07:33 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-11-2017

Agora máis ca nunca fica claro que o único xeito de rachar co réxime é acardarmos a independencia e a soberanía

Ser moza e querer vivir no rural: Misión imposíbel

Valorar (18)

INMA ALONSO RODRÍGUEZ



Na actualidade, as mozas e mozos galegos en situación de desemprego suman xa o 50% do total. Desde que o PP está a cabeza do goberno da Xunta as cifras de paro e emigración xuvenil aumentaron de xeito significativo. Xa son máis de 100.000 persoas de menos de 35 anos as que se viron abocadas a marchar de Galiza para traballar, unhas 70 mozas cada día hoxe por hoxe. Se a situación actual da mocidade deste país é xa absolutamente desesperanzadora, os atrancos son aínda maiores cando falamos de mocidade do rural galego.

O abandono do rural non é casual, trátase da materialización do que deixa para nós o modelo político da Europa neoliberal que aposta polo desmantelamento dos sectores produtivos galegos para seren cedidos ao gran capital. Ao desposuír ás mozas e mozos do rural do seu medio de subsistencia e eliminar calquera posibilidade de prosperar e sobrevivir na terra condenan o rural ao despoboamento e a mocidade á precariedade e á emigración. Esta cuestión vese reflectida moi claramente nas enormes trabas que teñen que superar as mozas con vontade de continuar a traballar no sector agrogandeiro á hora de poñer a producir terreos sen ningunha garantía de poder traballalos durante o tempo suficiente como para que sexa rendíbel. Isto, por suposto, se teñen a sorte de acceder a eses terreos, pois a nefasta xestión da Xunta obstaculiza a cesión de espazos que deberan estar producindo. Unha enorme porcentaxe do terreo agrícola está totalmente abandonado e o mesmo sucede, por exemplo coas gandeiras da montaña ourensá, que continúan a vivir afogadas polas perdas derivadas da seca e dos lumes que asolagaron o País nos últimos meses. A destrución e o non aproveitamento das nosas infraestruturas e a falta de capacidade de decisión sobre as políticas de emprego, o apagamento dos dereitos laborais e a persecución da acción sindical, entre outras, tradúcense nunha total falta de oportunidades de acceso a un emprego digno que nos permita á mocidade vivir na terra. Algo semellante pasa coa vivenda, pois os recortes en orzamentos en materia de políticas de acceso á vivenda dificulta a nosa emancipación. Mentres tanto, aldeas enteiras deshabitadas fican á espera do aproveitamento das grandes promotoras.

Mais non é necesario agardarmos a entrar en idade laboral. Desde a máis tenra infancia, as mozas rurais sufrimos as consecuencias do desmantelamento do noso medio de vida. Os colexios pechan e a oferta educativa é reducida e de difícil acceso. Moitas das mozas en idade escolar teñen que acudir a institutos que están de todo menos próximos ao seu núcleo de poboación. Se sumamos isto ao importante déficit que sofre o noso País en materia de mobilidade, atopámonos con casos como o das mozas da Gudiña que cursaban o bacharelato en Viana do Bolo, que até non hai moito tiñan que barallar a posibilidade de desprazárense ate Ourense para continuar os seus estudos por non existir unha liña de transporte compatíbel cos horarios lectivos. Coa aplicación da lei franquista que é a LOMCE, e a progresiva privatización do noso ensino para nutrir a fame das grandes empresas privadas, a cousa non pinta moito mellor para as estudantes galegas.

Os obstáculos non rematan aquí. Cando saímos dos centros de ensino ou dos nosos precarios postos de traballo, atopámonos con unha outra barreira: a falta de alternativas de lecer na nosa contorna. A Xunta carece de ningún tipo de políticas de lecer e voluntariado para a mocidade e isto agrávase, unha vez máis, se falamos do rural. O PP négase a recuperar o Noitebús, eliminando así a única e efémera opción que tivemos de contar cun servizo de transporte público para saír de festa e volver ás nosas casas de forma segura e non ofrece posibilidades de ocio alternativo. As únicas iniciativas de ocio saudábel no medio rural parten do asociacionismo e do esforzo da veciñanza por sacalas adiante pola súa conta, desenvolvendo actividades para autofinanciarse e cubrir así as eivas dos escasos orzamentos destinados a este fin. Se queremos desfrutar do noso ocio teremos que, de novo, desprazarnos ás vilas e cidades máis próximas e non é ningún segredo que as opcións de transporte público que nolo permiten son manifestamente mellorábeis, se as hai, tanto en calidade como en prezo.

Todos estes problemas que afectan á mocidade e pesan aínda máis sobre a mocidade rural, derivan da nosa situación de dependencia colonial e amáñanse con capacidade de decisión sobre o que a nós nos atinxe. Reclamamos, entre moitas outras cousas, a oportunidade de ter un rural vivo ao que volver cando rematemos a universidade. Reclamamos poder desenvolver as nosas vidas nun rural que non sexa un páramo deserto no inverno e un lugar esquilmado polo turismo na época estival. A situación actual da mocidade rural galega e as súas incertas espectativas de futuro son a consecuencia de anos de esforzo da Xunta, do Estado Español e da Unión Europea por desposuír ao pobo galego da súa soberanía. Agora máis ca nunca fica claro que o único xeito de rachar co réxime é acardarmos a independencia e a soberanía total. Unha soberanía real para pular por un outro modelo social e económico no que o poder de decisión estea nas mans do pobo e non nas das grandes empresas, un modelo participativo, feminista e sustentábel ao servizo das clases traballadoras. Soberanía para poñermos a producir Galiza, porque temos unha terra inmensamente rica, un país cunhas enormes potencialidades a nivel agrogandeiro que precisan ser desenvolvidas. Coma nacionalistas confiamos nas capacidades de Galiza para garantir un futuro libre e digno para a mocidade galega, tamén para a que escolla vivir no rural.

[29-11-2017 19:48] Moinante comentou:

Seria bom exigir responsabilidades aos que fam esta desfeita; ao meu entender os que levam governando na Junta décadas. Agora bem estám ai polos votos dos pais e avós dos que hoje pagam as conseqüência; por tanto que a gente nova demande aos seus progenitores.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal