00:25 Mércores, 21 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2010

Unha nova incineradora absorberá o 50% do presuposto do Plan de Residuos Sólidos Urbanos 2010-2020

O plan de residuos de Galiza, camiñando cara o abismo

Valorar (0)

MARTIÑO FIZ LÓPEZ LINDOSO



O pasado 21 de Maio presentouse ante o Consello Galego de Medio Ambiente o futuro Plan de Residuos Sólidos Urbanos de Galiza 2010-2020. Este plan vai marcar a evolución futura dun dos principais problemas ambientais de todas as sociedades como é a cuestión dos Residuos Sólidos Urbanos. En primeiro lugar hai que destacar que o 1.100.000 toneladas de lixo urbano que os galegos e galegas xeramos anualmente son a parte máis popular e doméstica dos residuos pero non a única.

Os residuos industriais representan unha cantidade anual moito maior que os urbanos e teñen unha planificación específica e non menos importante debido a extrema perigosidade dos xerados nalgunhas empresas (por exemplo os resíduos de Alcoa en Xove). Non menos importante tampouco é a cifra de residuos da construción e demolición que representan unha cantidade alomenos similar en peso ao lixo urbano (aínda que un volume menor). Sen embargo, debido á falta de control da administración, a cifra real estímase darredor dos 2.000 millóns de toneladas anuais según a asociación Arcodega. Podemos seguir engadindo incluso máis tipos de residuos importantes, como os hospitalarios do grupo 3 que poden ter carácter infeccioso ou as enormes cantidades de residuos da gandería intensiva máis coñecidos como puríns, por poñer algúns exemplos de residuos non urbanos.

De todos xeitos os Residuos Sólidos Urbanos son os máis populares residuos domésticos que todos e todas xeramos na nosa vida diaria e nos gustaría pensar que a administración vai facer o posible por reducir, reutilizar ou reciclar. Sen embargo, sentíndoo moito por todos nós, a Xunta de Galiza non ten as boas intencións do común dos cidadáns. Nos próximos meses tentarán vendernos que só se van incinerar os residuos que non somos capaces de reciclar pero isto como podemos imaxinar é unha flagrante e burda mentira.

O certo é que o lamentable Conselleiro de Asfaltos e Estradas, Agustín Hernández ten pensado dilapidar o 48% do presuposto do Plan (246 millóns de euros) en construír unha incineradora no sur de Galiza que absorba o 25% dos residuos que se xeran en Galiza. De levarse a cabo este delirio, aproximadamente o 75% dos residuos de Galiza serían incinerados, cifra que non ten parangón en Europa que ao mesmo tempo porá a Galiza na cola da reciclaxe do estado e de Europa.

E precisamente neste plan de RSU 2010-2020 onde aparecen as cifras de recollida selectiva das distintas fraccións do lixo en 2008 e onde podemos comprobar que Sogama só recicla o 8% dos residuos namentras que o 92% é incinerado ou depositado en vertedoiro. De feito, a responsabilidade da reciclaxe en Galiza recae sobre os plans de compostaxe alternativos da Coruña e do Barbanza que reciclan o 34% do lixo que reciben (4 veces máis que Sogama) a pesar de non ter recibido nin un peso do anterior plan feito polo dinosauro Fraga.

Se ben o Plan 2010-2020 contempla 8 plantas de compostaxe en Galiza (agora non queda máis remedio que compostar para reciclar algo) o obxectivo no 2020 é reciclar o 20% da materia orgánica dos RSU. Obxectivo moi pouco ambicioso tendo en conta que neste momento Barbanza e A Coruña están a reciclar o 47% nas súas demarcacións e cabe esperar notables melloras técnicas e de separación doméstica até o ano 2020.

Aí é precisamente onde está a chata da incineración, desmobiliza o 50% dos recursos para atender o 25% do lixo, xerando ademais enormes cantidades de cinzas tóxicas e perigosas (que non desaparecen). Isto quere dicir que a incineración é unha opción cara, no seu investimento, aínda que máis barata no funcionamento que a compostaxe. Sen embargo, os cartos investidos en incineración significan ademais a desmobilización de recursos cara a reciclaxe e polo tanto Galiza non vai acadar máis que cifras mediocres de reciclaxe en 2020.

Para mostra un botón, podemos comprobar que os obxectivos marcados polo plan no 2020 para a reciclaxe dos residuos de envases que é do 50%. Sen embargo o plan só contempla unha planta de selección de envases de 16.000 toneladas anuais de capacidade que representa o 10% dos residuos de envases xerados anualmente agora, e é unha fracción dos residuos en alza. Como vemos resulta imposible cumprir os obxectivos marcados de reciclaxe coas inversións previstas claro que logo o señor Conselleiro do Asfalto, que xa non estará no 2020, pode dicir a socorrida frase: "eu pensei que era o mellor que se podía facer".

Para rematar o desaguisado hai que destacar que a incineradora de Sogama no ano 2008 produciu 460.000 Mw de enerxía, pero sen embargo consumiu 508.000 Mw de gas natural para secar o lixo antes de incineralo debido a que emprega unha tecnoloxía que ninguén máis emprega no mundo denominada leito fluidizado, idea ocurrente e moi lucrativa do "asesor" Felipe Macías, profesor da USC. Isto fai que a nova propietaria de Fenosa, a empresa Gas Natural queira desfacerse do morto de Cerceda vendendo as súas accións en Sogama, porque é do xénero bobo venderse a un mesmo o gas natural que vendido a outras empresas reportaría moito maiores beneficios.

O feito é moi grave porque o 82% do presuposto do Plan 2010-2020 resulta que vai ser privado (uns 400 millóns de euros), tanto na incineración como na compostaxe. O interese privado vai primar sobre o público e ademais permítome vaticinar que xamais vai levarse a cabo esa inversión porque ningunha empresa vai realizar tan cuantiosas aportacións. O que se prevé é logo que o erario público vai ter que financiar os ocos que non se van cubrir.

Sendo lamentable e contrario a dereito que neste plan de RSU as plantas previstas non están ubicadas no territorio significa ademais que non podemos avaliar que as plantas están correctamente dimensionadas e situadas (aspecto fundamental na planificación). Isto só se debe ao medo escénico do Partido Popular a desvelar a ubicación da incineradora do sur antes das municipais porque podería representar unha rémora electoral na comarca onde se sitúe.

A pesar de todo aínda estamos a tempo de contestar estas e outras moitas cuestións deste funesto plan porque de seguido comezan os 40 días pertinentes de exposición pública do Plan de RSU de Galiza 2010-2020 no que calquera persoa ou asociación pode realizar alegacións para evitar que Galiza camiñe cara o abismo da incineración.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña