07:36 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-11-2017

Sermos Galiza vén de anunciar que para o ano 2019 terá xornal diario en papel

Diario –en papel– de intereses galegos

Valorar (17)

IRIA FIGUEROA TORRES



Após cinco anos da aparición do dixital de Sermos Galiza e mais do semanario en papel, o Consello de Administración do xornal anunciou o pasado venres que están xa a traballar na saída dunha edición diaria en papel para o ano 2019.

A valente aposta de Sermos por seguir a fortalecer un proxecto comunicativo galego e en galego supón unha nova de grandísimo calado para o noso idioma, desaparecido e desterrado dos quioscos. O simple feito de que volvamos contar cunha opción en galego entre a prensa diaria, alternativa que moitas galegas poden procurar sen que nin sequera se lles oferte, supón un avance fundamental para a normalización da lingua.

O obxectivo é ambicioso e as dificultades numerosas, pero a ampliación do proxecto que encarna Sermos Galiza non é só beneficioso para o idioma, senón necesario para o país. Malia partir con múltiples desvantaxes, Sermos deu desde o 2012 importantes pasos para a súa consolidación e cada vez maior inserción entre usuarias dixitais que procuraban unha alternativa informativa, en moitos casos pola cuestión do idioma. Son aínda moitas as barreiras que ten de salvar e inmenso o público potencial que ten por achegar, mais é innegábel o recoñecemento da “marca” dentro do panorama dixital de medios galegos e entre cada vez máis lectoras.

Porén, sería un erro ficarmos unicamente na boa nova que representa para o idioma sen deitarmos o foco tamén na relevancia que ten para o xornalismo. Sermos Galiza, diario de intereses galegos: precisamente porque coloca a base social do país no eixo do seu proxecto. Un proxecto, ademais, caracterizado pola profesionalidade, a investigación e o rigor –que xa é moito dicir no panorama mediático actual–; con reportaxes elaboradas de grande interese sobre cuestións tanto nacionais como internacionais, con colaboracións e achegas de múltiples voces do xornalismo e da cultura galegas, cunha liña editorial en clave de país.

O reto está en ampliar a base, en medrar en pluralidade e por suposto, en achegar e afianzar novas lectoras, sexa ou non a través do diario en papel. O propósito non pode perderse de vista: acadar referencialidade no conxunto do país ofrecendo información e análise de calidade, centradas na realidade do pobo galego. As primeiras pedras para acadalo xa están postas.

[30-11-2017 14:58] Manuel Rodriguez Pintos comentou:

eu tenho unha pensión pequena ,pero estou disposto a ampliar o capital.

[30-11-2017 08:54] Pedro comentou:

Com todos os meus respeitos, lançar um diário em papel é um erro maiúsculo. Acho que a tendência em geral do jornalismo passa por potenciar os meios digitais e editar só em papel no fim-de-semana.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal