e non esmolas a bebés, se non revitalizamos os sectores dunha terra produtiva e non a vendemos, como imos sustentar verdadeiras políticas sociais! Existen modelos de benestar noutras latitudes funcionando ben dignos de imitar. Pola Galiza triunfaron a rede de Centros de Ensaio, Galescolas xunto cos Centros de Día que conviven con múltiples e loables iniciativas privadas máis ou menos accesibles coas que a Xunta conta. Nestes últimos centros é onde a pirámide de poboación invertida galega se refuxia. A rede pública de numerosos locais non interesa. Non existe unha planificación do público. Como entender que nas 4 provincias non cheguen as prazas públicas en Centros de Día con servizos mesmo costeados e recomenden acudir a empresas. Sábeno ben na Costa da Morte, ... e en Rianxo. Levan desde o pasado verán pedindo un Centro de Día. Manifestacións, van para 200 días de peche no salón de plenos xunto con outras mobilizacións e visitas políticas pero non hai no orzamento do Hórreo para este ano un centro rianxeiro como o comprobaron rianxeiras en directo no Parlamento de Galiza http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/expulsan-pleno-mujer-reclamaba-un-centro-dia-rianxo/idEdicion-2017-11-20/idNoticia-1085497/

A concepción do público enténdoa en clave de país, nunha simbiose de natureza e persoas. O baleiro das aldeas contrasta cos cheos centros de maiores afastados do que crearon, do que criaron. A mediateca soñada canda Eric Rhomer, crisol onde nenos e nenas poidan escoitarlle contos aos maiores, onde as artes no seu momento e no seu espazo poidan convivir coas tradicións novas e vellas que agora só case é posible ver en asociacións veciñais ou culturais activas...ten que facernos pensar para non caer na deshumanización -ás veces engaiolante- que non deixa ver a realidade necesaria inherente de cada pobo. Rianxo, miñas donas e meus señores da Xunta, clama por un Centro de Día... e de noite!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal