07:44 Martes, 12 de Decembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-11-2017

Nesta situación ¿onde está o PSOE? Pois a carón do PP coa corda atada ao colo.

O catalán ¿un problema político ou xudicial?

Valorar (6)

ADOLFO DE ABEL VILELA



¿Que estaría pasando agora si en lugar de estar Rajoy na Moncloa estivese Pedro Sánchez? Si o PP sacou á rúa a militancia  para recoller sinaturas contra o estatut, e contra Cataluña segundo dixo unha señora na televisión, ¿que estarían facendo hoxe ao ver quebrada a unidade da Nación Española, "patria común e indivisible de todos los españoles"?. Daquela saíron á rúa envoltos na bandeira Rajoy, Esperanza Aguirre e outros dirixentes a salvar á patria cando non tiña ningún perigo, tal vez emulando a Fernando VII que ao parecer dixo "vayamos todos juntos por la senda de la Constitución y yo el primero", texto sagrado que despois pasou polo forro. ¡Que frase máis acaída para este caso!: "La mate porque era mía". Sí, porque a Constitución, a bandeira, o himno, a Garda Civil, a Policía Nacional, o Exército, as administracións públicas, a verdade, a relixión católica, o ceo e a terra, todo e deles.

E nesta situación ¿onde está o PSOE? Pois a carón do PP coa corda atada ao colo.  

A exaltar a mediocridade

Os políticos que aspiran a desempeñar cargos de alta responsabilidade, tal como presidente do Goberno do Estado, deberían recibir antes unha preparación naquelas cuestións que non dominan e que son imprescindibles para un bo goberno e a acción política, sexa o dominio dalgún idioma dos utilizados a nivel internacional, sexa un mínimo coñecemento da historia propia e da allea, un verniz cultural queda ben. O president Puigdemont demostrou saber falar en catalán, castelán, francés e inglés. Logo debaixo hai algo máis cun sedicioso.

Os chamados aparatos dos partidos políticos, versus intereses dos profesionais da política, ás veces son perversos, e elevan a persoeiros a postos de responsabilidade, para manexalos,  que o tempo demostra que lles caen moi grades. Exaltan a mediocridade.

Rajoy leva 36 anos en política da que fixo unha profesión, a de rexistrador é unha nota biográfica, e polo que se ve non aprendeu nada, nin sequera inglés. Recoñecía hai pouco que aínda agardaba seguir máis tempo, así que superará a Franco que estivo 39 anos. Oficialmente foi responsable de todo, pero ao mesmo tempo e na práctica de nada. Sendo galego, deputado do parlamento de Galicia, vicepresidente da Xunta, concelleiro e presidente da Deputación de Pontevedra, nunca se preocupou de aprender a falar galego nin sequera coa axuda dun papel. ¡Para que!.

Escapa dos periodistas para non ter que contestar, é incapaz de manter un debate ou de facer un discurso sen os papeis que lle escriben os asesores, e o único campo no que se desenvolve con autonomía, fluidez e dominio do tema é no fútbol. Aínda da mente máis opaca sempre pode sair un resplandor. Chegados a este punto a pregunta imponse, ¿como é posible que un ser así estea ao fronte do goberno do Estado e con posibilidades de continuar?

O problema catalán

Boa parte do problema catalán provén da súa abulia, agarda a que os temas podrezan para ver se se arranxan sen intervir. Ante o conflicto máis grave de goberno, aplica o Artigo 155 e convoca unhas eleccións para o 21 de decembro, non só para exemplarizar, senón para desfacerse do problema o antes posible. Pero a maiores delega a xestión ordinaria do asunto na vicepresidenta e no ministro da Facenda, e a extraordinaria, no fiscal xeral do Estado, no PSOE e en Ciudadanos. ¡En que mans estamos!

É o procedemento que utilizou sempre e que lle deu resultado cando os cargos non tiñan maior transcendencia, pero agora a súa inacción ten consecuencias que transcenden o seu plano persoal porque afectan a toda a cidadanía. Non hai moito que Rajoy chegou ao seu nivel de incompetencia cando se deu conta de que "gobernar es muy difícil", non dicía o mesmo cando estaba na oposición, certo é que debe ser máis relaxante ler os xornais deportivos e máis emocionante ver un encontro do Real Madrid co Barça mentres se fuma un puro.

Rajoy segue a gobernar por delegación, el só está para representar, pensa que aínda é presidente de Deputación ou ministro onde os vicepresidentes, secretarios de Estado e directores xerais se encargaban dos temas do día a día. Co problema catalán tamén delegou na xustiza, todo o fía á lei, para desfacerse da pataca quente, cando reiteradamente tanto os implicados como a xente con cabeza lle están dicindo que o tema non se arranxa nos xulgados. A cuestión está en que lonxe de que llo arranxen os tribunais o que están a facer é complicándoo cada vez máis.  

¿Hai nacionalistas españois?


Se hai Nación terá que haber nacionalistas. Pero cando a Nación é a española parece que no é así. Dicía este días no Intermedio da Sexta o aristócrata Álvaro de Marichalar y Sainz de Tejada que "los nacionalismos son una quimera y una gran mentira". Ergo este señor non se considera nacionalista español. Xa se esqueceu cando no franquismo todo era nacional, desde a Compañía Teléfonica Nacional de España ata o Servicio Nacional del Trigo, hoxe aínda nos queda Radio Nacional de España. Este señor que polo que dixo veu de Rusia a Barcelona a propósito para pasear a súa bandeira e increpar aos que portaban esteladas ¿que é? porque polo que di si non é nacionalista entón non ten nación. Para eles so existen os que chaman peiorativamente nacionalismos periféricos que deben pensar que son aqueles que se dan como o peixe nos territorios que teñen mar. Pero peixes tamén os hai nas lagoas e nos ríos.

O paradoxo desta situación é que aqueles que viven as 24 horas envoltos na bandeira de España, tamén son responsables desta situación non só por omisión senón tamén por deslealdade coa Constitución, co Estado e co PSOE. Se cando estaba o PP na oposición non tivese recorrido o Estatut catalán  no Tribunal Constitucional, hoxe non existiría o problema. Daqueles pos, estes lodos. Do que se trataba naquel momento era ir en contra do Partido Socialista e de Zapatero para acadar o poder. Fixeron política partidaria cunha cuestión de Estado como o fixeron sempre co terrorismo.                                      

A creación do Estado Nación
 

Os dirixentes do PP, e Rajoy o primeiro, repiten que España é a nación máis antiga, equiparando Estado e Nación. Non é certo. España e nación desde que así o proclamou a Constitución de 1812, pero foi por pouco tempo porque ao volver de Francia Fernando VII continuo co Antigo Réxime, gobernando como monarca absoluto.

Foi a partir do reinado de Isabel II cos gobernos liberais cando se vai conformando o Estado Nación. A bandeira foi declarada enseña nacional por Real orde de 13 de outubro de 1843, e o himno, que era unha Marcha de Honra, sen letra, exclusivamente musical, foi declarada así por Carlos III o 3 de setembro de 1770, para que se tocase nos actos aos que asistían os reis, e por iso o pobo lle chamou a Marcha Real.

A historia épica, baseada maioritariamente en lendas, foi elaborada posteriormente, por historiadores como Menéndez Pidal que inventou desde o sepulcro de don Pelaio e a batalla de Covadonga ata a espada do Cid. Foi unha historia mentireira que nos ensinaron nas escolas, o mesmo do que se acusa agora á escola catalana. Ao non haber  arquivos fotográficos, películas e vídeos das glorias pasadas, os pintores e escultores historicistas encargáronse de facer o imaxinario.

Antes do Estado Nación o que había era varios reinos, cun gobernador e unhas xuntas de goberno, baixo o mando dun mesmo rei. De feito as reais ordes de Fernando VII, aínda comezan enumerando eses reinos: "Don Fernando VII por la gracia de Dios rey de Castilla, de Aragón, de las dos Sicilias, de Jerusalén, de Navarra, de Granada, de Toledo, de Valencia, de Galicia", etc. A todo iso era o que chamaban "las Españas", non en singular senón en plural, o que implica un recoñecemento da diversidade territorial, política e cultural.

En setembro de 1808 reuníronse en Lugo as xuntas de Galicia, León e Castela con diplomáticos británicos que viñan asesorar aos españois sobre a conformación política do novo Estado, e propuxeron unha federación, iso que agora propón o PSOE, ou unha monarquía constitucional cunhas cortes. As Cortes de Cádiz elixiron a última opción, pero tamén puido ter sido a primeira. Hoxe os antigos reinos son comunidades autónomas. A fins do século XIX, Carlos Luís, fillo de Carlos María Isidro, o irmán de Fernando VII que lle disputou o trono a Isabel II, xefe do carlismo, ofrecíalle aos cataláns fueros como os dos vascos.

Agora volvemos a darlles voltas a temas que se trataron hai máis de 200 e 100 anos respectivamente. As eleccións catalanas do 21 de decembro ¿van solucionar o problema? Non, aínda que o resultado fose favorable aos non independentistas. O máis probable e que os partidarios da república catalana acaden a maioría absoluta. En ambos os dous casos ¿a quen vai acudir Rajoy e o PP para solucionar o problema que é político?  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal