12:16 Venres, 24 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-11-2017

Os franquistas de sempre son quen hoxe máis falan de democracia e dos seus principios sagrados, como antes asinaban os Principios Fundamentais do Movemento

Españolismo que ferve

Valorar (11)

LOIS DIÉGUEZ



Sei que non foron meses, estes, doados para cataláns e catalás. Tampouco para calquera persoa que goce de sensibilidade democrática e teña a liberdade como dereito, así, sen máis. Sufrín, sufro eu a angustia recobrada daqueles anos 70 nos que o fascismo parecía agonizar e, desesperado, buscábanos a quen o enfrontamos coa consciencia xa de vítimas necesarias. Os franquistas de sempre son quen hoxe máis falan de democracia e dos seus principios sagrados, como antes asinaban os Principios Fundamentais do Movemento (franquista), e os xuraban con pleno convencemento e fervor, botándose con violencia contra quen, perigosamente, os combatiamos. Así que si, esta nova cruzada dos franquistas e españolistas afogando ou eliminando calquera idea que non sexa a da súa Constitución que levamos aturando corenta anos como principio inamovíbel sen posibilidade real de cambio, tróuxome ao corazón e á memoria aqueles anos negros cando botabamos as nosas ideas nos panfletos da noite ou nas pintadas a correr ou nas facultades e fábricas ou pequenas empresas. Sinto medo de quen goberna hoxe coa nostalxia do seu verdadeiro ideario totalitario, exclusivista e sectario. Cerrado aos cambios e avances e afeito a perpetuarse cos beneficios que as administracións e outros negocios lles proporcionan para se manter.

Sinto medo porque sei que, de seguir así, os nacionalistas volveremos pasar outra vez polas persecucións, torturas, encadeamentos e exilio. Parécevos raro o que digo? Pero se xa está acontecendo! Porque a tortura é tamén o medo que sentimos pensando o que nos pode pasar se dicimos aquilo que non se permite ou se combate polos medios de comunicación controlados polos que pouco a pouco van impoñendo a súa lei (PP e PSOE que se adheriu con firmeza ao criterio da dereita recalcitrante), ou polas leis coercitivas aprobadas  aproveitando o ter a maioría nun parlamento, realmente antidemocráticas e represivas (Lei Mordaza, a da Depedración...). Leis democráticas anuladas, burlas bastas dun machismo exacerbado e policial, exaltación da patria única até as hostias físicas, disolución do parlamento de Catalunya, do seu goberno elixido democraticamente e encarceramento de membros do mesmo ou de representantes de forzas sociais e políticas que levaron a voz do pobo, da maioría, ao seu programa electoral con éxito. Puigdemont e outros consellers están no exilio porque non poden confiar nas regras españolas que os perseguen polo seu pensamento e pola súa coherencia política e democrática. Non continúen coa cantilena do non cumprimento da lei establecida porque non se pode aceitar cando vai contra a xustiza e os dereitos democráticos e nega a existencia de realidades como a plurinacionalidade do Estado Español.  E sobre todo, porque unha maioría do pobo catalán está polo seu dereito a decidir o que lle pete, sen inxerencias nen ameazas, e farto destes outros corenta anos sen solucionar este problema a pesar de pedilo no propio parlamento español que nen tan sequera se molestou en buscar alternativas, dando a negativa como solución de claro cariz imperial.

Baséase a democracia, entre outros, nun principio fundamental como é a pluralidade de medios de comunicación. Sen eles non pode haber expresión libre. Pero se estes, practicamente na súa totalidade, están en mans das empresas creadas ou apoiadas por dous partidos maioritarios, que pasa? Se estes anulan ese dereito a estar presentes sempre as distintas alternativas ante un problema político, onde a democracia? O de Catalunya puxo a ferver os medios máis potenciados que hai hoxe no Estado Español coa única idea de condenar pola brava as institucións catalás e os seus proxectos de futuro. Nega sempre as voces diferentes nos debates e se aparecen nunca é de xeito igualitario. Incidiu arreo na poboación das distintas nacións do Estado de xeito covarde e unilateral, impoñendo a idea de dous partidos de carácter españolista enfrontados a calquera recoñecemento real da pluralidade nacional deste Estado. E sendo así, é posíbel hoxe confiar nalgún deles, nese sistema capitalista consagrado tamén pola Constitución Esapañola como único posíbel? A lección da historia sufrida até a gora neste sistema é clara: gañará case sempre nunhas eleccións quen ten no seu poder os medios de comunicación, principalmente a televisión,  e os cartos que os outros partidos non poden posuír, e menos se non son corruptos.

Estamos ante un momento crítico para decidir por onde irá o próximo futuro das nacións do Estado Español. A deriva totalitaria do PP apoiada polo PSOE chegou ao seu límite, e de seguir así pode atrasar de novo outros corenta anos a evolución lóxica e natural de conformar un Estado de xeito realmente democrático e plural, aceptando o principio básico da soberanía dos distintos pobos. Cada forza ou partido político nacionalista ou da esquerda progresista terá que analizar con urxencia a súa actuación e os cambios necesarios para facerlle fronte á involución política, é dicir, a encarreirar o futuro máis inmediato. Coido claro que unha parte desa actuación pode ser común, táctica, discutida e programada desde a independencia de cada quen; e a outra, coma sempre, a que cada forza defende desde a súa ideoloxía. Un exemplo: o control dos medios de comunicación públicos ten que afirmarse con outra lexislación que asegure  de verdade o pluralismo político e lle dea presencia igualitaria a todas as ideas, anulando o abuso e aproveitamento totalitario do PP principalmente, nestes medios (a apropiación da RTVG significa, na práctica, unha expropiación dos medios públicos).  Asegurada a pluralidade nestes medios de comunicación o camiño do futuro podería darnos outra esperanza. A esperanza que, coido sinceramente, nesta situación, non ten os alicerces necesarios para aturar e deixar de sufrir este eternizado asoballamento nacional.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal