07:37 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-12-2017

Hai 39 anos non se someteu a referendo a forma do Estado, que xa fora decidida en plena ditadura

Todo atado, y bien atado

Valorar (8)

EDUARDO ÁLVAREZ



O próximo día 6 cumpriranse 39 anos da celebración do referendo da Constitución española. Con este motivo, unha vez máis, sucederanse actos públicos e declaracións laudatorias proclamando que esta norma constitúe o paradigma da democracia. E, ¡ai de quen ouse soster o contrario! Lembro que hai tempo asistín entre o público a un debate que se celebrou na Facultade de Dereito da Universidade de A Coruña e comprobei como reaccionou iradamente un profesor do claustro desa institución cando o notario de Lalín don Victorino Gutiérrez Aller, que participaba como relator, afirmou que a Constitución nalgúns aspectos, entre eles no recoñecemento xurídico das linguas cooficiais, non era democrática. Retrucoulle aquel honorable profesor universitario que non entendía como un xurista eminente como o señor Gutiérrez Aller fose quen de soster tamaño xuízo.

Hoxe quero mostrar que esta Constitución supón a prolongación do anterior réxime en cuestións fundamentais como a forma do Estado, a súa configuración territorial e a propia consideración de texto intanxíbel de feito nestes dous temas.

No ano 1947, o xeneral Franco somete a referendo a Lei de Sucesión na Xefatura do Estado, segundo a cal o propio Ditador sería o encargado de escoller o seu sucesor a título de rei. Deste xeito, España ficaba convertida en reino despois dunha paréntese que se abrira en 1931. Posteriormente, en xullo de 1969 o mesmo Ditador designa a Juan Carlos de Borbón como futuro Xefe do Estado, xefatura que este asume o día 22 de novembro de 1975 en que foi proclamado rei polas mesmas cortes franquistas. Estes son os feitos que todos coñecemos. A actual monarquía española non foi instaurada pola Constitución de 1978 senón por decisión franquista. O propio Ditador era moi consciente disto cando, en decembro do mesmo 1969, con ocasión do seu discurso televisado de fin de ano, afirmou que todo quedou atado, e ben atado, coa miña proposta e a aprobación polas Cortes da designación como sucesor a título de Rei do Príncipe Don Juan Carlos de Borbón”.

Hai 39 anos non se someteu a referendo a forma do Estado, que xa fora decidida en plena ditadura. Se esta constitución non fose aprobada daquela, o réxime monárquico seguiría en vigor tal e como sucedía desde antes, xa for como monarquía ditatorial, constitucional ou parlamentaria. Ademais, neste mesmo sentido, a actual constitución mantén formalmente trazos doutrinarios como acontecía nalgunhas do século XIX. Refírome a que na elaboración da mesma seguiuse o principio da soberanía compartida entre o Rei e o Parlamento. ¿Como hai que explicar se non que o propio monarca designase directamente o 20 por cento dos senadores que participaron nos debates e votaron o texto constitucional?

¿E que dicir da configuración territorial do Estado? Desde que, en 1985, o relator da Constitución Solé Tura o desvelase no libro Nacionalidades y nacionalismos en España, sabemos de fonte directa o que todos recoñeciamos: a redacción do artigo 2 foi imposta polo poder militar coa orde de que non se podía variar nin unha coma, porque aquel era o texto literal do compromiso alcanzado cos “sectores consultados”. E este é o resultado do artigo: A Constitución fundaméntase na indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois… Como vimos que sucede coa monarquía, aquí a indisolúbel unidade da única Nación-Estado fundamenta a Constitución e non ao revés. Isto é, a unidade da Nación antecede á Constitución e sérvelle de fundamento xurídico. Mutatis mutandis, a redacción deste artigo constitucional pouco difire do proclamado na Lei de principios del Movimiento Nacional de 1958: La unidad entre los hombres y las tierras de España es intangible. La integridad de la Patria y su independencia son exigencias supremas de la comunidad nacional… E este intanxíbel principio da sagrada unidade de España –antes roja que rota- serviu de fundamento e de nexo da actual Constitución como proclama o seu artigo 2. Corroboran esta continuidade as palabras de Juan Carlos de Borbón pronunciadas tamén para a televisión, como aqueloutras de Franco, no documental coproducido e censurado por TVE e emitido pola francesa TF3: Un día antes de morrer, Franco colleume a man e díxome: “Alteza, a única cousa que vos pido é que preservedes a unidade de España”. E iso, se un o pensa, significa moitas cousas. Non me dixo fai isto, non fagas o outro; non, a unidade de España, iso é todo. O demais

Este artigo 2 bebe directamente tamén do doutrinarismo conservador do século XIX e do concepto canovista de constitución interna. Para esta concepción, lonxe do pactismo roussoniano liberal, pártese dun elemento previo inamovíbel, que se fundamenta na tradición e na historia manipuladas como elementos que marcan os límites e o contido de calquera constitución escrita que democraticamente os votantes quixesen concordar. Esta mesma concepción enlaza co principio falanxista da unidad de destino en lo universal e co do “quehacer común” orteguiano.

Por isto, no relacionado coa unidade territorial do Estado e coa súa forma de réxime político, esta Constitución é pétrea. É certo que procesualmente o seu artigo 168 permitiría unha reforma, mais todos os requisitos que esixe e os vetos que permite converten esta opción en irrealizábel e o texto en intanxíbel de facto. Así o recoñece actualmente Santiago Muñoz Machado, un dos xuristas con maior peso ideolóxico entre os políticos coincidentes na aplicación do artigo 155 a Cataluña, cando afirma que unha reforma da Constitución é unha decisión que se fai no marco da propia Constitución. É dicir, que o poder de reforma ten como límites a Constitución mesma, cuxa esencia non pode alterar. E unha reforma que consiste en facer posible un referendo polo cal se lle permite a un territorio que decida sobre o seu futuro e que se poida independizar afectaría ás esencias da Constitución, polo que non se pode facer. A conclusión é que non se pode celebrar un referendo de independencia. A Constitución non pode poñer as bases da súa propia destrución.

Por iso, o que hai un mes e medio, en pleno fragor do procés, era un acordo de reforma constitucional pactado entre PP e PSOE, agora xa se transformou nunha Comisión de estudo para modernizar o Estado autonómico, que, aventuro eu, servirá para apertar unha vez máis o cinto da centralización.

¿Como as elites políticas, económicas e sociais, que realizaron reformas constitucionais polo procedemento de urxencia e lectura única e sen debate público para favoreceren os seus intereses, van permitir que as masas se pronuncien sobre a monarquía ou a sagrada unidade de España?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal