03:37 Domingo, 21 de Xaneiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-01-2018

Os franquistas xa sabemos o que son (e quen son), mais os neofranquistas sempre se escudan en dicir que eles naceron despois ou nin tiñan idade para votar a constitución

Os novos da dereita apuntan maneiras e teñen présa

Valorar (14)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Cando o xeneral Lister regresou á súa terra e casa de Calo (Teo), de onde saíra moitas décadas antes con apelido máis breve e mans curtidas de canteiro, ao entrar na habitación que ía ocupar, alguén lle dixo: “Meu xeneral xa lle retirei o crucifixo que tiña no cabeceiro da cama”. Lister, cantado por Machado e curtido en mil batallas, Teruel entre elas, onde os seus homes feriron ao que, dez anos despois, sería meu pai, respondeu: “Pois non sei por que fixo vostede iso, xa que nin el me ía facer mal a min nin eu a el”.

En todo tempo e lugar houbo sempre xentes máis papistas que o papa. O inocente prefixo “neo” adoita, se ben non necesariamente sempre, ir cargado de connotacións negativas: neoconverso, neocapitalista, neofascista... Que o Partido Popular foi creado como Alianza Popular por un fato de xerifaltes do réxime de Franco é cousa sabida por todos os da miña quinta e por os mozos e mozas que teñan cursado segundo de bacharelato, a non ser que tivesen un profesor de historia vergonzosamente franquista que, traizoando a ética profesional, lles ocultase o dato. Xa sabemos que, para esa xente, a ditadura militar foi unha etapa apracible que contaba coa maioría social, segundo Mayor Oreja, quen se esqueceu de dicir qué fora o que lle pasara ao resto da sociedade. Os franquistas xa sabemos o que son (e quen son), mais os neofranquistas sempre se escudan en dicir que eles naceron despois ou nin tiñan idade para votar a constitución. Precisamente, aí está o agravante, son máis papistas que o papa, porque o senten, porque queren facer méritos diante dos vellos do partido ou por unha conxunción de ambas.

Aparece un cartel iluminado cunha foto dunha drag queen, unha bailarina de cabaré e unha cantante de hit-hop, no que se le que o día cinco de xaneiro, en Vallecas, vai haber unha “Cabalgata de Reinas. Orgullo Vallecano”, e vai Martínez Almeida, un portavoz dos novos do PP, sen dedicar un minuto a se informar de como ía transcorrer o acto, non fose que lle cruzasen a proa e perdese os méritos de ser o primeiro en levantar a lebre, e lánzase a por todas e acusa ao goberno municipal de Madrid de desnaturalizar a festa e á alcaldesa de “frustrar o soño dos nenos”. Begoña Villacís, portavoz de “Ciudadanos”, demostrando unha vez máis que son os mesmos cans con diferentes colares ou, como tamén dicimos en Galicia, ”que podemos cambiar de muiñeiro, pero non de ladrón”, sentencia que “en ocasións unha cabalgata de reis é o que os nenos agardan que sexa, que é unha cabalgata de reis”, parágrafo que anda a medio camiño entre tautoloxía e neolinguaxe mariana. Ela dá a impresión de saber que é o que todos os nenos entenden por cabalgata de reis; eu non son experto nin en psicoloxía infantil nin en cabalgatas, pero non dubido de que o que os nenos realmente queren é sentirse sempre amados, protexidos e arroupados e, nestas datas de Nadal e Reis, gozar coa ilusión, os regalos e os humildes caramelos que apañan no chan, no único día que pais e avós lles permitimos facelo.

O anterior foi suficiente para que nos medios se iniciase unha polémica que chega ata hoxe, día de Reis, cando xa se comprobou que non aconteceu nada estraño e que os nenos gozaron e recolleron doces sen lles importar moito se saíran voando da man dun paxe, dun rei, dun neno, dun gaiteiro, dun representante do Corte Inglés, dunha drag queen ou dun señor de Albacete.  Eles son inocentes e teñen ilusión e brillo nuns ollos limpos, mentres que moitos maiores, cocidos nos seus propios prexuízos, téñenos turbios, obnubilados e cheos de lagañas ideolóxicas. Que podemos dicir de todo un presidente da “Liga pro Derechos Humanos” que levou o caso ao xulgado, protestando que isto provocaba e danaba a moralidade e, despois de chamar festividade relixiosa á cabalgata,  admirouse de que as autoridades eclesiásticas non protestasen? Quero pensar que talvez non protestaron porque saben algo máis ca el do que é ou non é unha manifestación relixiosa.

Os polileritas ou tertulianos, opinadores de todo, expertos en nada, que se multiplican coma fungos, porque enchen o tempo con pouco gasto para as cadeas, e aos que, nunha porcentaxe elevada, se podería aplicar aquel quiasmo empregado por Salustio na descrición de Catilina: satis eloquentiae, sapientiae parum, é dicir, “bastante de elocuencia, mais pouco de sabedoría” dedicáronse a falar e volver a falar de tradición, de relixión, de evanxeos, de dogmas e de moral e así, unha e outra vez, en diferentes medios usque ad nauseam. Cando decidín escribir o presente artigo sobre iso, vinme obrigado a escoitar e ver varios destes parladoiros por aquilo de verificar se había novidades e de comprobar ata onde chegaban os argumentos razoables e as asnadas. Só escoitei un que distinguía, contra os demais, o que é relixión do que é tradición popular ou municipal. Non me estraña, porque, cando daba clase de Historia da Arte (trinta e moitos anos, curso tras curso) admirábame ver que os alumnos, a un paso da universidade e, a maioría con clase de relixión desde nenos, ignoraban todo sobre o Antigo Testamento, non oíran falar do tetramorfos, no mellor dos casos confundían o dogma da Inmaculada coa virxindade de María, etc. Podo asegurar –foron moitos centos de alumnos de diferentes centros- que a incultura relixiosa entre o alumnado que cursa esa materia é clamorosa e aí o deixo.

Por todo iso, talvez non sobre lembrar algunhas certezas, por outra banda seguramente moi coñecidas polos lectores deste xornal. O cristianismo aparece nos inicios do Imperio Romano como unha relixión mistérica máis das que están a entrar desde Oriente: Mitra, Isis, Cibeles, Diónisos.... Todas eles teñen en común o feito de ter misterios, de onde o nome, de esixir un comportamento moral e de prometer premio ou castigo trala morte en función do feito no tránsito por este mundo. A maiores hai unha serie de coincidencias ou sincretismos, de préstamos de unhas ás outras e de fusións. O feito de nacer dunha nai virxe non é, curiosamente, o máis chocante dos puntos en común, xa que na Antigüidade ninguén podía aspirar a destacar en categoría, se súa nai, cando o pariu, non era virxe; contamos así, amais de con estes e outros deuses, con mortais como Alexandro Magno, Augusto, Platón, Pitágoras e un longuísimo etc. Alguén ten que certificar a virxindade e para iso están as parteiras que, despois de figurar no nacemento de Diónisos, aparecen tamén,  a partires do s. III e sobre todo xa no IV d. C., nas primeiras representacións do de Xesús. Nesa altura incorpóranse igualmente o boi e a mula. Cómpre afastar a fariña do farelo, pois os evanxeos (agás os apócrifos) nin falan de animais, nin de covas nin de parteiras; Mateo menciona magos e Lucas manxadoira e pastores, mentres os outros dous (Marcos e Xoán) obvian todo o relacionado co nacemento.

Se para os romanos o día 25 de Nadal estaba dedicado ao sol, como deus invicto, non admira que outros deuses, que igualmente se apropian do monopolio da luz, se celebrasen o mesmo día, caso de Mitra ou, xa no século IV d. C., de Xesús. A Igrexa celebrou a Epifanía antes que a Natividade, pois os nacementos eran, como vemos, todos repetitivos, mentres que unha epifanía, unha hierofanía era a demostración palpable da divindade dese neno chamado Xesús. Isto semella ignoralo a case totalidade dos devanditos tertulianos e políticos, pois confunden relixión, dogmas con prácticas tradicionais. Nunca se soubo quen eran eses personaxes, nin se, amais de magos que viñan de oriente, eran reis. Por certo, segundo o papa alemán Ratzinger chegaron de Tartesos, o que non cadra precisamente moi a oriente de Belén; non podo dubidar dos moitos coñecementos teolóxicos do papa, pero teño as miñas reservas con respecto aos históricos, pois en época do nacemento de Xesús había moi ben anos que Tartesos desaparecera do mapa cultural da actual Andalucía, deixando o lugar á Turdetania. As naves de Tarsis, das que fala a biblia, son da época de Salomón, moitos séculos antes, o que non quita que xa escoitei a un periodista de Cádiz, intelixente e irónico, presumir de que, segundo o papa, os reis magos eran gaditanos.

A primeira epifanía na que aparecen tres personaxes (acordouse ese número) e amais co nome de cada un deles témola nun mosaico de San Apolinar Novo en Rávena. Aínda se representan todos brancos, vestidos á moda persa e tocados cun gorro frixio. Aí atrás, contemplándoos directamente naquela fermosa e monumental cidade, lembrei o enorme desgusto de Cayetana Álvarez de Toledo, igualmente nova, mais evolucionada incluso cara a dereita aznariana contra o que supoño que considerará deriva esquerdista do presidente Mariano, cando, polos traxes que levaban os reis na cabalgata de 2016, escribiu: “No te lo perdonaré jamás, Manuela Carmena, jamás”. Debeuse conter para non rematar cun “o sea, te odio”. Esta frase, máis que de traxedia shakesperiana, semella extraída da “Venganza de don Mendo”, e, sen necesidade de engadirlle o apéndice, sona realmente “pija”. Celebro que non o puxese, pois tampouco lle desexo problemas coa lei mordaza do seu partido e os delirantes delitos de odio. Supoño que a ela lle encantaría velos vestidos como en San Apolinar, aínda que talvez lles mudase o gorro frixio polas connotacións revolucionarias americanas, francesas e tantas outras. Debo recoñecer que a min aquela roupa de 2016 tamén me pareceu horrible, pero unicamente por razóns estéticas, non políticas.

Unha cousa é a epifanía e outra moi diferente unha cabalgata de reis. Cabalgatas non se celebran, como se adoita dicir en política, en ningún dos países do noso entorno. A primeira da que se ten noticia en España fíxose en Alcoy en 1866, o que non estraña, xa que se trata de terra de representacións de “mouros e cristiáns”. Moitos anos despois, en 1912, faise outra en Granada e, pouco a pouco, foise espallando. E eu, señora Villacís, sigo sen saber moi ben o que é unha cabalgata de reis e ignoro que opinaría vostede, se vivise daquela, cando, en 1957, ía formada por gueixas, toureiros e cruzados, todos en vespas, o que indica que Franco quería dar unha imaxe de España de modernidade. E mellor non falemos da tradición, de “esa encantadora viejecita que tanto idealiza lo pretérito”, como dixo Federico Maciñeira Pardo-de-Lama, non sexa que, por despiste, regresemos a “la Santa Tradición”. Se mantivésemos todas as tradicións, teriamos que andar a tirar cabras dos campanarios e a esborranchar con graffitis as paredes de Altamira.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal