03:30 Domingo, 21 de Xaneiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-12-2017

Non quero deixar pasar este momento sen subliñar, con tres notas de urxencia, algunhas evidencias que moitos se resisten a aceitar

Catalunya

Valorar (49)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Non quero deixar pasar este momento sen subliñar, con tres notas de urxencia, algunhas evidencias que moitos se resisten a aceitar. A primeira delas é que, por moito que un capitalismo global pretenda facernos crer que os pobos, as nacións, non son xa, nin deben selo, espazos operativos para o exercicio da soberanía política ou para a aspiración a lograla, a realidade evidencia que é o único marco onde se manifestan tanto a oposición á opresión do sistema existente como o exercicio e o esforzo pola liberación. No caso que nos ocupa, é no marco da nación catalá, como espazo de comunicación e decisión, onde o pobo combate por exercer o dereito a responsabilizarse de si mesmo fronte a un Estado que recorre a todo tipo de argucias, artimañas, ameazas e represións para impedilo. E non deberíamos esquecer que ese Estado representa, coa súa estrutura xerarquizada, cos poderes fácticos que o sustentan e aos que sirve, o instrumento dese capitalismo global para manter un statu quo opresivo, nunha dupla dimensión, nacional e social, ben imbricadas, por máis que a esquerda española e un infantil ideoloxismo esquerdista nas nacións oprimidas teñan dificultades para entendelo.

A segunda evidencia é que o actual réxime político español, coa súa monarquía e o seu centralismo, co seu capitalismo oligopólico, ten como único inimigo serio o independentismo catalán: el si representa unha ruptura real co réxime e a constitución de 1978. A descarada guerra contra o independentismo catalán, recorrendo a todos os recursos do Estado, de forma impropia dunha  democracia, contou coa inestimábel e entusiasta colaboración das empresas transnacionais de matriz española, como Caixabank, GasNatural ou Planeta, entre outras moitas, metendo medo co traslado das súas sedes sociais fóra de Catalunya. Por non falar da posición da Unión Europea, da Secretaría de Estado dos USA ou da OTAN, para termos claro de que parte hai que estar desde unha posición democrática e antiimperialista. A moitos republicanos españois, polo que se ve, mételles medo unha República catalá, preferindo servir a unha Monarquía española, aínda enriba de vocación imperialista para dentro. Moitos supostos socialistas españois prefiren ser sicarios do capitalismo global antes de seren respectuosos e mesmo aliados dun amplo sector das clases populares de Catalunya, colaborando así a fortalecer un réxime político que din deostar, coa boca pequena claro, como a maneira de pose.

Como se pode dicir, para xustificar unha posición de aliñamento práctico coa represión derivada da aplicación do artigo 155 da Constitución española, á vez que se pretende mostrar neutralidade ou equidistancia entre o independentismo e o autodenominado bloque constitucionalista, isto é, entre o pobo catalán consciente de selo e o españolismo, encirrado e protexido polo Estado español, que en Catalunya gañou a dereita? Semellante ofuscación demostra como se pretende vivir de estereotipos para manter unha idea de españolidade que acaba por ser concomitante coa da dereita española, que nega que exista ningún outro pobo que non sexa o español, e que España é unha nación, patria común e indivisíbel de todos os españois. Xa se sabe, o nacionalismo catalán é cousa da burguesía catalá.

Tanto ten que os dirixentes cataláns sexan encarcerados ou embargados os seus bens, vaian ao exilio ou intenten destruílos  con recurso a mentiras, ou a algunha media verdade para desprestixialos. Tanto ten que se produzan as maiores mobilizacións populares de toda Europa reclamando poder expresarse libremente en referendo de autodeterminación. Nada importa que se encirre á parte da poboación de orixe ou sentimento español, incitándoa á confrontación ou violación da legalidade autonómica, co amparo do Estado...A verdade é que estamos perante un movemento nacional e popular, moi ben organizado, produto de moitos anos de experiencia e de traballo, contando co impulso que o pujolismo deu ao sentimento de catalanidade, desde a media e pequena burguesía até as clases traballadoras de todo tipo, coa exclusión da oligarquía. Pola demais, a tan recorrida  minoría silenciosa, á que se aludía para negar a maioría electoral e social do independentismo xa falou nas urnas...O independentismo catalán segue a ter maioría parlamentaria para conformar un goberno, após padecer un acoso e persecución indignos que deberían avergoñar  calquera demócrata. E desde logo, queda claro que máis dun sesenta por cento quere un referendo de autodeterminación, desexa superar o marco autonómico e outro encaixe de Catalunya, para poder facer outra política ao servizo das maiorías sociais. Si, claro, para non ter que facer recortes...E aquí entra a cuestión da Convergéncia transformada en PDeCat e en Junts per Catalunya.

Terceira evidencia. En Catalunya a cuestión nacional ten provocado unha transformación ideolóxica de amplos sectores sociais que pasaron dun autonomismo pragmático a unha alternativa independentista pola experiencia política vivida nos últimos quince anos. Comprobaron que Catalunya como pobo, como nación, non era viábel no marco autonómico español, cada vez máis restrinxido e dentro dun réxime que afogaba toda posibilidade dun autogoberno merecente de tal nome, sustentado nun sistema fiscal que centraliza os ingresos e descentraliza os gastos. Un pobo digno e consciente, con vontade política de existir, non pode asumir como natural que non poda controlar o que paga para gastalo como considere máis oportuno, cedendo ao Estado unha cantidade (cupo) para pagar as competencias que este desempeñe (o modelo de concerto). E tampouco pode aceitar que o seu destino sexa acabar asimilados á condición nacional española, no plano lingüístico, cultural, e como única posibilidade de cidadanía.

Precisamente, coa crise e a necesidade de facer recortes, pois o sistema de financiamento autonómico non deixaba outra posibilidade, e cos continuos recursos do Goberno ao Tribunal Constitucional para anular leis autonómicas de Catalunya, moitos dirixentes do nacionalismo catalán moderado e grande parte da súa base social, guiados por unha visión de amor e identificación sincera co seu país, deron un paso ao fronte, que os honra. Todo un síntoma de que puxeron os intereses do país por enriba dos seus persoais. De aí veu a alternativa de Junts per el Si, a unidade de todo o nacionalismo catalán, e mesmo o obrigado apoio das CUP en moitas cuestións e na fundamental, a esixencia de se celebrar un referendo de autodeterminación.

Convivían así moitas persoas de procedencias e ideoloxías diversas, todas elas empatadas por un obxectivo político común e por unha visión social que, con diferenzas e matices, se centraba na idea de pobo, das maiorías sociais. A aceptación de semellante marco por parte de quen gobernou Catalunya durante moitos anos, e ás veces pareceu contentarse con facer de interlocutor do grande capital, non se fixo sen unha depuración, sen unha grave crise partidaria e sen a debida transformación programática. Porén, nada a ver co oportunismo ou o travestismo, senón cunha mudanza de circunstancias: o marco autonómico non daba máis de si; un nacionalismo consecuente non podía permanecer sen dar un paso ao fronte. Claro está que sen o mellor do pujolismo non se pode explicar esta disposición e enteireza de ánimo, esta convicción tan firme por facer de Catalunya un pobo libre. A que expresa o presidente Puigdemont, e mesmo a que, de forma para min inesperada, demostra o expresidente Mas. Se un mira o mapa electoral de Catalunya comprobará como a hexemonía de Junts per Catalunya na maioría dos concellos (ás veces chamados despectivamente rurais ou do interior), onde non hai oligarquías, nin grandes burgueses, senón pequenos comerciantes, autónomos, labregos e traballadores en xeral, apuntan a un sentimento nacional maioritario que se expresa agora cunha radicalidade democrática de dupla e unitaria face: Cataluña autodeterminada e ao servizo do pobo.

Nestes últimos días, cando sae o tema catalán, e alguén se manifesta irritado ou violento contra o pobo catalán e a súa aposta independentista, limítome inicialmente ou finalmente, segundo o proceso dialéctico o esixa, a razoar: "Ah! entón o bo é o que pasa aquí. Estás de acordo coa situación de Galiza e de Ferrol, en  particular? Isto cáesenos enriba, grazas á madre patria España. Imos por bo camiño? Pois mira que non temos desgrazas e miserias enriba...Haberá que pensar en coller outras orientacións, non?

A orientación consiste en asumir que existimos como pobo galego e que temos capacidade por nós mesmos e debemos responsabilizarnos de nós mesmos, se queremos ter futuro.

[26-12-2017 00:11] luisa comentou:

Soñei con Catalunya longamente, vivina con amor un breve tempo.

¡Romano alcipres de Tarragona!

Labregos de Lleida

Girona,redonda e misteriosa,

escoitando ao Ter para apropiarse

do seu acento puro,que naceu

na grave soefá dos Pirineos.

Ramblas de Barceloma,

delicada Primavera do mundo,

onde se misturan e confunden,

nun orde latino e calalán,

recendos de claridade

e dunha vaga nostalxia indefinibel.

MALUEL MARIA

GALIZA.... Enorme SOS Animo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal