15:25 Martes, 20 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-01-2018

A Reforma Política do 77 serviulles para continuar no mando desta España "una, una y una y no cincuenta y una",

De Odios e de odios

Valorar (13)

LOIS DIÉGUEZ



Ao ministro Zoido, cando no caso de Catalunya decidiu meterse no campo xudicial, sendo el político de altas responsabilidades, debeulle lategar na cabeza máis a súa ideoloxía reaccionaria e conservadora, españolísima, que o tempero que, como ex-xuíz lle correspondía. Vaia co home, máis amante da afiada espada vingativa que da balanza do equilibrio e a venda da imparcialidade. Porque sabendo el ben que en política non se poden castigar sentimentos senón, en todo caso, accións, a decisión de crear unha Oficina Nacional de Loita contra os Delitos de Odio e axiña dar orde á propia policía de actuar contra aqueles que a critican e se manifestan polos seus excesos ou a súa mesma utilización política; a decisión, logo, rompe o espírito democrático converténdose nun abuso autoritario digno, agora si, do seu axuizamento.  
              
Son moitos os cambios involucionistas que a respecto da convivencia democrática nos botou o PP desde que está no goberno para bombardear, castigar e perseguir a aqueles e aquelas que defendemos o dereito democrático de autodeterminación, e en Catalunya púxoos a ferver do xeito máis represivo e abafante que unha mente aberta e dialogante non pode soportar, destacando este último invento, o de Delito de Odio. O subconsciente delatouno, non cabe dúbida, pois, coa decisión, acabou unindo o artículo 151 da Constitución co 510 do Código Penal, dándolle aos dous vaselina rápida para axeitalos aos seus desexos absolutos de ODIO, agora sí. Odio para castigar o odio. O Odio do PP a todo o que non sexan os seus principios e sobre todo eses dous que lles produce o continuado corte de dixestión: a sagrada unidade de España e a economía favorábel sempre aos máis ricos, autoritarios e depredadores. Odio e Corrupción: bingo, señor xuíz!         
      
Así que seguindo a teoría do señor Zoido e as súas ganas de actuar pola brava contra o que non lle gusta, por coherencia  e sentido de igualdade  obrigaríase a dar as ordes oportunas á Policía e Garda Civil para denunciar ou apresar: a quen en cafetarías de fóra de Catalunya agrediron a cataláns polo simple feito de selo; a quen entraron a saco nos colexios electorais do 1 de Outubro batendo mesmo contra vellos e vellas; a quen fixo chistes nas redes sociais pola morte de personaxes desafectos ao réxime actual; a quen agrediron con palabras e hostias odiosas a homes e mulleres que levaban a bandeira catalá; a quen reprimiron salvaxemente con porras e outros aparatos dialogantes aos-ás que se manifestaban pacificamente en contra da represión policial; a quen montaron en todos os medios de comunicación españois a campaña racista máis longa e ferinte contra cataláns e catalás; aos axentes policiais autores das  manifestacións orais contra a alcaldesa de Madrid, o presidente do Gobern ou Junqueras e outros consellers, mesmo meténdose na súa vida privada; a quen esposaron aos anteriores até a tortura dos seus pulsos; a un tal Rajoy por declaracións laudatorias a un golpista de Franco ao retirárselle o seu nome a unha rúa de Pontevedra, ou non pronunciar nunca unha palabra en galego ou utilizar topónimos ilegais como o seu amado Sangenjo (triple Odio, pois); aos policías municipais madrileños que con devoción aplauden a un demócrata de toda la vida como Hitler ou loan directa ou indirectamente a outro demócrata tipo Hitler como Franco; a quen non condenaron aínda os crimes da guerra incivil e ao seu responsábel maior; ás militantas de Cs que denunciaron na tele que na Universidade Catalá se persegue os non nacionalistas; a xornais que poñen titulares deste calibre: "Membros dos partidos constitucionalistas son vítimas de acoso, insultos e mesmo agresións físicas como nunca se vira antes en contendas electorais"... Uf, señores Zoido, Rajoy & Freixó, poderíamos seguir e seguir até a extenuación.
            
O Odio do ex-xuiz Zoido, despreza o que está definido no Códígo Penal precisamente para defender a colectivos que son discriminados ou perseguidos, e isto significa unha clara politización e manipulación do aparato xudicial. É obvio que a vostedes e a quen os acompañan na perigosa aventura involucionista lles vai o baile represor e autoritario, e as razóns resultan claras: corenta anos con Franco, escola na que vostedes ou os seus antecesores se formaron, e outros corenta continuando co mesmo estilo pero adaptado á circunstancia "democrática".  A Reforma Política do 77 serviulles para continuar no mando desta España "una, una y una y no cincuenta y una", pois herdaron todas as estruturas sociais que había naquel momento. Non houbo tampouco unha profunda educación democrática na poboación (do fascismo pasamos á democracia nunha noite, por así dicir) e controlaron-controlan, xunto co PSOE, practicamente todos os medios de comunicación. Isto só pode producir masivamente culturas e feitos non precisamente sensíbeis á pluralidade política, nacional, social e ideolóxica deste Estado. Non aceptar esta realidade plural teimará no camiño de manter o Pau e a Lei españolas como únicas alternativas ás xustas e democráticas reivindicacións das nacións que o conforman. Ninguén, persoa ou colectivo, renuncia nunca aos dereitos que a Historia lle outorgou, non o esquezan; e nós, os nacionalistas, tampouco.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal