07:44 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-11-2017

Reducirnos a posesións, a obxectos, é a mellor demostración de que para o goberno do PP as mulleres non importamos nada.

As mulleres non somos cousas. Tampouco patrimonio de ninguén

Valorar (17)

MARGARIDA CORRAL SÁNCHEZ



Sen palabras. Atropeladamente saen da miña boca palabras que definen a carraxe, a indignación e a fartura que me produce un novo caso de machismo institucional. Teño diante de min a campaña impulsada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza,  con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Na publicidade saen tres mulleres, unha delas moza, unha de mediana idade, e unha muller maior (por iso de representar todo o ciclo reprodutivo das mulleres, esquecendo ás crianzas como vítimas da violencia) cun xesto entre serio e desafiante, rodeadas de monumentos representativos de cada unha das provincias do noso país, acompañadas do lema: “o máis grande de Galicia non se maltrata, dándolle continuidade ao lema empregado na campaña con motivo do 8 de marzo (“As mulleres: o máis grande de Galicia”), mais desta vez, prescindindo do suxeito.

A campaña  vai na mesma liña de anos anteriores: centrada na “grandeza” das mulleres, como eixo fundamental da sociedade galega. No ano 2012, a Secretaría Xeral da Igualdade escollera o lema:  “Sen mulleres non hai Galicia” con motivo do  8 de marzo, para ilustrar a mulleres e nenas sostendo o teito, baixo o sublema de: “En Galicia somos 1.445.831 mulleres, e todas somos pilar”. Sen importarlles cometer un erro gramatical ao confundir “pilar” con “piar”, nun exemplo de desleixo cara ao noso idioma, e ao tempo, representando ás mulleres como centro da sociedade galega, mais esquecéndoas na aplicación das súas políticas, precisamente no ano no que as galegas participamos de xeito masivo en dúas folgas xerais contra os recortes no gasto público, contra as reformas laborais e das pensións, e contra leis retrógradas aprobadas no Parlamento galego como a Lei de familia, que cousificaba ás mulleres e pretendía devolvela ao seu rol tradicional de nai/coidadora do fogar, coincidindo co anuncio de derrogación da lei do aborto por parte do PP no Congreso.

Este exercizo de hipocrisía, foi parabenizado por parte de publicistas españois, obtendo a axencia Bap&Conde, o premio de “Mellor Produción Publicitaria” da VI Edición do Publifestival, Festival Internacional de Publicidade Social, amosando, deste xeito, unha inexistente formación en perspectiva de xénero por parte dunha axencia acostumada a empregar estereotipos nas súas campañas, tal e como ven facendo ano tras ano coa campaña de GADIS “Vivamos como galegos”, simplificando o discurso sobre a identidade galega, banalizándoa, estereotipándoa e explotándoa con fins comerciais.

Neste caso, continúan co filón “identitario” introducindo na composición (como fixeron en entregas anteriores) monumentos que representan ás catro provincias galegas. Escollen na súa analoxía á coruñesa Torre de Hércules, á muralla de Lugo, á ponte vella de Ourense e á fachada da igrexa Peregrina en Pontevedra, sumando a esta simbólica representación ás cidades de Santiago (empregando, unha vez máis, a imaxe da Catedral de Santiago) e Vigo (elixindo, por certo, o monumento ao traballo, situado en Gran Vía, composto en exclusiva por figuras masculinas).  Introducen, unha vez máis, símbolos patriarcais como os relixiosos, como emblema do país, para facer unha analoxía coas mulleres e o rol que representamos na sociedade.

Recrean unha falsa sublimación das mulleres que non é acorde con denominarnos en terceira persoa. As mulleres deixamos de ser o suxeito da oración para pasar a ser obxectos:  “o máis grande de Galicia”, continúa a frase con “non se maltrata”, de novo unha terceira persoa sen atribuírlle a autoría. Quen maltrata? A quen? Nada se di do causante da violencia e do “maltrato”. Por que non afondan nas causas da violencia machista e poñen o foco nos verdadeiros suxeitos que causan a violencia?

As mulleres non queremos un falso recoñecemento. Non somos máis ca ninguén. O que solicitamos é exercer os nosos dereitos como cidadás, vivirmos sen violencia, sen padecer abusos, discriminacións polo simple feito de sermos mulleres. Mais para iso é preciso afastar do imaxinario colectivo estereotipos que sacralizan a imaxe das mulleres como obxectos que hai que protexer. Somos donas do noso propio destino, non somos patrimonio de ninguén, nin dos homes, nin da Xunta de Galiza, nin do capital.
A violencia contra as mulleres é froito dun sistema económico, político e  social baseado na dominación. O patriarcado exerce a violencia contra todas e cada unha de nós en todas as circunstancias da vida: en tempos de paz e de guerra, dentro do fogar, nas rúas, no lugar de traballo, no ocio, no ámbito privado e no público. Reducirnos a posesións, a obxectos, é a mellor demostración de que para o goberno do Partido Popular as mulleres non importamos nada.

[15-11-2017 12:36] Renata comentou:

Esta campaña es una vergüenza, no se qué es peor si el publicista que ha perpetrado semejante machistada o el político que se la ha comprado y a saber cuánto ha costado el insultante cartel.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal