07:38 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-12-2017

Continuaremos agora co resto da descendencia do militar

Un militar liberal e Galicia: Cándido Pieltain Jove-Huergo (II): os seus descendentes

Valorar (3)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



Finalizábamos a primera parte desta investigación coa semblanza da traxectoria dunha das fillas do xeneral Cándido Pieltain, Fermina, casada co científico Ignacio Bolívar Urrutia e falecida no exilio en México. Continuaremos agora co resto da descendencia do militar.

José María Pieltain Bartolí, o primoxénito, nace probablemente en Rutis o 29 de xuño de 1861. (Padrón A Coruña 1871). Asistiu ao Colexio Preparatorio e de Carreiras Especiais: nos exames de xuño de 1874 levou algúns premios. (El Ejemplo, 12-7-1874).

Segundo documentación tomada de PARES, foi alumno da Facultade de Dereito da Universidade Central. Licenciado en Civil e Canónico. A documentación vai entre 1877-1885. Tamén estudou na Facultade de Filosofía e Letras da mesma universidade, na que se doutoraría coa tese Exposición histórica del teatro de Tirso de Molina. (A documentación vai entre 1877-1883). Sendo estudante de Dereito, formou parte dunha comisión da súa facultade que se entrevistaría coas demáis facultades da Universidade co obxecto de tratar do centenario de Calderón de la Barca. (El Liberal, 9-4-1881).

Casará con Dolores Eugenia Fernández-Granas Fano, que falecerá o 24-8-1884 nos “molinos de la Barcala”, aos 19 anos. Faríanselle honras fúnebres o día 26 na parroquia de Santiago do Burgo (Culleredo) –á que pertencían ela e a súa familia-, trasladándose o seu cadáver á Coruña. (La Voz de Galicia, 26-8-1884). Tiveron un fillo, José María, que morrena casa de Alcalá, nº 65, de Madrid, o 1-4-1885, aos 9 meses, sendo enterrado no cemiterio da Sacramental de San Lorenzo. (La Correspondencia de España, 2-4-1885).

Avogado, foi membro, dende 1886, da “Sociedade Española de Historia Natural”. (Boletín de la Sociedad Española de Historia Natural, Madrid, 1902; vivía neste momento en Moreto, nº 1- 1º, Madrid). Tamén foi socio do Ateneo de Madrid dende o mesmo ano, co nº 5.120; vivía en Alcalá, nº 65. (Ateneo científico, literario y artístico de Madrid. Lista de señores socios. Noviembre de 1886, Madrid, 1886, páx. 118).

Afeccionado á literatura, publica “A una bella (soneto) (Revista de Galicia, 25-7-1880), aparece nunha lista de patrocinadores de La Ilustración Gallega y Asturiana en Madrid. (La Ilustración Gallega y Asturiana, 28-12-1880) e colabora en El Buscapié, de Lugo. (La Ilustración Gallega y Asturiana, 8-10-1881). Coñecemos tamén un retrato del, a corpo enteiro, co seguinte texto: “ESCRITORES.- José María Pieltain. En la infancia de la vida-el estudio es su afición.- Pieltain honra á nuestro suelo-y es un notable escritor”. (El Domingo, 4-9-1881).

Aparece como suplente nun tribunal a cátedras de retórica e poética, vacantes nos Institutos de Palencia e Tapia. (El Día, 9-12-1888).

Faleceu na súa casa-quinta no nº 107 da Vila de Rutis (Culleredo), o 20-11-1902, aos 41 anos. Nalgunha esquela menciónase que formaba parte do claustro da Universidade Central, que era cabaleiro do Santo Sepulcro é estaba condecorado coa Cruz de Carlos III; tamén, -é un erro- que era doutor en Dereito, ademais de en Filosofía e Letras. Aínda que morreu en Rutis, o seu cadáver foi conducido dende outra casa familiar na Praza de Mina, na Coruña, ao cemiterio da cidade. (El Noroeste, A Coruña, 22-11-1902; La Correspondencia Gallega, 24-11-1902). Uns meses despois da súa morte, os seus irmáns Luis, Fermina, Antonio, Antonia e Cándido promoven, no xulgado de primeira instancia do distrito do Hospital (Madrid), un chamamento a outros posibles herdeiros. A citación é de 1-6-1903. (Boletín Oficial de la Provincia de Madrid, n.º 133, 4-6-1903).

Luis Enrique Fermín Carmelo Ricardo Antonio Pieltain Bartolí nace na Coruña, no Cantón Pequeno nº 10, o 15-7-1863 (partida nº 472). Pouco sabemos da súa infancia e mocidade, agás a reseña da súa participación (con algúns irmáns) nunha festa hípica nas festas da Coruña. (Galicia Moderna, 11-9-1887). Casaría con Argimira Manso Cuenca (noticia do inmediato enlace en La Correspondencia de España, 2-10-1889), filla de José Manso González, que fora administrador de Rendas (documentación de 1836-1858), administrador depositario da Facenda Pública do partido de Tui (documentación de 1836-1858), director do Tesouro (nos anos 70 do XIX) e deputado a Cortes polo distrito de Riaza (Segovia), en abril de 1872 (www.congreso.es), e de María del Socorro Cuenca Díaz de Rábago, de Tui (falecida o 6-6-1904), filla do senador e deputado varias lexislaturas (nacido na Coruña o 5-9-1800), Lorenzo de Cuenca de San Juan, con moitísimas propiedades en todo o sur de Pontevedra (www.congreso.es e www.senado.es). Un irmán de Socorro, Evaristo, foi maxistrado do Tribunal Supremo, e outro, Pedro, militar, deputado pola Caniza unha lexislatura. (www.congreso.es; Xosé R. Barreiro Fernández (coord.): Parlamentarios de Galicia. Biografías de deputados e senadores (1810-2001), Santiago, 2001, páxs. 191-193). Irmáns de Argimira foron Eladio, Manuel e outro que morreu, mozo, en 1878.

A parella tivo, que saibamos, os seguintes fillos: José María (médico militar), Luis (dedicado á xudicatura e xornalista) e Enrique.

Poucas noticias temos del: a renuncia á Cruz de Isabel la Católica coa que fora agraciado, dicindo que a súa cooperación no recibimiento aos reis na Coruña “no hizo más que cumplir con su deber de leal y consecuente monárquico” (El Regional, 30-12-1900); que cos seus irmáns Antonio e Cándido fora autorizado para poder conducir un automóbil do que eran propietarios (El Noroeste, 27-8-1902), e outras noticias relacionadas co automovilismo: dende multas por circular a gran velocidade pola rúa Real (El Noroeste, 30-7-1903), realizar unha viaxe a París percorrendo toda a costa do Cantábrico e atravesando Francia, co posterior regreso -e acompañado, noutro veículo similar, polo seu chófer, coa equipaxe e repostos- (Gaceta de Galicia, 30-9-1903), ou unha viaxe Madrid-Coruña en 14 horas. (El Norte de Galicia, 14-7-1904). Afeccionado á pintura, coñecemos unha reseña pouco favorable dun cadro seu nunha exposición no Pazo de Belas Artes de Madrid. (Gedeón, nº 860, 19-5-1912, p.5), cidade na que morre o 25-11-1913; vivía en Martínez Campos, nº 7.(La Correspondencia de España, 27 e 28-11-1913).

Herminia María Rosario Pieltain Bartolí nace o 6-10-1864 na Coruña, no Cantón Pequeno nº 10 (partida 993) e falece en Madrid o 26-12-1880; tiña 16 anos, e vivía en Alcalá, 65. Foi enterrada no cemitero do Sur. (La Correspondencia de España, 27-12-1880).

Antonia María de la Luz Pieltain Bartolí nace na Coruña o 17-8-1868 na rúa Acevedo [Real] (partida nº 368). Casou o 6-12-1890, en Madrid, no oratorio da casa familiar (na rúa Moreto) con Juan Martín de Oliva (futuro marqués de Oliva). Á súa voda asistiron, entre outras, mozas das familias Simarro, Gasset, Pieltain… (El Imparcial, 7-12-1890; La Época, 7-12-1890). O seu esposo, xa marqués de Oliva, faleceu en Madrid o 22-5-1908; non tiñan fillos. (La Época, 29-5-1908).

Antonia casará de novo, o 26-4-1913, con José Sánchez Anido, deputado a Cortes pola Coruña e 2º tenente de alcalde do Concello de Madrid. El era irmán de Juan Sánchez Anido, gobernador civil de Barcelona (tamén sería alcalde da Coruña e tería casa en Rutis). Foron testemuñas da voda os seus irmáns Luis, Cándido e Antonio, e Ignacio Bolívar Urrutia (o seu cuñado, casado con Fermina); e polo esposo, Montero Ríos (presidente do Senado), o ex ministro, Marqués de Alhucemas. Padriños da voda foron Juan Sánchez Anido e Fermina Pieltain de Bolívar. (El Globo, 26-4-1913).

Xa viúva, o papa Pío X, o 8-4-1913, concedeulle o vizcondado de San Antonio, título nobiliario pontificio de carácter persoal, que se extinguiu coa súa morte. O seu uso foi autorizado polo rei Alfonso XIII o 18-7-1913. Falece o 2-3-1945. Non se invitou ao enterro. (ABC, 6-3-1945).

Enrique Pieltain Bartolí falece en Madrid o 2-7-1884, aos 11 anos, celebrándose funerais nos Jerónimos. (La Correspondencia de España, 9-7-1884). Tería nacido, logo, entre mediados 1872-1873, un pouco ante da marcha do seu pai a Cuba).

Antonio Pieltain Bartolí naceu en Madrid, entre 1871-1872. Por información de PARES, obtivo o título de bacharel no Instituto de San Isidro (data formación: 17-3-1896/16-4-1896). Foi tamén alumno da Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid. (Data de formación do expediente, 1895-1898).

Xunto cos seus irmáns Luis e Cándido, foi autorizado para poder conducir un automóbil do que eran propietarios. (El Noroeste, 27-8-1902). Poucas noticias máis temos del: que saiu de veraneo para a Coruña (La Correspondencia de España, 7-8-1904), ou que estaba nesa cidade, cualificándoo de “distinguido sport men“. (El Noroeste, 1-11-1908).

Cándido Luis Pieltain Bartolí nace na Coruña, na rúa Acevedo nº 100, o 8-3-1870 (partida nº 114). No expediente para a expedición do seu título de bacharel (maio de 1889) indícase que fora alumno do Instituto de Guadalaxara. Foi alumno da Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid. (Data do expediente: 1888-1890).

Reside en Culleredo cando envía unha carta ao director de La Voz de Galicia, datada na Vila de Rutis o 5-9-1891, na que lle di que vira o seu apelido coma un dos que portaran os cordóns “del féretro de mi difunto amigo D. Federico Tapia Segade”, o que era inexacto, mais “haciendo constar al mismo tiempo, que si asistí a dicho acto fué únicamente como amigo particular del finado y formando parte del duelo”. [Fora o enterro civil de Federico Tapia Segade, alcalde republicano e masòn da Coruña; houbera moitos problemas como consecuencia da actitude do gobernador civil e do arcebispo de Santiago]. (La Voz de Galicia, 6-9-1891). De todos xeitos, non foi o único medio que o sinala como portador dos cordóns. (Gaceta de Galicia, 5-9-1891).

Nunha rectificación do padrón de 1894 vemos que trasladara a súa residencia á Coruña, morando na rúa Sánchez Bregua, n.º 6, 1º. Estaba casado con Isabel García Noriega, nacida o 16-1-1870 en Santiago de Pión (Villaviciosa, Oviedo). No Padrón de 1899 seguen residindo no mesmo lugar. Isabel falece o 17-12-1905; a parella non tivera fillos. (El Noroeste, 19-12-1905; La Correspondencia de España, 17-12-1907).


Cándido será vogal, e máis tarde secretario, da Xunta Directiva do club ciclista fundado na Coruña (El Deporte Velocípedo, 29-1-1896, 20-5-1896 e 23-12-1896).

Cos seus irmáns Antonio e Luís, foi autorizado para poder conducir un automóbil do que eran propietarios. (El Noroeste, 27-8-1902). Relacionado con este ámbito, Cándido formou parte dunha comisión técnica do “Nuevo Club”, que ía organizar unha carreira de coches. (El Norte de Galicia, 20-3-1906). Foi tamén presidente da nova xunta directiva da Sociedade “Venatoria”. (Gaceta de Galicia, 25-10-1911). Tamén, nunha xuntanza celebrada no “Sporting Club” da Coruña para crear unha sociedade hípica, noméase unha xunta directiva da mesma, na que aparece como vogal. (El Eco de Galicia, 28-11-1911). E é elixido vogal da xunta directiva do “Sporting Club” para 1913. (El Noroeste, 8 e 9-12-1912; Diario de Galicia, 11-12-1912).

Outras noticias fálannos de diversas viaxes, como a Madrid (El Noroeste, 23-11-1903); regreso á Coruña, procedente de Madrid, no seu coche Dión, cualificándoo de “distinguido automovilista” (El Noroeste, 28-2-1905); regreso á Coruña logo dunha viaxe por San Sebastián, Bilbao e Biarritz, con Gaspar Barreras (El Noroeste, 29-8-1908); regreso de San Sebastián (El Noroeste, 30-7-1909); viaxe a Ourense (El Noroeste, 15 e 22-6-1910)) ou regreso de Pontevedra (El Noroeste, 31-8-1911).

Non podemos agora estendernos noutro labor de grande importancia desenvolvido por Cándido, como foi o da presidencia da Comisión Provincial da Cruz Vermella coruñesa, que exerceu durante varios anos, dende que esta se restaura, -logo de anos esmorecida-, a finais de 1896, e no que a entidade fixo un importante esforzo á hora de prestar asistencia aos soldados que regresaban da guerra de Cuba, moitos deles en penosas condicións de saúde. Anos despois, en 1909, encabeza o persoal (médicos, practicantes, enfermeiros, etc.) dunha ambulancia que prestará os seus servizos en Melilla, en plena guerra do Rif. A filantrópica institución fundada por Henri Dunant concederalle as súas máis importantes distincións. (Manuel Rodríguez Maneiro: Historia de la Cruz Roja de la Coruña y su provincia, A Coruña, 1996; Alfonso García López: Cruz Roja y Galicia unidas por la historia, 1864-1900, A Coruña, 2014)

(Prensa consultada: A Coruña: El Ejemplo, La Voz de Galicia, Revista de Galicia, El Domingo, El Noroeste, El Eco de Galicia; Santiago: Gaceta de Galicia e Diario de Galicia; Lugo: El Regional e El Norte de Galicia; Pontevedra: La Correspondencia Gallega; A Habana, Galicia Moderna; Madrid: El Liberal, La Correspondencia de España, La Ilustración Gallega y Asturiana, El Día, Gedeón, El Imparcial, La Época, El Globo, ABC e El Deporte Velocípedo).  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal