06:01 Martes, 26 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-11-2017

Neste mesmo momento, todas somos vítimas de violencia, en todas e cada unha das nosas actividades

Penélopes condenadas

Valorar (7)

MARTA DACOSTA ALONSO



No outubro pasado, a Feira de arte contemporánea de Londres, Frieze, acollía a obra de artistas plásticas como Mary Beth Edelson que levan desde os anos 70 trasladando unha mensaxe de combate contra o patriarcado a través da súa obra. Edelson representa mulleres que nos lembran unha deidade feminina que se opón ao poder do falo, deseñando así un chanzo para camiñarmos cara o noso empoderamento. Esas fotografías resultaban demasiado impactantes onte e hoxe, porque seguimos tendo unha mentalidade enferma en que non vemos con naturalidade unha muller espida (ou un home) nas paredes dun museo, nas páxinas dun medio de comunicación ou nunha pantalla de ordenador, mais permitimos a violencia social exercida sen límites contra a vítima dunha violación. E isto porque seguimos a ser vítimas da ideoloxía patriarcal, nunha sociedade que, como a deusa Minerva, tapa a cara co seu escudo para non ver a violación de Medusa. Por iso nosoutras seguimos furiosas como a fermosa moza castigada cunha cabeleira de serpes despois de ter sido violada. Nos 90, Mary Valentis e Anne Devane escribían en A furia feminina. Desvelando os seus segredos, integrando o seu poder: “Cando unha muller é demasiado fermosa corre o risco de ser violada, se a violan enfurécese, e iso faina horrorosa...” e esa “aparencia marcada pola furia (o castigo de Medusa) é socialmente inaceptábel para moitas mulleres...”. E aínda así estamos.

A violencia campa ás súas anchas. Na actualidade, cada día, neste mesmo momento, todas as mulleres sufrimos violencia de xénero. Desde o momento en que somos ninguneadas e infravaloradas con cualificativos clásicos como “histéricas” ou facendo referencia aos nosos ciclos hormonais ou vida sexual, estamos sufrindo violencia, porque esas consideracións que atinxen ao noso traballo e á nosa vida están motivadas polo único feito de sermos mulleres e teñen por obxecto denigrarnos e degradarnos psicoloxicamente para impedir que continuemos coa función que viñamos a realizar.

Estas semanas, cada vez que prendo o televisor, a radio ou as redes sociais, sinto a violencia. A violencia de que as mulleres sexamos xulgadas sempre pola nosa forma de vestir, polos lugares aos que imos ou polas horas ás que andamos, sen presunción de inocencia. Sinto unha man que tenta collerme pola caluga e dicirme que teño que seguir tendo o mesmo medo que cando era adolescente e atravesaba a cidade por unha ruela entre casas e non pasaba ninguén agás un rapaz que corría para tocarme e fuxir. Quérennos dobregadas, medorentas, submisas e para iso incúlcannos o medo a saír e a culpa pola nosa forma de vestir ou actuar. 

Recentemente, falando da raíña Urraca, convidei as persoas que me escoitaban a reparar en como a oposición política contra ela estivo toldada pola violencia de xénero, xustamente contra unha muller que foi consciente do maltrato sufrido a mans do seu segundo marido, Alfonso o Batallador, como comprobamos na Historia Compostelá, naqueles capítulos en que aínda non se evidencia completamente a rivalidade con Xelmírez. Pois ben, cando os burgueses de Compostela se enfrontan á raíña, non só atacan a coroa, senón que agriden a muller. Espila en público no Obradoiro foi un acto perpetrado por mor do seu xénero, un ataque nacido dunha mentalidade que negaba ás mulleres a capacidade de exercer o poder, o conflito en que Urraca se viu inmersa desde moi cedo e contra o que loitou toda a súa vida.

Alguén podería pensar que estas son cousas do pasado e que hoxe non nos veriamos nesta tesitura. Erro.

Este mesmo outono tiven que acudir ao xulgado, pois tiven que presentar unha denuncia contra unha delegada e unha integrante da sección sindical doutro sindicato por ter realizado contra min e os meus compañeiros diversos actos (golpes e insultos) destinados a impedirnos o desenvolvemento da nosa actividade sindical (o que quedou probado na sentenza que as condenou por un delito leve de coaccións). Foi durante un pequeno acto de despregamento dunha pancarta reclamando melloras nun convenio.

As atacantes, cegadas polo seu odio contra a CIG e contra a nosa denuncia permanente das agresións ás condicións de traballo na súa empresa, arremeteron contra nós. Cando se dirixiron a min para impedirme que continuase co reparto da información que estaba a realizar, non só tentaron sacarme o móbil ou os lentes, agarrarme polos brazos ou zarandearme, senón que proferiron insultos que facían referencia a onde debía meterme determinados obxectos ou se gozaba ou non na miña vida. Non podo ser máis explícita, porque eu mesma sinto vergonza ao lembralo. Vergonza como a que debeu sentir o tribunal ao escoitar aquelas barbaridades que eu gravei co meu móbil co coñecemento de quen me insultaba.
Agora que está de moda saír nas redes sociais dicindo #amintamén, creo que é o momento de facer visíbel tamén esta modalidade da violencia de xénero, e as mulleres que somos delegadas sindicais coñecemos ben casos coma este, pois padecémolos unha e outra vez.
Exercen a violencia contra nós porque somos mulleres e isto non podemos cambialo soas, nin as nais, nin as profesoras, nin as médicas, nin as avogadas, nin as psicólogas, nin as xuízas… facemos falta todas e todos. O conxunto da sociedade asumindo unanimemente o diagnóstico da situación en que estamos e as medidas necesarias para mudala.

Mentres non sexa así, estaremos remendando unha e outra vez os cobertores que seguen a rachar, e así até a eternidade, penélopes condenadas a gardar o lume sagrado do patriarcado.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña