23:18 Xoves, 06 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-12-2017

En todo o mundo, con maior ou, sobre todo, menor empatía, estase conmemorando o centenario da Revolución Rusa

Homenaxe sinóptica á Revolución Rusa

Valorar (16)

FRANCISCO CALO LOURIDO



En todo o mundo, con maior ou, sobre todo, menor empatía, estase conmemorando o centenario da Revolución Rusa, que alí tivo lugar o 25 de outubro e aquí o 7 de novembro de 1917. Este desfase sabemos que provén da reforma do calendario, no ano 1582, para corrixir a diferenza de dez días con respecto ao tempo real que acumulaba o xuliano en vigor. Na Europa católica instaurouse o calendario gregoriano o xoves 4 de outubro, ao que seguiu o venres 15. Deuse así o caso de que Santa Teresa de Xesús, que morrera ese día 4, fose enterrada ao día seguinte, é dicir, o 15. Os países ortodoxos como Grecia ou Rusia mantiveron o xuliano, o mesmo que os protestantes como Inglaterra. En Rusia, unha das primeiras medidas que tomaron os bolxeviques revolucionarios foi a reforma do calendario, que daquela xa levaba 13 días de desfase. Sabendo isto, entendemos o porque do noso, hoxe, estraño dito “Por Santa Lucía mingua a noite e medra o día”, ou do castelán “Por Santa Lucía un salto de pulga crece el día”, ou o catalán “Per Santa Llúcia, un pas de puça”, e poderiamos seguir con frases similares alén dos Pireneos, expresións todas elas evidentemente anteriores a 1582.

Esta conmemoración da Revolución Rusa suscitou a celebración de congresos, ciclos e xornadas, así como a edición de libros e, sobre todo, de artigos periodísticos e revistas monográficas, entre as que cómpre citar o número 175-176 deste mesmo xornal Terra e Tempo. Non quixen eu deixar de me sumar a esta conmemoración cun sinxelo e escolar artigo no que farei un percorrido sinóptico dos antecedentes de “Outubro” (era a súa data e hai que mantela), salpresado con algunha divagación.

Tentou Napoleón conquistar Rusia, mais saíu queimado polo xeneral Inverno e pola loita do pobo, encirrado por amos, señores e popes, o que me lembra o acontecido en España durante a Francesada ou, como lle chamaba miña avoa, a “Sanfransia”, onde quen realmente loitou (obviemos a Wellesley) foi o pobo empuxado por señores e cregos que vían perigar os seus intereses. Tanto nun país como no outro, a xente pelexou coa táctica de guerrillas e, unha vez rematada a guerra, o rico seguiu sendo rico, o crego, crego e o pobre, pobre, guerrilleiros de sona, que aspiraban a conservar rango e condecoracións, incluídos. Pensaban tamén os campesiños rusos que, trala expulsión das aguias napoleónicas, mudaría a súa situación, mais a realidade fíxolles ver que seguían sendo servos analfabetos a quen os amos podían vender, perder xogando ás cartas ou regalar; non tiñan máis valor que as cabalarias coas que traballaban a terra allea.

A situación dos obreiros da moi incipiente industria, fomentada por inversores occidentais, era igualmente calamitosa e, en 1825, produciuse un pronunciamento revolucionario, e xa van alá neste escrito dúas verbas da lingua castelá exportadas ao resto das europeas (guerrilla, pronunciamento e, se queremos citar outra, liberalismo). Foron moitísimos os pronunciamentos, chamado “gritos” en Cuba, que tiveron lugar en España desde que os iniciou Espoz y Mina en canto regresou Fernando VII en 1814. Sufocado aquel pronunciamento dos chamados “decembristas”, os seus dirixentes, condenados a traballos forzados, pagaron a rebelión no desterro siberiano. Un deles, Odóevski, respondeu a un saúdo en verso que lles enviara o poeta Pushkin cun poema que Lenin, 75 anos despois, utilizará para encabezar o periódico clandestino Iskra (Chispa), levando como epígrafe o verso de Odóevski “Da chispa nacerá a chama”. O desterro e encarceramento en Siberia podía ser de por vida e así vemos, aínda en 1836, a Lunin, un dos “decembristas”, escribindo desde Urik, aldea próxima a Irkuts, unha sátira política contra a autocracia que chamou Cartas de Siberia. Estamos na estela do xénero epistolar das Cartas Persas, Cartas Marruecas, etc. Siberia foi o lugar inhóspito e baleiro a onde foron deportados decembristas, populistas e, xa baixo Stalin, mesmo marxistas revolucionarios.

En 1861, Rusia foi derrotada na guerra de Crimea contra os turcos e os seus aliados, e o tsar decidiu por fin abolir a servidume; mais a situación dos campesiños, dos “mujiks”, que vivían na miseria, só variou en canto á dependencia xurídica, pois as mellores terras seguiron nas mans dos “kulaks”, dos terratenentes, polo que a dependencia económica continuou e, conseguintemente, as condicións de infravida non mudaron.

Plejanov, despois dunha primeira etapa no anarquismo de Bakunin, estando exiliado en Xenebra, estudou a fondo as obras de Marx e a literatura emanada delas e organizou o primeiro grupo marxista ruso. Espallou o Manifesto Comunista, libro que comezou a se ler en certos ambientes fabrís de Rusia, iniciando alí o coñecemento das ideas de Marx, polo que é considerado “pai do marxismo ruso”. Influíu en Vladimir Uliánov, Lenin, quen, sendo, en 1893, un mozo avogado de 23 anos, chegou a San Petersburgo, onde fundou na clandestinidade a marxista “Unión de Loita pola Emancipación da Clase Obreira”. Sucedéronse folgas e encarceramentos, entre eles o do propio Lenin, que botou tres longos anos en Siberia. En 1898, celebrou o I Congreso o “Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia”, pero sería no II Congreso, en 1903, en Bruxelas e Londres, mentres Rusia ardía en folgas, cando realmente se creou este partido revolucionario marxista. Formáronse nese congreso as dúas tendencias da socialdemocracia rusa, tomando os nomes do número de membros: os partidarios de Lenin foron maioría, e dicir, bolxeviques e os seguidores de Yuli Mártov, foron, loxicamente, minoría ou, en ruso, menxeviques. No campo continuaban os gravísimos problemas, nacendo alí, da man de Chernov, o “Partido Socialista Revolucionario”, chamado “eserista” polas súas siglas SR, que baseaba a loita no terrorismo, no atentado individual.

O goberno, ante tal cantidade de problemas nas cidades e no campo, decide, para distraer, iniciar unha guerra que presupón vitoriosa contra Xapón, mais, o mesmo que aos militares arxentinos coas Malvinas, saíulle fatal, morrendo ducias de miles de homes e agravando o conflito interior. E así chegamos a 1905, cando se inicia unha enorme folga en San Petersburgo. Un pope, Gapón, para apartar os obreiros da loita política, propón unha gran manifestación pacífica, un pobo manso e bo que vaia queixarse humildemente ao seu amo, ao tsar, achegándose ao palacio cun listado de miserias e choros. Os bolxeviques tentaron freala; non o conseguiron e os soldados fixeron unha masacre a base de tiros e cargas da cabalaría cosaca contra máis de 100 000 persoas indefensas. Coñecemos ese día, 9 de xaneiro, como “Domingo Sanguento”. Multiplícanse as folgas, as barricadas e os combates nas rúas, sendo considerada esta a 1ª revolución rusa, non pasando de pronunciamento a citada de 1925. O propio Lenin diría doce anos despois: “A tempestade é o movemento das masas mesmas. O proletariado, a única clase revolucionaria ata a fin, ergueuse á fronte delas... O primeiro embate da tempestade foi en 1905”.

Nacen agora os “soviets” ou consellos de representantes dos obreiros. Os bolxeviques non vén con agrado a súa aparición, por consideralos competidores, mais, seguindo a máxima de “se non podes vencer ao inimigo, únete a el”, envían tres representantes ao da capital, San Petersburgo, o mesmo que fixeron os eseristas e os menxeviques. Trotski, o seu grande líder era, daquela, destes últimos. O tsar Nicolás II, ante as presións do soviet, acepta facer algunhas reformas, como a “Duma” ou asemblea representativa (Parlamento) saída dunhas eleccións restrinxidas, a xornada laboral de 10 horas e dereitos sindicais. Non tarda o soberano en petardear as súas propias reformas. É agora cando os mariñeiros (o malestar está espallado tamén polo exército e a mariña) se fan co acoirazado Potemkin, epopea maxistralmente levada ao cine, en 1925, por Eisenstein.

Comeza a I Guerra Mundial, na que Rusia, coa oposición dos bolxeviques, entra xunto con Francia e Reino Unido, mais o país non está preparado para ela, hai carencias de todo, sucédense as derrotas e aumenta o descontento xeral. Chegamos así a 1917. En febreiro dese ano ten lugar unha gran manifestación en Petrogrado (mudou o nome no inicio da guerra por ser demasiado xermánico o anterior). A Duma pide un cambio de goberno e a resposta foi a disolución da mesma. O 27 dese mes (12 de marzo occidental), adírense tropas ás protestas e a cidade está nas mans dos sublevados, sendo presos ministros e mandos militares; ao día seguinte dimite o goberno, formándose un comité provisional da Duma e o Soviet de Obreiros e Soldados de Petrogrado, controlado polos menxeviques e os eseristas. O 2 de marzo, Duma e Soviet forman un goberno provisional encabezado por Kérenski. Nicolás II abdica en seu irmán Mijaíl, que non acepta, sendo Rusia agora, de feito, unha república. Nese medio tempo, Lenin, que estaba novamente exiliado en Suíza, regresa coa axuda de Alemaña, coñecedora do seu interese por afastar a Rusia da guerra. O día 4 de abril, le Lenin as súas famosas “Teses de Abril” nas que defende saír da guerra, dar terras aos campesiños e o goberno aos obreiros. Estamos chegando ao  “Todo o poder para os soviets”. Entrementres continúa a Grande Guerra, contra a que fan campaña os bolxeviques, mentres se preparan para asaltar o poder; o exército está totalmente descomposto e os soviets fortalécense fronte ao goberno. Kérenski, sendo ministro do exército, lanzou, no mes de xuño, unha inútil ofensiva  en Galitzia.

En xullo, tras unha tentativa de golpe, o goberno, xa presidido por Kerenski,  persegue e detén bolxeviques, véndose obrigado o propio Lenín a fuxir a Finlandia. En setembro, o comandante en xefe do exército, Kornilov, apoiado por blindados e soldados británicos dá un golpe de estado que fracasa, porque, entre outras cousas, Lenin decide soster a Kérenski, mais dicindo: “como sostén a corda ao aforcado”. Regresa Lenin de Finlandia e propón que hai que tomar o poder polas armas, do que, como grande estratego que era, se encargará Trotski, líder, agora xa bolxevique, do soviet da capital. Na noite do 24 ao 25 de outubro, ocupan estes Petrogrado e o Palacio de Inverno con moi poucas vítimas. Kérenski foxe, son presos os ministros e Lenin ofrece o poder ao II Congreso dos Soviets de Rusia. Fórmase o novo goberno, do que o propio Lenin será presidente, e Rusia pasará a ser a “República Socialista Federativa Soviética de Rusia”. Hai que agardar a 1922 para que mude o nome e pase a chamarse “Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas” (URSS).

Triunfou a revolución. Rusia é o primeiro país no que un partido obreiro chega ao poder, e Lenin cumpre as súas promesas, entre outras: abolición da propiedade privada das terras, prohibición de discriminación por razóns de nacionalidade ou relixión, xornada laboral de oito horas, dereito de autodeterminación dos pobos e remate da guerra. En marzo de 1918, asina a paz de Brest-Litovsk con Alemaña. Todo isto era demasiado para as forzas internas reaccionarias e para os ata agora aliados fronte aos imperios centrais, que ven como os intereses industriais dos seus países en Rusia son expropiados, sen indemnizacións. Vén de nacer a Rusia soviética e xa está metida nunha guerra civil (1918-1920) contra os rusos brancos e os seus aliados. O francés Clemenceau pretende controlar Ucraína e os seus minerais, mentres que o británico Churchill tenta o mesmo co Cáucaso e o seu petróleo, os xaponeses penetran por oriente, o mesmo que os estadounidenses, e así ata dez exércitos estranxeiros. Os bolxeviques, totalmente sos e baixo a dirección militar de Trotski, gañaron a todos, recuperando Ucraína, o Cáucaso e Asia Central, a costa, iso si, dun millón de mortos e de moita fame, pasando a seren vistos como os reais defensores da terra rusa.

Ignoramos como tería sido o mundo sen a Revolución Rusa; pero si sabemos como se comporta o capitalismo salvaxe trala desaparición da URSS. No totum revolutum actual, no que o vocabulario político perdeu significado, escoitamos continuamente dicir frases como que “sen estado de dereito e lei non hai democracia” (M. Rajoy), cando retorcer o argumento ten a mesma forza: sen democracia non hai estado de dereito nin lei; os nacionalismos son egoístas, racistas, imperialistas e xenófobos, o cal encaixa moi ben coa Alemaña hitleriana e a Italia de Mussolini, mais nada ten a ver cos pobos oprimidos que procuran o seu autogoberno. E cando falan de totalitarismo, novamente se engloba comunismo, nazismo e fascismo, sen deterse a pensar que o primeiro ten unha orixe e un desenvolvemento totalmente distinto dos segundos, xa que naceu como loita de clases para liberar os oprimidos, mentres que os outros xurdiron para se expandir, ocupar territorios e oprimir e eliminar as minorías, e tampouco o gulag eran os campos de exterminio nazis, etc. Aos que din que na Rusia soviética non se respectaban os dereitos humanos, remítolles á resposta do teólogo da liberación e escritor Carlos Alberto Libânio Christo, máis coñecido como Frei Betto, cando foi preguntado, en 2003, se en Cuba se violaban os dereitos humanos. Respondeu: “Cando falamos de dereitos humanos, nós estamos a falar do dereito á alimentación, á saúde, á educación... Desde este punto de vista, ningún país de América Latina asegura tantos dereitos ao conxunto da súa poboación como Cuba”.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña