07:35 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-12-2017

Tradicións novas instaladas con esa intelixencia comercial que aniquila como en Palestina o territorio

Por un nadal galego

Valorar (7)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



Por estes pagos onde impera un rancio catolicismo comeza tamén outro Advento do ciclo B, calendario para marcar o fin e inicio de ano. O almanaque indica eses días de festa de agardadas vacacións, temidas comidas familiares e horrorosas estancias comerciais. Sempre foi así?

A verdade deste feito anual éche distinta a través da nosa xeografía galega e non ten moito que ver co de máis alá do Padornelo, aínda dentro das pautas impostas por un occidentalismo non sempre admirado. Pola banda de Laíño o último arrecendo a bagazo quente saído da pota dos cañeiros anunciaba hai menos de medio século o inverno. Na baixa da lúa matábase o porco do ano que daba choio nas casas para unha semana ou máis cos preparativos do baño para salgalo, os pucheiros listos para os rexóns, as filloas con pasas, o lavado e logo enchido dos chourizos para tendelos na gramalleira a afumalos,...toda a aldea parecía carpir baixo un cheiro a caña branca, ou de herbas, ata máis arriba da liña encarnada das pequenas copas que emborrachaban aos imberbes mozos por aguantar todos os porcos de casa en casa.

Baixábase enriba da estradura un pino para adornalo desde primeiros de decembro. Mercábase un marisco e outras viandas caras quen podía, para os días de festa. Bacallau con coliflor, castañas cocidas con anises, un bo galo da casa ou cordeiro eran pratos que recordo canda as noces, abelás, turrón, uvas e algunha cesta se traballabas nunha gran empresa. Estes presentes para certas familias, algunhas con patriarcas emigrados que volvían á súa terra a tempo para cargar de regalos aos pequenos no seu día, reis. A papar e papar como se fora a derradeira noite!! Fóra das mesas estaban as árbores engalanadas, algún Belén, a lotaría e os tímidos cantos de nadal podían vir dunha rapazada polas portas ou das insulsas misas.

Pero é a música popular e culta quen máis viste se cadra esta época. Desde os 70 -con anos de tradición esquecidos- agroman cantos recuperados por un colectivo que marcou un antes e un despois. Eses cantos de nadal, cantos de reis, panxoliñas, aninovos entre outros, deberían ser de obrigado estudo para estaren recoñecidos como é debido. Os aires de pandeirada, muiñeira, foliada, rapsodia, alborada e que sei eu! dan idea doutra nosa riqueza neste caso musical. O pioneiro Fuxan os Ventos escribiu en pentagramas a alma do pobo galego esquecido tamén no Nadal. Abriu un camiño que seguiron logo outros. Sen darmas de entendido, vese unha realidade musical única neste pobo que non lle envexa nada a outros. Así, baixo o prisma galego Galiza cántalle ao Neno con Ímonos xa pra aldea, Vinde galeguiños vinde, Con un sombreiro de palla, Ai! no portal de Belén tiña que haber un galego,...son máis que títulos, son reivindicacións dunha terra para un inverno vivo, alegre, antes mesmo que o feito relixioso.

E que dicir das Letras Galegas? Alguén pensa que a literatura galega é allea? Contos, cantos, escritoras e unha chea de demostracións ignoradas que alegrarían o Belén desde o medievo ata a actualidade!

Desde que as bonecas Famosa se dirixen ó Portal non paran de chover ofertas de xogueterías, colonias, complementos, roupa, vehículos e as novas tecnoloxías atopan acubillo nos sacos de Papá Noel, Santa Klaus e os velliños Reis Magos que ouviran falar das tarxetas de crédito cando estas tornan obsoletas cos pagos móbiles que fan de revólveres nos petos de verdadeiros Apalpadores.

Cambiamos as felicitacións en papel pensando en aforrar eucaliptos e enchémonos de chistes dixitais grazas ás compañías eléctricas; compañías que acompañan en vilas e cidades ao alumeado con compases de enlatadas melodías. Tradicións novas instaladas con esa intelixencia comercial que aniquila como en Palestina o territorio.

E máis poderiamos dicir sen vermos diferenzas entre Galiza e a outra punta do planeta. Os magostos, seráns e concertos fan o introito desde o rural ao urbano contemplando e actualizando os tempos pasados. Pontevedra, por citar só un caso, expón un modelo de vida de exemplo para o mundo tamén nesta época. Libros para o Nadal desde centros públicos e bibliotecas. Música galega. Produtos galegos nas mesas exhortacións de centros comerciais abertos. Compras solidarias todo o ano fan un Nadal máis sostible. Temos que esixirnos ver o mundo desde Galiza conxugando o terrón con turrón, así é como nos podemos proxectar mellor e avanzar esconxurando como escribía Faustino Rey Romero no 1952 a “ Eses desleigados que queren matala [a Galiza]/ profanan a gaita, desprecian a fala.../ Por eso a prol dela nosos rogos van/ pra que non a deixe Deus da súa man.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal