07:33 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-11-2017

Desde logo, alguén controlou nunha determinada dirección a información que sustenta a exposición. Para os controladores de nada vale o que, con pomposidade, denominan en ocasións excelencia.

Comportamento colonial

Valorar (41)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Tratei no meu anterior artigo para o Terra e Tempo dixital (24-10-2017) sobre a ignorancia, ocultación e deformación que se espalla, oficialmente, con natural desenvoltura, na propia Galiza sobre a súa historia, o seu patrimonio, a súa cultura e o seus contexto. Algo así como se nunca tiveramos existido con entidade política propia. E puxen un exemplo histórico (reinados de Fernando II e Afonso VIII de Galiza e León)  e outro patrimonial (Pórtico da Gloria, Panteón Real) ben interrelacionados, para evidenciar até onde chega semellante monstruosidade, sintomática dunha actitude, esta si conscientemente politizada, cunha intención única: impedir calquera toma de conciencia de onde vimos, que fomos e por que chegamos a estar como estamos. Ou dito doutra maneira, Galiza sempre foi España. Intentarei, con este artigo de agora, afondar nos comportamentos coloniais que guían a forma de achegarse ao patrimonio artístico de Galiza, condicionando restritivamente a súa visión. Todo o que se desvíe deste deseño restritivo, deitando luz sobre a verdade, e evidenciando a incardinación co país e a súa vontade de existir, debe ser arrombado, acurrunchado. Vexamos os síntomas desta actitude na exposición sobre o Mestre Mateo, que se pode contemplar no Palacio de Xelmírez da catedral compostelá, e na información sobre os traballos de limpeza e restauración do Pórtico da Gloria.

A Fundación Catedral  de Santiago, a Real Academia Galega de Belas Artes e o Museo Nacional del Prado coorganizaron a exposición sobre o mestre Mateo. Na mellor tradición provinciana, os organizadores non inauguraron esta exposición no país do artista homenaxeado nin das pezas dignas de contemplación. A primicia debía ser presentada, ofrendada e gozada na Corte madrileña e no museo insignia da españolidade, o do Prado, lonxe do país e da sociedade que xerou, nos seus momentos de esplendor, as esculturas expostas: Galiza. Entendemos así o por que da participación do Prado, que estou por asegurar en nada contribuíu economicamente, agás deixar un dos seus espazos. Alguén pode pensar que semellante deferencia, prioridade ou privilexio pode estar compensado por a exposición contribuír a subliñar a importancia de Galiza na historia medieval e na arte románica e gótica, dando a coñecer unha mostra ben elocuente, debidamente contextualizada. Nada de nada. Mesmo a palabra Galiza escintila pola súa ausencia na información que se fornece. Non existe o reino de Galiza nin Galiza; do rei Fernando II, aludido pola pensión vitalicia que outorgou ao mestre Mateo en febreiro de 1168, dise que é rei de León, e nin se alude a que está enterrado no Panteón Real da catedral compostelá. Mesmo un tira a impresión de que o mestre Mateo tería sido un apátrida, todo menos galego. 

Desde logo, alguén controlou nunha determinada dirección a información que sustenta a exposición. Para os controladores de nada vale o que, con pomposidade, denominan en ocasións  excelencia. De respectala, alén de practicar o amor pola verdade e o coñecemento real, non terían obviado, censurado, nada menos que en lugar galego e patrimonio, en parte, a el debido, que Fernando II era rei tamén de Galiza, educado polo Conde Fernán Péres de Trava. A súa lingua era o galego, a súa estratexia, a recuperación da unidade con Portugal. Mesmo non pode ser interpretado con fondura e realismo o valor simbólico das figuras bíblicas da fachada románica destruída, algunhas delas agora en exposición, sen termos en conta o obxectivo de exaltación do reino de Galiza. A excelencia neste tema ten un nome: Serafín Moralejo Álvarez, catedrático de Arte medieval na Universidade de Santiago e logo na de Harvard, por desgraza desaparecido no ano 2011. Por que nin sequera as súas investigacións e análises, rigorosos, ponderados, conclusivos e contrastados, valen? Só lle fixeron unha pequena concesión para ilustrar a exposición: o recurso a un anaquiño do poema “Na catredal” de Rosalía no que, falando do Pórtico da Gloria, de forma maxistral e viva, se refire ao Mestre Mateo. Xa en 1990 recomendaba Serafín Moralejo lelo, integramente, para  contemplar esta xoia escultórica.

Naturalmente, non se pode esperar que o uso da lingua galega desta exposición no Palacio de Xelmírez  sexa conforme a unha verdadeira oficialidade. Formalmente é trilingüe. Porén, estamos perante un uso rutineiro, sen convicción, que mesmo delata o papel subalterno do noso idioma. Un debe pasar por un espazo dedicado a informar sobre o plano en execución para rectificar os problemas de conservación do Pórtico da Gloria e para restaurar a súa rica policromía. Toda a información exclusivamente en español. Só para a exposición Mestre Mateo, se se solicitar expresamente, daranlle á entrada un folleto informativo en galego. Normalmente non están á vista. E aínda estando, hai que abrilo para comprobalo por un fenómeno ben significativo. Curiosamente, a portada está en español, incluída a referencia ao “Maestro  Mateo” en letras ben grandes. No folleto en inglés corresponde a lingua interior coa do exterior, “Master Mateo”. E o folleto en español, por suposto, está todo el neste idioma. Como interpretar esta discriminación ou esta aversión a pór “Mestre Mateo”, facendo que se vexa e note, como nos outros casos? Por que no folleto que informa dentro en galego, na portada di “Descubriendo la catedral. MAESTRO MATEO”, en español? Realmente aínda interpretándoo como un lapsus freudiano, que é moita condescendencia, o resultado é deplorábel: hai que ocultalo, ben fondo, que non saia do pozo….Non deamos idea de normalidade e moito menos de igualdade…O controlador segue a facer das súas…

Sen dúbida o controlador gasta maneiras do colonizado colonizador, que gusta de dar satisfacción a quen controla o deseño colonial. Volvamos ao plano en execución para rectificar “os problemas de conservación do Pórtico da Gloria e para restaurar a súa rica policromía”, en palabras dos organizadores. Entre outros pormenores, podemos contemplar na exposición fotos, desde comezos do século XX,  indicativas do progresivo deterioro da súa policromía, agora en restauración. A ocultación informativa é de tal calibre que se ignora, como se nunca tiver acontecido, que no verán de 1866 fíxose o baleirado en xeso do Pórtico da Gloria, para tirar unha copia de tamaño natural, con destino a ser contemplada no Museo South Kensington, de Londres, onde efectivamente continúa. Creo que, polo menos, algún directivo da Fundación Barrié de la Maza, a principal financeira da restauración en curso, visitou hai pouco tempo aquel museo inglés para lembrar, e en parte celebrar, a existencia desa copia, pois, segundo el, axuda a popularizar o Pórtico da Gloria e mesmo a traer peregrinos ao Camiño de Santiago que desexan contemplalo na realidade. Pois ben, este baleirado en xeso de 1866, causou un grave deterioro da policromía do Pórtico, como non podía ser doutra forma, que acelerou a que xa era evidente. Na realidade tratouse dunha de tantas falcatruadas que se fixeron co patrimonio dos países colonizados por parte das potencias coloniais, Inglaterra e Francia, sobre todo, no século XIX. De feito, foi o libro dun bo especialista británico, M. Street, sobre a arquitectura gótica en España, publicado en 1865, o que chamou a atención en Inglaterra sobre o que cualificou como “unha  das glorias máis grandes da arte cristiá”. A xunta de goberno do museo devandito reaxíu con presteza e entrou en contacto co cabido compostelán –deben existir as comunicacións escritas entre ambos. O entendemento foi tan rápido e total que, pasado apenas un ano, estaba xa o señor Domenico Brucciani, formador do South Kensington, para dirixir as obras do baleirado. Desde logo, contou coa máis que xenerosa colaboración de todas as forzas vivas, comezando polo arcebispo, Miguel García Cuesta, e acabando pola Sociedad Económica de Amigos del País, de Santiago, que o nomeou socio de mérito. Un arqueólogo moderado e dun oficialismo liberal, Fernando Fulgosio, estudoso tamén do Pórtico da Gloria, contou, pasados os anos, en La Ilustración de Madrid (2-8-1871), onde estaba instalado, o ambiente de euforia agradecida  que había en Compostela por este feito, pois desde fóra se recoñecía o valor do que hai na casa, sen importar que se estaba a realizar un atentado grave, que tivo consecuencias irreparábeis, acelerando o deterioro do Pórtico. Só se atreveu a deslizar unha frase indiciaria e descualificadora sobre a actitude do cabido compostelán do que di que correspondeu ás peticións e desexos dos lores das xuntas do departamento de Ciencias e Artes do museo británico, “con menos cordura que ilustración” (ibidem) 

Ironicamente, un dilixente fotógrafo do Museo, Mr. C. Thurston Thompson, acompañaba a Domenico Brucciani. Tirou moitas e, ao que parece, excelentes “representaciones” dos monumentos e obxectos de arte que había en Compostela, e mesmo de partes do Pórtico da Gloria. Dos primeiros exemplares, dedicáronse tres, por esta orde, ao cardeal, ao deán e ao cabido. Iso si levaban unha afectuosa comunicación dos lores do departamento de Ciencias e Artes do Museo, “en agradecimiento a los servicios prestados por nuestros compatriotas a los Señores Brucciani y Thompson” (ibidem). Pois ben, todo isto agora pasa ao silencio máis absoluto, aínda informando do proceso de deterioro da policromía do Pórtico, na sala previa á exposición do Mestre Mateo. Aquí nada pasou. Porén, de forma silandeira ou pouco ostentosa vaise a Londres, e sen o menor asomo crítico, faise celebración do acontecido  hai máis de 160 anos, como se for unha gloria. 

A censura chega á irresponsabilidade e falta do mínimo rigor e excelencia. Sería bo observar as fotos de Thompson, anteriores ao século XX, a todos os efectos. Sería explicativo e ilustrativo ler as cartas que se cruzaron entre o cabido e os reitores artísticos e científicos do Museo. Mais prefírese o descoñecemento,  a ignorancia. Porén, estar, están, seguramente depositadas nos arquivos de ambas institucións. Sería posíbel tal despropósito, un baleirado en xeso, realizalo en  monumentos que a España en construción como nación única e Estado centralista foi, precisamente por esas datas, considerando os seus símbolos? Non parece que aquí na Galiza debemos ostentar unha mentalidade de colonizado agradecido, que só aspira a existir como prolongación ou mímese, e sempre co beneplácito, da metrópole? Non estamos condenados así a escribir a historia con amnesia e censura e sen preguntar as causas dos fenómenos? A quen beneficia este comportamento?

[26-11-2017 14:01] Luísa comentou:

O día 4 de novembro tiven o privilexio de visitar xunto a sociedade cultural medulio de Ferrol, a exposición do Mestre Mateo, no pazo de Xelmírez, o panteón dos Reis da Galiza, na catedral, e a Colexiata do Sar. Menuda pasada o que temos!!! Mais tivemos que aturar a negación do evidente: aqueles nosos Reis soterrados en Santiago de Compostela polo seu expreso desexo, son do reino de León!!! Nada do reino de Galiza... Que absurdo. A información que se nos daba ao entrar, en castelán e inglés, que doloroso!!! Os 28 que fumos fixemos un escrito de protesta.
Malia todo, se queremos, nos vai haber quen nos pare.
Temos dereito!!!

[25-11-2017 21:29] Anxo Ferreiro Currás comentou:

Ben, Paco, ben! Quedo abraiado por esas túas precisións.
Anxo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal