05:09 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-12-2017

A Xunta actual acada níveis de perversión argumental que raian na máis malévola das coartadas

(In)competencia

Valorar (28)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Hai quince anos, por esta case invernía dos meses de novembro e decembro, un dos adxectivos máis repetidos para denunciar tanto o goberno español como o da Xunta na súa xestión da catástrofe do Prestige foi o de “incompetentes”. Non vou ser eu quen o refute. Incompetencia houbo abondo, embora o deosto que ambos merecían ía moito máis aló: mestura de desprezo, trato colonial da pior especie, deixación de responsabilidades, promesas para enguedellar incautos... e tantas ignominias máis. Ora, a verdadeira incompetencia é a falta de competencias políticas e a nula vontade de as adquirir e exercer. Década e media despois, buques con cargas perigosas ou mortíferas continúan a navegar perto das nosas costas e, desde aquela a hoxe, non só non minguou senón que aumentou contundentemente a dependencia da Galiza verbo de decisións-disciplinas da Unión Europea e do seu xendarme-capataz, o Estado español.

As reiteradas e reiterativas declaracións do presidente da Xunta e doutros cargos do seu goberno (?) compoñen todo un painel de incompetencia asumida con naturalidade e, aínda, fachenda. Fálese de pesca, do prezo do leite, da autoestrada A-9, da enerxía eólica, das tarifas eléctricas, da ordenación do sistema aeroportuario..., a conclusión sempre retorna, circular, ao comezo: non hai competencias. Daquela, complétese o razoamento co corolario lóxico: a chamada autonomía é unha carcasa inútil, unha estrutura que non só non mitiga os efeitos da tradicional dependencia galega senón que os aumenta, na administración de narcóticos de marca española e anglosaxoa que reforzan a pasividade, a resignación e a naturalidade da nosa subordinación. Boten contas: levamos décadas de autoanemia, e que se consolidou, que se sedimentou en materias como a política lingüística e a política cultural, onde si  -e a pesar da cativeza do marco xurídico-legal-  algo se podería ter feito? A Xunta actual acada níveis de perversión argumental que raian na máis malévola das coartadas: faise da programación televisiva un recital da pior ordinariez-castrapada, porque é o que a xente pede e o que á xente lle gosta; non hai implantación mínima do galego en usos pragmáticos, no social-público de consumo obrigado, porque non se solicita; as funcións teatrais continúan a ser dun día ou dous como moito, porque para unha cultura pequena e doméstica como a galega xa abonda... Iso si, que non falten premios, galardóns e conmemoracións episódicas e sen consecuencias colectivas, máis aló da endogamia e da retribución aos membros do clube. Mais non nos enganemos. Como en todos os procesos sociais de explotación e marxinación, deben funcionar dúas pezas asemade: a vontade do dominante e a anuencia ou impotencia do dominado, e aquí é onde observo un perigo grande. O da adaptación ao existente que non se discuta, a tendencia a non se desmarcar do previamente permitido, a circulación polos carrís do tolerado e dentro da orde conveniente. Conveniente, claro, para o mantemento da pequenez e do silencio-ignorancia sobre nós mesmos.

O desaparecemento oficial da Galiza, mesmo na simples nomenclatura, retorna sen complexos ao rexime ditatorial. Volvemos ser “el Noroeste”, en alianza xuntística con Asturias e Castilla-León, isto é, unha esquina da España. Quen lle diría ao xornalista e escritor Gustavo Luca de Tena que a súa lúcida humorada seguiría vixente tanto tempo despois. Con efeito, estabelecía hai ben anos que non eramos nen un vento (o noroeste) nen un convento (“la Comunidad”). Por non ter, non temos nen información meteorolóxica adaptada ás comarcas naturais do país e seguimos a aturar a que toma como referencia as provincias, esa aberración–división tetrapartita tan moderna que procede de 1833. Dispostos agora, como ben adestrados masoquistas, para sermos adaís da españolidade que nos nega e sepulta, e para tapar todas as vergoñas da submisión e da marxinación a conta dos cataláns, a grande coartada perversa que xa se utiliza para xustificar o maltrato de quen ten o poder sobre nós, o Estado, non, obviamente, a Generalitat. Vivamos como galegos... en español, coa dose homeopática da lingua nativa precisa e regulada para garantir a boa saúde da lingua oficial do Estado. Vivamos como galegos unha vez ao ano, coa ración calculada de morriña, “raíces” e folklore que garantan a estabilidade psicolóxica e sentimental do noso curruncho residual na única identidade admitida. Vivamos como galegos satisfeitos na nosa condición serva e servil. Coa imitación non abonda. É precisa a identificación total.

E el será posíbel vivermos como galegos podendo ler os rótulos da compra diaria en galego? Téndomos dereito a anuncios comerciais, nóminas, albaráns, convenios laborais, atención telefónica, servizos obrigados de todo tipo en galego? Noutras palabras: el será posíbel ser galegos en galego, como os españois o son en español? A primeira “competencia” obrigada non será a de sabermos quen somos e, a partir de aquí, que dereitos nos asisten e debemos reivindicar? 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña