19:32 Martes, 20 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-12-2017

Se o Estado fose aula, Feixoo sería ese alumno que non quere moverse nin dicir palabra a non ser por iniciativa da mestra ou o mestre

O sabichón da clase

Valorar (16)

MARICA CAMPO



Se o Estado fose aula, Feixoo sería ese alumno que non quere moverse nin dicir palabra a non ser por iniciativa da mestra ou o mestre. Non é que estea máis interesado por aprender que outros escolares, senón que o que desexa é non amolar a quen considera o seu amo e así recibir loanzas sempre e nunca chamadas á orde. E, se se terza, quedar a cargo da clase  cando se ausente o/a docente.

Porque a orde vai con este tipo de persoas e fana equivaler a un rabaño de ovellas do que ningunha se escabarda. Mais sucede que as persoas que soñamos cun país non subordinado, autónomo no sentido etimolóxico da palabra (en grego significaba “quen se rexe polas propias normas” ou “o gando que pace en liberdade”), somos esas ovellas que se afastan do fatado. A esas díscolas, en última instancia,  só as pode agardar o lobo.

Por se non nos tivesen avisado do lobo, a imposibilidade de sobrevivirmos fóra do paraugas universal do Estado, tan fantástico como o que ideara o ourensán don Juan María de la Coba Gómez, agora branden a espada do 155 e todos os acontecementos ligados ao procés catalán, máis que nada, para seguir lanzando anatemas sobre o nacionalismo que aquí, por desgraza para Galiza, aínda non goza da saúde que merece. Mais, ben se sabe que para fortalecer os puños hai que zoupar fortemente no saco de boxeo e o saco de boxeo somos nós.

Non é que nos consideremos vítimas; porén, é evidente que os vitimarios existen, que teñen nome e apelidos e, daquela, a conclusión é unha evidencia.

Non somos uns ninguén, pero é eficaz inculcarnos moral de indixentes, de paxariños co peteiro aberto, incapaces de voar sos,  a agardar pola cigallada que lles levan ao niño. Así nos queren para que o xerarca que apenas muda o xesto e mantén intocábel o discurso siga no seu imperio de inanidade.

A inanidade de quen carece de ideas e despreza as dos outros, ora porque non cadran cos seus intereses, ora porque non son propias; talvez por non molestar a Mariano.

Secasí, hai quen ten un verdadeiro proxecto de país. No Forum Europa de Nova Economía, nun alentador discurso, Ana Pontón referiuse a boa parte deste proxecto baseado, tras a  detección dos grandes problemas, na conciencia das propias posibilidades.

Mágoa que a súa mensaxe se silencie e, pola contra, os medios de todo tipo fervan con proclamas reforzadoras do imperialismo do Estado. Terán máis difusións os chistes que ridiculizan a Cataluña e aos cataláns, mesmo  marcadamente racistas, que se multiplican en progresión xeométrica por WhatsApp.

Son tempos, xa que logo, do boca a boca. A pauliña decretada sobre o nacionalismo non nos pode transformar en penitentes, a deitar cinsa sobre as nosas cabezas e camiñar coa ollada baixa, implorando perdón. Son tempos de desenmascarar tantas falacias que se converten nas paradoxalmente chamadas verdades falsas ou posverdades. Temos que proclamar que o nacionalismo en ningún caso é insolidariedade, que aprendemos a amar o alleo amando o propio.
E perdoen se o meu ton lles soa ao dunha telepredicadora. Como dixera Roland Barthes, querer queima.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña