07:42 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-11-2017

Para explicar a orixe do topónimo de Boimorto, ninguén recurre a que o fatal acontecimento fose o que motivase un tal topónimo

Boimorto e Outomuro: dous bizarros topónimos

Valorar (20)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Temos, na Galiza, dous lugares de nome BOIMORTO , un na bisbarra da Arzúa e outro en Vilamarin ( Ourense ).

A xulgar pola antiga escrita do nome como, “BOVE MORTUO”,  parés que  os medievais entendían que o apelativo estábase referindo á morte de un boi.

Para explicar a orixe do topónimo de BOIMORTO, ninguén recurre a que o fatal acontecimento fose o que motivase un tal topónimo.

No mundo rural a morte dun animal vacún, se non fose un abatimento para unha festa ou boda, sempre se debía a algún accidente.

Nas nosas lembranzas infantís está un caso onde unha vaca quebrara unha perna ao ficar atorada nunha “PORCA PREÑA” , así se chamaba a unha especie de terreno de “lama trémula ”, ou prado movedizo,  onde tivera a desgraza de  se entalar o animal.

Procedeuse ao sacrificio da besta, e cada viciño mercou carne do animal como unha axuda para minimizar a enorme perda que supuña para a economía da casa do dono.

Aquela tempada foi das escasas veces que se comeu carne de res na aldea.

A orixe e significado do seu nome está en discusión, ainda que circulan varias teorías que o relacionan con palabras prelatinas asociadas con locais pedregosos.

Para sermos coherentes coa teoría que xa desenvolvimos ao tratar do MONTE DO BOI de Baiona ou do MOMBUEY zamorano, do SACARDEBOIS  ourensán ou do CATABOIS ferrolán; seguimos a manter que os BOIS da toponimia galega non se deben ao animal senón á palabra, VOLUIS, asociada á idea de terrenos demarcados ou EN-VOLTOS por algún tipo de cercado, ou sexa, un tipo de bouzas, devesas ou cernadas.

Así no BOIMORTO que nos ocupa entendemos un antigo VOLUI MÚRITUS > VOUI MURTO > BOI MORTO, ou sexa unha bouza ( volutia ), ou un curro, murado  de pedra.

E que dicer do lugar de Bueu, chamado A RÁMORTA ?

Se era difícil que a morte dun boi criase un topónimo, sería surrealista que o falacemento dunha rán provocase tal conmoción social que levase á xente a marcar con un nome o lugar de semellante acontecemento.

En coherencia con todo o dito, nós propomos a orixe en unha AGRA-MÚRUTA , ou sexa unha agra circundada dun muro.

Para o MOURO MORTO de Teo, entendemos un ponto de vixía ( MONORIO) circundado de muro, senón fose un “mourón” de pedras.

O nome do lugar ourensán de, OUTOMURO , resulta un pouco desconcertante.

Se a explicación fose de ALTO MURO, ocurriría algo que só se permite na linguaxe culta ou poética, que é colocar o adxectivo diante do substantivo.

Tal cousa é imposíbel na toponimia antiga !

Atopámonos, tamén aquí, co tan discutido problema de si en galego, o latino ALTUS evoluiu ou non para OUTO .

En Cangas sempre se dixo  o lugar da PEDRA ALTA, e nunca, OUTA.

Por eso no caso do topónimo ourensán, entendemos que OUTO non procede de ALTUS, senón de VOLTUS, e deste xeito a evolución tería sido algo así como :

UOLTUS MURUS > UOUTOMURO > OUTOMURO,  co mesmo significado que BOIMORTO, ou sexa; un terreno ou bouza con un valado ou sebe ( VOLTUS ) que “en-voltaba” un espacio mediante unha tápia ou muro.

Atopamos en Asturias un BOIMURO que semella apoiar a nosa doutrina.  

E do lugar de Curtis chamado de  BOIPARDO ?

Visto que en castelán un PALAZÓN é un curral pechado de paus.

Seica o noso PARDO non podería vir dun curro PALÁRITO > PAÁREDO > PARDO ? .

Ou sexa, o  BOIPARDO sería un recinto delimitado por unha cerca de paus a diferenza da de BOIMORTO que estaría murado de pedra.

De BOILOURO e BOICALVO entendemos que foron bouzas rozadas ou rapadas,( de LEVORIUS e CALVUS)  en contraste con BOIMAZÁN, que debeu ser unha bouza adicada ao medre do mato ( MATTIANA).

Ao fin de todo isto, ainda fica no noso maxín a dúbida se istes nomes non terán algo a ver cos monumentos funerarios, MEMÓRICOS, onde a tumba do Apóstol foi un deles.

Poderia dar  MEMÓRITUS > ME MORTO   e daí  o noso BOIMORTO ?

Sairía BOIMURO de un MEMORIUS ?

Deixemos o conto por aí !


[21-11-2017 17:49] SemprePolisario comentou:

O autor diste artigo usa o termo "bizarro" no seu sentido inglés ("raro, estraño"), unha mala copia do termo en orixe (do castelán "bizarro": "valente"). Se ata no título hai un erro tan serio non podo esperar moita autoridade no seu traballo...

[21-11-2017 00:53] Cá Ser comentou:

Como sempre, o autor colle o seu dicionario de latín e mete todo canto topónimo atopa nel (e se non colle nen a presión é o mesmo, él atopa o xeito de entalalo). Na zona da península ibérica con máis topónimos xermánicos e prerromanos el sempre dá coa solución "románica"... O de Boimorto xa é o colmo: * boi: indoeuropeo, "penedo" terrestre ou marítimo (O Boi, Os Bois, O Corno de Boi, Boi Grande, Boi Pequeno, Boidecanto, Boicornello). *mort/z: preindoeuropeo, "pedra-laxe". Boimorto é unha tautoloxía de "pedra". Polo que vexo, os seus anteriores artigos van na mesma liña: todo é latín (e se non o é, faino).

[20-11-2017 12:52] Salgado comentou:

Estupendo artigo como sempre, Cesar da a súa sempre asisada opinión sobre a nos toponimia, unha ledicia ler os seus artigos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal