00:46 Luns, 20 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-01-2018

2017 pasará a historia como o ano no que o réxime político español nacido da chamada Transición enfrontou o seu maior desafío que acabou por agravar a súa crise latente

Catalunya: nove leccións dun ano histórico

Valorar (17)

XABIER PÉREZ IGREXAS



Dous mil dezasete botou o feche. O xa pasado ano engadirase como unha páxina convulsa, intensa e conflitiva no tomo da historia deste apenas comezado século XXI. No plano máis próximo, o procés soberanista na Catalunya ocupa un capítulo de enorme relevo. Non como un feito fechado, senón como un episodio inconcluso, como un proceso en pleno desenvolvemento para o que non parece próximo un final definitivo. 2017 pasará a historia como o ano no que o réxime político español nacido da chamada Transición enfrontou o seu maior desafío que acabou por agravar a súa crise latente. O pobo catalán desafiou o statu quo do pacto social subscrito ente o franquismo reconvertido e as forzas políticas da esquerda española no 1978. Do que vai de procés podemos tirar xa algunhas leccións e aprendizaxes de relevo, que me atrevo apenas a bosquexar de maneira moi esquemática:

UNHA.- A contradición antagónica é entre pobos [traballadores] e oligarquía [española]. O denominado —polo unionismo españolista— “desafío secesionista catalán” volveu poñer luz sobre a que intereses responde en fin e esencia a arquitectura política e institucional do Estado español, que non son outros que os do grande Capital monopolista e o Imperialismo (otanista), visando a caracterización que o conxunto do nacionalismo galego e, de maneira singular, a Unión do Povo Galego fixeron da  Transición, en tanto que fraude que frustraba as aspiracións dunha democracia plena e real para acabar, en troca, por reinstaurar a monarquía Borbónica ao servizo da oligarquía.

DOUS.- Non cabe reforma. O deseño político do Estado español, asentado nun centralismo abafante, case que centrípeto, sob a negación e asoballamento das realidades nacionais forzosamente insertas nel, volveu dar mostras do seu carácter irreformábel. Non cabe espazo nin para a máis tímida reforma se esta cuestiona ou ameaza o axioma da unidade pola forza e as relacións de dependencia entre centro e periferia, que no caso de Galiza continúan a ter un claro carácter (neo)colonial. España como proxecto histórico das clases dominantes non cabe noutro deseño que non sexa o actual.

TRES.- Europa non é un horizonte de esperanza. Nin un refuxio de ensoñadas liberdades. A Unión Europea deixou patente, por acción e inacción, a súa verdadeira natureza: un instrumento ao servizo do imperialismo.  Unha mera unión de Estados sob a ditadura do Capital. Nese sentido, a contraposición entre UE e España, que o segmento máis moderado do soberanismo catalán enarborou até hai nada, verificouse unha entelequia, un artificio desiderativo. Pois o Estado español xa non é indisociábel da maquinaria político-institucional-económica-militar sediada en Bruxelas. Non existe antagonismo posíbel entre pezas dunha mesma engrenaxe global. Destarte, a Europa democrática, social e dos pobos que arelamos non poderá nacer se non desde a destrución da actual Unión Europea e o euro. Da libre asociación de pobos libres e plenamente soberanos.

CATRO.- A soberanía como cerna da emancipación. A violentísima resistencia ofrecida polo Estado diante do proceso soberanista catalán ratifica a caracterización que desde o nacionalismo galego se ten feito da soberanía como pedra de toque da loita emancipatoria, toda vez que na actual fase do capitalismo a soberanía nacional-popular é o principal adverso ao Imperialismo. A unidade de mercado [español] é unha condición irrenunciábel para a oligarquía española, que representa o IBEX35. A fuga de empresas e capitais, sob o patrocinio gobernativo de Madrid, visou que o Capital non ten patria, só carteira. A fractura do Estado español suporía, e supón, nese sentido a maior afronta cara a dominación capitalista .

CINCO.- Os límites da transversalidade. O procés catalán ten como unha das súas características máis salientábeis o feito de se desenvolver sob un suxeito social disperso. Sendo claro o seu forte enraizamento popular, cun importante protagonismo das clases traballadoras na base, a súa orientación interclasista e transversal se ben permitiu atinxir unha mellor correlación de forzas en tempo record (apenas oito anos desde a consulta de Arenys de Munt), tamén fana as súas posibilidades de efectivización. Sobre todo cando unha parte, non menor, da base do soberanismo adhire á causa da independencia concibindo esta como unha opción viábel sen conflito e sempre no seo [ou en rigor, baixo o xugo] da permanencia na UE. Alargar a base do soberanismo en Catalunya ten de pasar inescusabelmente por ligar a causa nacional e democrática á cuestión social, en definir a República catalá como un proxecto emancipador para as clases populares, malia que iso xere tensións ou a deserción da (moi) minoritaria baixa e media burguesía. Iso provocará necesariamente unha remuda no(s) liderado(s) do procés, desprazándoo claramente á esquerda. Desta maneira, franquearase tamén a contraposición do social face ao nacional que agora enarboran, de maneira cínica, tanto a esquerda sistémica española como tamén algúns grupos de extrema esquerda para conter o soberanismo, podendo incorporar continxentes sociais reacios no plano identitario mais potencialmente sumábeis a esa perspectiva integralmente emancipatoria.

SEIS.- “España” como denominador común. Se algo define o marco político estatal é que o proxecto histórico de España, como construción unitaria, é partillado desde ambos os extremos do arco institucional. Desde o neofalanxismo laranxa de Ciudadanos, até a síntese peronista-lerrouxista de Podemos. Co  PCE inquebrantábel na súa concepción uniformizante do Estado, coa súa tradicional e interesada deformación/falsificación do pensamento leninista face á cuestión nacional. A este respeito é especialmente relevante o que tivo o procés soberanista de desenmascarador dos discursos pretensamente “plurinacionais”, “confederais” ou “autodeterministas” da denominada esquerda rupturista, que nada quer romper. Apúntao con enorme claridade o profesor Ramón Grosfoguel nos seus últimos traballos e entrevistas. Na realizada para o semanario Sermos Galiza [Eis un fragmento: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/internacional/unica-saida-pobos-da-soberania-da-ruptura-coa-ue-euro/20171129173825063782.html] , lembra que “o dereito de autodeterminación debe incluír todas as opcións, mesmo a independencia, e se non se inclúen estaremos diante dun proxecto imperialista, de dominación. É por iso que non pode haber un proceso de emancipación da clase obreira [no Estado español], nun sentido amplo, se hai unha clase obreira a dominar sobre outras. Iso faino imposíbel”.

SETE.- O Estado nunca é unha estrutura neutra. Se ben, como xa se explicou e abordara en maior profundidade no meu anterior artigo no Terra e Tempo (http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4782&seccion=13), o Estado español é unha estrutura deseñada e subordinada a uns intereses concretos, o carácter non-neutral dos estados como categoría política [tal e como se define no marxismo-leninismo] tamén atinxe en chave de futuro. Isto é, enfrontar a certeza de que caben independencias non-soberanas, ou “independencias (neo)coloniais”, como as cualifica o profesor Grosfoguel. En consecuencia, o soberanismo como expresión emancipatoria ten que ir para alén da lexítima –en termos democráticos e nacionais– separación dun Estado (e a súa conscuente fragmentación).  O obxecto do proceso non pode ser apenas a disgregación para reproducir un Estado de iguais características [burguesas] no referido a súa orde económica, social e a súa inserción internacional. Non cabe soberanía sen ruptura coas estruturas de poder precedentes e a dominación capitalista mundial.

OITO.- Só cabe, pois, a ruptura. Confirmado o carácter irreformábel do Estado, calquera proceso transformador só pode desenvolverse sob as coordenadas da ruptura democrática, en chave de desobediencia e insubmisión.  Non basta apenas con acumular unha clara maioría popular, nin a súa reiterada expresión electoral. O Estado non se vai sentar a negociar a súa dinamitación, nin fractura, xa que –como xa se apuntou— a unidade centralista é a espiña dorsal do seu deseño político e institucional. Nese sentido, a experiencia catalá amosa con nitidez até que punto unha estrutura de dominación non deixará de operar como tal por máis democracia que se lle confronte. A brutal represión institucional, económica, xudicial e policial despregada contra a independencia de Catalunya delimita, xa que logo, o terreo de xogo e as condicións nas que este debe librarse: en conflito. Unha cuestión que, de vez, marcará o futuro máis inmediato que enfronta Catalunya após a incontestábel vitoria do soberanismo nas eleccións coloniais impostas por Madrid o pasado 21 de decembro.

NOVE.- Crise non é derrota. O réxime político español está en crise, si. Na súa meirande crise desde a súa xénese no posfraquismo. Porén, interpretar esa crise como evidencia dunha inminente derrota do statu quo sería un colosal erro de percepción. O Estado español é unha poderosa maquinaria, dotada de importantes e efectivos instrumentos de coerción e represión ao servizo da clase dominante. E os exercerá, como estamos a ver, con absoluta determinación. A golpe de patadas voadoras contra votantes desarmadas, de presos políticos, de exilios forzosos ou da imposición dun estado de sitio de facto vía 155. Cómpre non infravalorar o que se ten en fronte, nin o alcance do que está en xogo. Tampouco sobrevalorarnos os avanzos, por importantes que foren, xa que estes tamén fican en disputa. Pois como nos aprendeu a revolución portuguesa, ás veces após de abril vitorioso podemos retroceder, por décadas, nun novembro gris.

[08-01-2018 15:05] Xaquín comentou:

Diagnósticos interesantes que, nalgún punto, e refírome a cuestións menores, serían discutibles. Sen embargo, unha pregunta: que ten que ver toda esta análise e esta discursividade ruturista coa política actual do BNG, que coa boca fala de "soberania" (nunca independencia) e de esguello aguarda o que poda caer da próxima reforma constitucional en termos de elevar o teito competencial?

[06-01-2018 23:32] Luísa comentou:

Poida
que o comentario de xaquin tenga algo de razón , mais coma galega, a que me agarro?. .
Queremos coraxe e dignidade..
Sabedes,.....que non me gusta ninguén, porque ....trabo.
ALA, que lleva Dean. Feliz año.

[04-01-2018 17:32] Xaquín comentou:

Diagnósticos interesantes que, nalgún punto, e refírome a cuestións menores, serían discutibles. Sen embargo, unha pregunta: que ten que ver toda esta análise e esta discursividade ruturista coa política actual do BNG, que coa boca fala de "soberania" (nunca independencia) e de esguello aguarda o que poda caer da próxima reforma constitucional en termos de elevar o teito competencial?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal