12:10 Venres, 24 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-10-2017

A cultura non é máis que o que o ser humano cultiva para resolver a vida

Os incendios, as inundacións, os furacáns, os tremores...e a cultura

Valorar (6)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Arde o Oeste americano e  arde tamén o Extremo Occidente do Vello Mundo, Portugal incluído. Os furacáns xa non soamente aniñan no golfo do Caribe e a chuvia e o calor semellan caer a cachón, sen medida...uns fenómenos, coas súas causas e efectos fan esquecer aos que os preceden.

A dialéctica acción-destrución está en todo e na nada, na xénese do universo, da Terra e en cada cousa. O cambio climático é un feito que semella acelerarse polo intervencionismo humano, onde entran egos persoais e políticos. Sabémolo ben os arqueólogos, alí onde houbo glaciacións, lagoas, xardíns colgantes, cidades... medran agora e en progresión xeométrica, os desertos e os mares, sabemos máis aínda dende que se teñen rexistros... Ter memoria para botar contas  e concluír causas e efectos ensarillados, analizalos: a degradación sociocultural, a anomia ou crise de identidade, a ignorancia, mesmo tamén a discapacidade, a vinganza, os particularismos, mesmo chegando a organizar un xeito de corrupción, un cartel mafioso, familiar, empresarial, de mandados, quizais vencellados á mesma extinción, baixo as orelleiras da plantación única, con toda unha parafernalia de inventos de baixo coste para provocar os lumes con nocturnidade e aleivosía, atentos  a cando conflúen as circunstancias de sequidade, temperatura e vento, así como o lugar no que prender pra causar a devastación e efectos imprevisibles que mesmo acaban con predios e o peor con vidas humanas.... E a lección, que tampouco é novidade, semella non terse aprendido pra sumala aos remedios do código cultural. Nestas situacións - e non nas liturxias protocolarias - ponse a proba o saber, a eficacia política, concluíndo que a provisionalidade, que os remendos e o chabolismo non serven.

A Cultura agroma como resposta que os seres humanos damos a esa relación coa natureza e entre nós mesmos, conxuntándonos para saldar problemas. Acudimos entón a saberes tradicionais, a experimentacións e a inventos, mesmo ao aprendido polas relación con outros. Aproveitamos o que sirve e desbotamos o que non. A cultura pon a proba o sentidiño, sen ter que molestar tanto aos santos do ceo, nin á socorrida Santa Bárbara.

Eis a carraxe ante os temidos e respectados Catro Elementos: Terra, Aire, Auga, Lume ou o que é o mesmo, sólido, gas, líquido, plasma, un xeito de pentagrama que harmonizados, ritmicamente, proporcionan vida, arredor dos que as antigas civilizacións, especialmente dende os filósofos presocráticos, alá  polo século V antes de Cristo, simbolizaron deuses e crearon ritos e festas ás que tampouco foi alleo este noso cabo do mundo, Galiza, escarmentada polas augas, ventos, incendios e mesmo pola súa conxunción multiplicada e voraz . E así fomos acumulando experiencias que non deben esquecerse pra pasar á educación.

Terra que nos soporta, que por algures, máis que por aquí, trema e que mesmo rebenta en volcáns… Aire que respiramos, que, polo outono,  se desata en vento, abaneando todo… Auga que flúe das nubes, das fontes, dos mares para dar vida ou afogalo todo… Lume, solar, estralampo, que é luz e quentura e que tamén pode ser inferno… que prende e arde… Catro Elementos impredicibles na interacción cósmica da que tamén dependemos e á que retornamos finalmente. Así é que escarmentados imos creando normas “culturais”: onde e como construír, onde protexernos, axexar e controlar... Pero, como empezando de novo, no País do río Leteo,  esquecendo, atoutiñamos e tropezaremos, unha vez máis, na mesma pedra.

Teimamos en reducir a cultura a  un manual de liturxias, insistimos en seguir construíndo núcleos habitados e camiños de relación, en áreas volcánicas, en terreos pouco sólidos ou á beira de aludes, en leitos de ríos ou lagoas, en brañas, na mesma beira do mar, pouco protexidos dos ventos, das treboadas, do sol… en bosques espesos… sen  ter aprendido que especies poden ser ignífugas ou reter o lume, como o loureiro, o ciprés… a significación das fragas, adaptadas ao medioambiente...

Xa o enxeñeiro e teórico de Xulio César Vitrubio, anos antes do nacemento de Cristo, autor de “Arquitectura”, trata sobre onde construír, nunca nas ribeiras de augas e montes,  e como facelo a partir da proporción e dos principios de, beleza, firmeza e utilidade. Sabía il ben que os humanos estamos conformados dos  Catro principios, aos que chamaban Stoichêia e que a cuestión era organizalos: elección de paraxes sans nos que construír para vivir, de áreas para o uso común en orde ás condicións e ás circunstancias das paraxes....

Prehistoria e Historia, tear de cultura e de aculturación, a facer e desfacer fíos. Saberes acumulados dos que semella pouco se ten aprendido para sobrepoñerse a catástrofes naturais e artificiais que endexamais faltaron e que de cando en vez baten no ser humano. Foxos, coirazas, bunkers protexen ao individuo, cando o asunto é protexer á colectividade.

A CULTURA, O QUE O SER HUMANO CULTIVA... EDUCACIÓN NA PREVENCIÓN         

As condicións mudan aceleradamente, o intervencionismo, aguilloado polo mercantilismo cega os sentidos e nega a cultura, “que non vende, nin da votos”. Pese a tantos organismos responsables estatais, autonómicos, locais, con tantos órganos consultivos, técnicos e despachos, resultan incapaces de elaborar, establecer, divulgar e levar ao ensino, normativas preventivas, de facelas seguir coas conseguintes inspeccións...e non teremos outra que seguir na superstición e no ritual bíblico de lembrarnos de Santa Bárbara, ao menos por un tempo, até logo volver a esquecer a vixilia e a prevención de cuestións  que non prescriben, que tampouco son unicamente dos tempos das chuvias e das cheas, do calor e da seca... A cultura sirve para facer fronte a problemas e non  para quedar nun postureo ou performance parlamentaria ou liturxia funeral.

Os franceses, tan educados e afeitos á razón, nas landas da Borgoña, repoboadas de inmensos piñeirais, as vías rápidas, que por algo son rápidas, deixan a unha e outra banda amplos espazos, cunetas suficientes, pra que non haxa traspaso dos lumes ou das augas. As casas arrodéanse e protéxense  con escampados, si acaso con froiteiros en lugares comedidos, igual que os depósitos de auga, as billas....e xa non digamos os de gas. E por suposto a limpeza dos arredor, da dianteira e da traseira da casa, dos vertedoiros, será rutina de cada día...

A concienciación sobre o devandito debe formar parte permanente dos programas da educación, que “educación” significa canalizar para convivencia: concienciar sobre o delito, implicarse e aprender a salvar ese universo que é cada ser humano, os predios da  vida e do traballo, o patrimonio cultural que algo máis que o patrimonio arqueolóxico ou artístico, o legado colectivo. A cultura é para robustecer as raiceiras e erguer, cara á luz, froitos de futuro.

A cultura non é máis que  o que o ser humano cultiva para resolver a vida e consiste en poñer  coto  e remedio, solucións aos excesos dos Catro Elementos, provocados por causas naturais ou artificiais, os que, en vez de estar en regresión van en aumento: o abandono do rural, a descoordinación de medios, sempre escasos,  a necesidade de máis persoal, cualificado, motivado e unha lexislación penal clara e disuasoria. Educar solidariamente na vixilancia, na prevención, coa limpeza do monte, co fomento da silvicultura adecuada, sabendo o que hai que plantar e en que lugares, poñendo en valor os residuos celulósicos,  a recollida da biomasa forestal primaria, potenciar a agricultura e a  gandería...

Destrúese o que se abandona, para ser calquera día funesta pira, cuestión individual e política.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal